Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2000 Páx. 7.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2000, conxunta das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convocan catro cursos de aplicadores/manipuladores de praguicidas, nivel básico.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e

de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que se vaia realizar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de catro cursos, (dous de productos fitosanitarios e de uso gandeiro, e outros dous de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria) de aplicadores/manipuladores de praguicidas que se realizarán de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de cursos que se van impartir:

1.1. Dous cursos de aplicadores/manipuladores de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

1.2. Dous cursos de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores:

Os organismos organizadores serán:

2.1. O Servicio de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, para os cursos especificados no punto 1.1.

2.2. O Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os cursos especificados no punto 1.2.

3. Obxectivos dos cursos:

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou realicen tratamentos con praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro, ou de uso ambiental e na industria alimentaria, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerce-la dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios:

a) Destinatarios: aplicadores, persoal de establecementos e servicios praguicidas, agricultores e público en xeral.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter idade laboral para poder traballar con praguicidas. Terán preferencia na selección os aplicadores e/ou manipuladores pertencentes a empresas de tratamentos inscritas, ou en proceso de inscrición, no

Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

5. Realización:

Os cursos (un de cada clase en cada centro) levaranse a cabo nos seguintes centros:

1. Escola de capacitación agraria de Guísamo.

Enderezo: Guísamo, Bergondo (A Coruña).

CP: 15640. Teléfono: 981 79 52 20. Fax: 981 79 53 75.

2. Escola de capacitación forestal de Lourizán.

Enderezo: A Igrexa, 19, Lourizán (Pontevedra).

CP: 36153. Teléfono: 986 85 64 00. Fax: 986 85 64 20.

-Duración e horario:

Os cursos terán lugar nas seguintes datas:

Guísamo, Bergondo (A Coruña): do 5 ó 9 de xuño de 2000.

Lourizán (Pontevedra): do 12 ó 16 de xuño de 2000.

A duración de cada curso será de 23 horas lectivas distribuídas en 15 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario dos cursos será de 9 a 17.30 h (xornadas de mañá e tarde), de luns a xoves, e de 9 a 14 horas o venres. Os coordinadores poderán modifica-lo horario ou ben os días se é necesario.

6. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinadores técnicos dos cursos:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, os coordinadores técnicos serán:

1.1. Un técnico do Servicio de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria para os cursos 1.1 do punto 1 que terán lugar en Guísamo e Lourizán.

1.2. Manuel Porto Porto, xefe de Sección de Sanidade Ambiental da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña para o curso 1.2 do punto 1, que terá lugar en Guísamo, e María del Carmen Sánchez Barral, xefa de Sección de Sanidade Ambiental da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais de Pontevedra para o curso 1.2 do punto 1, que terá lugar en Lourizán.

8. Solicitudes e inscrición:

As solicitudes de asistencia presentaranse nos modelos que figuran no anexo I. O solicitante poderá asistir a un ou ámbolos dous cursos que se realicen no mesmo centro, sendo compatible o seu horario de realización.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou de Sanidade e Servicios Sociais, dependendo dos cursos solicitados, en horario de 9 a 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación da presente resolución.

-Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude ou solicitudes que figuran como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de praguicidas, especificando a labor que desempeña o solicitante neste.

-Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo de 5 días naturais, contados a partir do seguinte ó de finalización do prazo sinalado para a inscrición.

9. Certificado de superación do curso:

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polos alumnos e, en caso de superalas, expedirá o certificado co que, poderá solicitar ás direccións xerais de Producción Agropecuaria e de Saúde Pública, segundo corresponda, o carné de manipulador de praguicidas de productos fitosanitarios e de uso gandeiro ou de uso ambiental e na industria alimentaria, nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2000.

Antonio Crespo IglesiasPilar Farjas Abadía

Director xeral de ProducciónDirectora xeral de Saúde

Agropecuaria daPública da

Consellería de AgriculturaConsellería de Sanidade

Ganadería e Políticae Servicios Sociais

Agroalimentaria

ANEXO II

Programa dos cursos de nivel básico

para productos fitosanitarios e de uso gandeiro

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios no caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Programa dos cursos de nivel básico

para praguicidas de uso ambiental

e na industria alimentaria

1. Praguicidas. Descrición e xeneralidades.

2. Riscos para o home derivados da utilización dos praguicidas.

3. Xeneralidades sobre pragas ambientais e da industria alimentaria e os métodos de loita antivectorial. Técnicas de aplicación de praguicidas.

4. Praguicidas e ambiente. Problemas que presentan. Destrucción de envases.

5. Hixiene e seguridade no seu manexo e aplicación.

6. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios no caso de intoxicación por praguicidas.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.