Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2000 Páx. 7.454

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de abril de 2000 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Teatro Principal de Tui.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Teatro Principal de Tui, con domicilio en Tui.

Supostos de feito

1. A fundación, en escrito do 12 de abril de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Tui, o día cinco de abril de 2000, ante o notario Jesús María Rodríguez Enríquez, co número seiscentos vintetrés do seu protocolo por José Antonio Quiroga Quiroga, Jesús Vila Pérez, Esther Casal Vázquez, José Ignacio Alonso Piñeiro e Miguel Ángel Damián Martín Domínguez; interveñen no seu propio nome e José Antonio Quiroga Quiroga intervén ademais de por si en representación de Eduardo Ramón Cadenas Dapena.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a adquisición do inmoble do Teatro Principal de Tui, e o terreo veciño, a rehabilitación do edificio do devandito teatro, así como o desenvolvemento de actividades culturais (teatro, cine, música, danza, conferencias, exposicións de arte, etc.) no seo do seu ámbito escénico.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Antonio Quiroga Quiroga como presidente, Jesús Vila Pérez como vicepresidente, Esther Casal Vázquez, Eduardo Ramón Cadenas Dapena, José Ignacio Alonso Piñeiro e Miguel Ángel Damián Martín Domínguez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Teatro Principal de Tui, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia

exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de abril de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Teatro Principal de Tui e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública