Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 2000 Páx. 7.109

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de marzo de 2000 pola que se convocan os centros de ensinanzas non universitarias para incorporarse á bolsa de entidades colaboradoras no programa de prestación social substitutoria do servicio militar.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 31 a competencia plena desta comunidade para regular e administra-lo ensino, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no seu artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica do dereito á educación establece no artigo 15 que os centros educativos non universitarios dispoñen de autonomía para propor materias optativas, adaptar programas, adoptar métodos de ensino e organizar actividades culturais escolares e extraescolares, na medida en que non produza discriminación para ningún membro da comunidade educativa.

A Constitución española sinala no seu artigo 30.2º que a lei regulará a obxección de conciencia, como dereito do cidadán. Neste contexto e en cumprimento do precepto xa indicado, a Lei 48/1984, do 26 de decembro, regula a obxección de conciencia e a prestación social substitutoria do servicio militar. Nela indícase que a prestación social substitutoria se realizará preferentemente en entidades dependentes das administracións públicas ou en entidades privadas que reúnan unhas condicións determinadas.

A Xunta de Galicia, no seu desexo de colaborar no desenvolvemento dos programas de prestación social substitutoria, creou a Comisión Galega de Obxección de Conciencia, a través do Decreto 41/1995, do 3 de febreiro.

Para tal efecto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como entidade membro da comisión antes referida, establece a través da presente orde, o procedemento de acceso ós centros educativos de ensinanzas non universitarias, para solicita-la autorización para incorporarse á bolsa de entidades colaboradoras no programa de prestación social substitutoria, co propósito de seguir favorecendo a calidade e mellora dos servicios educativos.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar para o curso 2000-2001, a tódolos centros educativos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia, que desexen solicita-la autorización para incorporarse á bolsa de ofertas de centros colaboradores no desenvolvemento de programas de colaboración social, para realiza-la prestación social substitutoria, no ámbito educativo.

Segundo.-Os programas previstos para realiza-la prestación social substitutoria e co obxecto de que as colaboracións sociais contribúan á facilita-la igualdade de oportunidades e a dinamización sociocultural no ámbito educativo, son os seguintes:

1. Modalidade A) Programa de colaboración social na integración de alumnos con necesidades educativas especiais.

2. Modalidade B) Programa de colaboración social no desenvolvemento de actividades nas bibliotecas escolares.

O programa da modalidade A) deberá cumprir como obxectivo xeral facilita-la igualdade de oportunidades no ámbito escolar, colaborando no desenvolvemento das potencialidades individuais, autonomía e calidade de vida dos alumnos con necesidades educativas especiais.

A colaboración social do obxector, nesta modalidade de programa, desenvolverase durante o tempo que o alumnado permaneza ligado á actividade escolar prevista no proxecto educativo do centro e que con carácter xeral xirará respecto das actividades seguintes:

A.1. Actividades regradas dentro das aulas escolares, como a mobilidade de mesas, cadeiras ou calquera outro material específico que precisen os alumnos con minusvalidez; no cumprimento das normas da clase; na adquisición de hábitos de compostura e hixiene e en calquera outro que estime preciso o profesor da aula.

A.2. Actividades regradas fóra da aula, nos tempos libres e de xogos escolares, no recreo, nos corredores, nos servicios, custodia e se é preciso por falta de autonomía persoal, atención directa a servicios mínimos sempre baixo a dependencia directa do profesor correspondente.

A.3. Actividades complementarias relacionadas co transporte, na axuda ó acceso ós medios de transporte que utilizan os alumnos habitualmente, en excursións

ou noutras que estime precisas o director ou directora do centro educativo.

A.4. Actividades complementarias relacionadas coas actividades no comedor escolar como servi-los pratos, no caso de autoservicio e se é preciso na adquisición de hábitos de hixiene alimentaria (mastigar ben, manexo dos cubertos, limpa-la boca), así como atende-la dimensión social do acto de comer en grupo (conversar, non berrar, etc.) ou calquera outra indicada nas directrices fixadas polo centro educativo.

A.5. Actividades extraescolares: nas competicións deportivas; na organización e participación de festas, ligas ou campionatos escolares; na socialización e fomento de dinámicas interpersoais e de comunicación, nos tempos libres, no autocar, en excursións, sempre baixo a dependencia directa do profesor correspondente, se é o caso.

O programa da modalidade B) deberá ter como obxectivo xeral o de colaborar nas actividades de posta en funcionamento, organización ou dinamización que se desenvolvan na biblioteca escolar baixo as directrices do profesor responsable dela.

A colaboración nesta modalidade de programa desenvolverase durante o tempo que se especifique no proxecto educativo do centro e con carácter xeral xirará respecto das seguintes actividades:

B.1. Orientadas ó profesorado e alumnos relacionadas coa información sobre a oferta bibliográfica da biblioteca.

B.2. Dirixidas ós alumnos e relacionadas coa información sobre aspectos de organización da biblioteca, para mellora-la autonomía nela.

B.3. Orientadas a tódolos posibles usuarios, na adquisición de hábitos de orde e consideración ós libros.

B.4. Outras actividades relacionadas coa utilización da biblioteca aprobadas polo consello escolar do centro, na organización de actividades de animación á lectura; así como cando asociacións ou outras organizacións sociais do contorno do centro, dispoñan dela como lugar de reunión.

Terceiro.-O número de colaboradores sociais que se pode solicitar por centro será, con carácter xeral, dun por programa presentado.

Para o programa da modalidade A): dependendo da gravidade das necesidades, e do número de unidades do centro que acollan alumnado destas características poderá solicitarse ata un máximo de tres colaboradores sociais por centro.

Para o programa da modalidade B): só se poderá solicitar un segundo colaborador social por centro e biblioteca, nos centros que impartan ensinanzas en réxime diurno e nocturno.

Cuarto.-Os centros que desexen tomar parte nesta convocatoria deberán presentar unha solicitude asinada polo director/a do centro cos datos que figuran no anexo I.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

1. Certificación das actas do consello escolar e do claustro de profesores do centro, na que se recolle o acordo da colaboración solicitada.

2. Proxecto do centro, no que conste por cada programa presentado:

2.1. Modalidade de programa.

2.2. Planificación e viabilidade das actividades de colaboración dentro da organización xeral do centro.

2.3. Horarios previstos para a colaboración.

2.4. Relación de persoas involucradas no desenvolvemento do programa.

Quinto.-A solicitude acompañada da documentación indicada dirixirase ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente e presentarase por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presentación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-Os delegados provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional - Vocalía da Comisión Galega de Obxección de Conciencia na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria - tódalas solicitudes recibidas, logo de seren informadas polo Servicio Provincial de Inspección.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, logo do informe da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, procederá á súa resolución nun prazo máximo de catro meses contados a partir da data de presentación da solicitude.

Sétimo.-A resolución, coa relación de centros autorizados para colaborar no Programa de Obxección de Conciencia, publicarase no Diario Oficial de Galicia. A relación dos centros educativos autorizados será remitida á Comisión Galega de Obxección de Conciencia - Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para que se inclúan na bolsa de oferta de entidades colaboradoras.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo establecido no punto sexto, o sentido do silencio será negativo.

Contra esta resolución cabe interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou no de tres meses no caso de silencio administrativo.

Oitavo.-A autorización do centro como entidade colaboradora non garante a participación de persoal colaborador social. Esta dependerá das posibilidades da oferta e da elección dos destinos por parte dos colaboradores sociais.

Noveno.-A colaboración do obxector estará suxeita ás indicacións do director do centro, segundo o acordado na autorización do programa.

Décimo.-En cada centro autorizado, o responsable dos programas será a directora ou director do centro ou persoa na que delegue, e terá como funcións as indicadas no artigo 61 do Real decreto 266/1995, do 14 de febreiro (BOE do 16 de marzo).

Décimo primeiro.-O director e/ou os profesores colaboradores no desenvolvemento de cada programa, prestarán asesoramento ós colaboradores sociais achegando nocións xerais sobre a estructura organizativa e funcional do centro, así como respecto de cuestións específicas para o desenvolvemento de cada programa.

Décimo segundo.-Excepcionalmente, os centros, ante razóns debidamente xustificadas, poderán modifica-la realización do programa inicialmente previsto. Neste caso, para a autorización das alteracións que estimen oportunas, presentarase de novo a documentación esixida, coas certificacións de actas de sesións do claustro e do consello escolar nas que foron aprobadas tales suxestións seguindo o proceso de trámite xa indicado.

Décimo terceiro.-A duración da autorización do centro educativo como entidade colaboradora será prorrogable sempre que non se acorde a disolución da colaboración por parte do centro. Neste caso, farase un aviso, cunha antelación de seis meses, indicando a vontade de rescindi-la colaboración debidamente xustificada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dictar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación e desenvolvemento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria