Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 17 de abril de 2000 Páx. 6.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de abril de 2000 pola que se convocan actividades formativas para o curso 2000-2001 destinadas a profesorado de inglés e de francés, e se aproban as súas bases de concesión.

No marco da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), e nos desenvolvementos que sobre linguas estranxeiras se regulan nos decretos 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro e 275/1994, do 29 de xullo, que establecen os currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, respectivamente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén convocando, desde hai tres anos, actividades formativas para o profesorado de linguas estranxeiras, máis concre

tamente de inglés e de francés, co obxecto de fomenta-la actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia comunicativa en contacto directo coa cultura dos países de orixe das devanditas linguas.

Máis recentemente, esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas polos cidadáns da nosa Comunidade Autónoma e da preocupación que neste sentido se manifesta desde tódolos ámbitos sociais, puxo en marcha o proxecto de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria e o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, que requiren para a súa óptima implantación dun profesorado especialista actualizado e cun alto nivel de competencia comunicativa.

O contexto europeo da nosa comunidade, plurilingüe e multicultural, esixe que tódolos membros da sociedade estean en igualdade de condicións para poder acceder e desfrutar das oportunidades que a Unión Europea lles ofrece no mundo laboral, persoal e de acceso á cultura a través das tecnoloxías da comunicación e da información.

A consecución destes obxectivos debe igualmente considerarse desde a perspectiva da contribución a reforzar unha cidadanía europea activa, cunha educación que invite a xuventude a asumi-las súas responsabilidades a nivel supranacional e de contribución á creación dunha Unión Europea aberta a tódolos países, baseada na comprensión, a cooperación, a tolerancia e a solidariedade.

Na procura destes fins, a Administración educativa galega é consciente da súa tarefa na formación permanente do profesorado de linguas e no deseño de actividades formativas que lle proporcionen a oportunidade de enriquece-los coñecementos nestas linguas, noutros sistemas educativos e no seu contorno cultural.

Baseándose na cooperación activa entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e institucións e organizacións educativas estranxeiras, establécese un deseño de actividades formativas que se realizarán en Gran Bretaña e Francia, coa oferta de cursos de formación e a potenciación das actividades de intercambio de profesores que, ademais das repercusións que sobre a mellora competencial na lingua ten sobre os docentes, lle posibilite ó alumnado poñerse en contacto con cidadáns do país da lingua que aprende para mellora-la competencia lingüística e fomenta-lo interese pola cultura dese país.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Convocatoria

Primeiro.-Convocar actividades de formación para o curso 2000-2001, dirixidas a profesorado de inglés

e de francés que pertenza ós corpos de mestres, profesorado de ensino secundario ou de escolas oficiais de idiomas, destinado actualmente e durante o vindeiro curso 2000-2001 en centros públicos dependentes desta Comunidade Autónoma.

As actividades convocadas son as seguintes:

a) Cursos de formación:

-Un curso de francés para 20 profesores de ensino primario que se impartirá en Francia. O curso terá unha duración de 5 semanas, a última delas de asistencia nun centro educativo francés. As datas de realización serán do 16 de outubro ó 17 de novembro de 2000.

-Un curso de inglés para profesorado de ensino primario, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Gran Bretaña, desenvolvido nas seguintes quendas:

* Un primeiro grupo de 25 profesores do 9 de outubro ó 3 de novembro de 2000.

* Un segundo grupo de 25 profesores do 6 de novembro ó 1 de decembro de 2000.

* Un terceiro grupo de 25 profesores do 8 de xaneiro ó 2 de febreiro de 2001.

O profesorado solicitante deste curso indicará, na folla de solicitude do anexo I, a súa orde de preferencia para cada unha das quendas.

-Un curso de inglés para 30 profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas que se impartirá en Gran Bretaña, cunha duración de 4 semanas e desenvolvido do 6 de novembro ó 1 de decembro de 2000. O 10 por cento destas prazas reservarase para o profesorado do corpo de escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

b) Actividades de intercambio:

-Un intercambio posto a posto para 15 profesores de francés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 3 semanas, con docentes de español en Francia, desenvolvido do 13 de novembro ó 1 de decembro de 2000. Os participantes que o desexen poderán optar por unha semana máis de permanencia, co obxecto de estudiar aspectos relevantes do sistema educativo francés.

-Un intercambio-asistencia (jobswap) para 10 profesores de inglés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 2 semanas, con docentes de español en Gran Bretaña. As datas de desenvolvemento desta actividade serán acordadas polas parellas de docentes dentro do primeiro trimestre do curso 2000-2001.

Segundo.-Os profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialidade de inglés, poderán solicita-las dúas actividades convocadas

para eles, indicando, na folla de solicitude do anexo I, a súa prioridade.

Os profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialidade de francés, deberán indicar, na folla de solicitude do anexo I, a súa opción pola semana adicional.

Terceiro.-Nas actividades de intercambio posto a posto e de intercambio-asistencia (jobswap), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reduci-lo número de prazas ofertadas naqueles casos en que, debido a causas de forza maior, as administracións educativas colaboradoras do país correspondente non poidan dispoñer do profesorado necesario para a formación das parellas de docentes.

Condicións e requisitos de participación

Cuarto.-Os solicitantes destas actividades deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Ser profesor especialista na lingua estranxeira para a que solicita a actividade.

2. Estar en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na actualidade e no curso para o que se solicita a actividade.

3. Con carácter xeral, ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria ou de escolas oficiais de idiomas, segundo corresponda.

No caso do profesorado que accedeu a un corpo tendo como procedencia outro anterior, a antigüidade mínima esixida no corpo actual, como funcionario de carreira, é dun ano.

No caso do profesorado solicitante das actividades de intercambio posto a posto e intercambio-asistencia (jobswap) a esixencia será ser funcionario en prácticas ou funcionario de carreira, sen mínimo de antigüidade.

4. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a actividade de formación, é dicir, durante o curso 2000-2001.

Quinto.-Terán preferencia na adxudicación das prazas convocadas:

-Os profesores que estean impartindo a lingua estranxeira correspondente durante o curso 1999-2000.

-Os profesores que non desfrutaran de licencia por estudios ou aqueles que desfrutándoa o fixeran durante o curso 1993-1994 ou anteriores.

Sexto.-Profesorado con condicións especiais de participación:

-O profesorado de linguas estranxeiras participante en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, convocados pola Orde do 5 de abril de 1999 (DOG do 30), de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de linguas estranxeiras participante no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria establecido pola Orde do 30 de abril de 1999 (DOG do 3 de xuño), de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de escolas oficiais de idiomas, de acordo co especificado no punto primeiro desta orde.

-O profesorado que participou na actividade de intercambio-asistencia (jobswap) da convocatoria destas mesmas actividades para o curso 1999-2000, de acordo co especificado no baremo desta orde.

Sétimo.-Profesorado excluído desta convocatoria:

-O profesorado ó que se lle concedera un curso de formación destas actividades formativas nas convocatorias para os cursos 1997-1998, 1998-1999 e 1999-2000 estará excluído de participar de novo no mesmo curso de formación. A exclusión non afecta as actividades de intercambio.

-O profesorado que estea desfrutando no curso 1999-2000 ou que teña concedida para o curso 2000-2001 licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Os funcionarios do corpo de mestres que teñan concedido para o curso 2000-2001 un curso de especialización convocado por esta consellería.

Organización e características dos cursos

Oitavo.-A organización dos cursos, do intercambio e do intercambio-asistencia (jobswap) correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen poderá convi-los servicios necesarios para levar a cabo estas actividades.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, co obxecto de asegurar un mellor desenvolvemento destas actividades na súa modalidade de curso de formación, promoverá a elección dun coordinador de grupo entre as persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos convocados.

As funcións do coordinador de grupo serán de enlace entre o profesorado seleccionado e o Servicio de Formación do Profesorado, por unha banda, e de enlace do profesorado seleccionado e a institución educativa que imparta o curso, pola outra.

Décimo.-Os cursos e os intercambios estarán orientados á mellora do nivel de competencia lingüística e á actualización metodolóxica no ensino das linguas estranxeiras e no seu ensino precoz.

Solicitudes de participación

e prazo de presentación

Décimo primeiro.-Os interesados nas actividades de formación que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo I e segundo o procedemento establecido no punto décimo segundo.

Décimo segundo.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servicios certificada pola delegación provincial correspondente e pechada o 31 de agosto ou o 30 de setembro de 2000, segundo o corpo ó que se pertenza.

2. Copia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira ou, no seu defecto, do documento administrativo equivalente.

3. Certificado, se é o caso, expedido polo secretario do centro, co visto e prace do seu director, no que conste que durante o curso 1999-2000 o solicitante imparte a lingua estranxeira correspondente.

4. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II desta orde.

A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que o solicitante incorpore á súa instancia, poderá efectuarse nos centros de educación infantil/primaria, centros públicos integrados, centros de secundaria e escolas oficiais de idiomas, compulsa que asinará o director ou secretario do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.

5. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo II.

6. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base décimo terceira da presente convocatoria.

Décimo terceiro.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Décimo cuarto.-Unha vez rematada cada unha das actividades os profesores participantes terán prazo dun mes, contado desde a data de remate, para lle remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional un informe da actividade realizada.

As pautas para a realización do dito informe facilitaránselles nas xuntanzas informativas que ó longo do curso 2000-2001 se convocarán para o efecto.

Durante o mes de febreiro de 2001 os concursantes, seleccionados ou non, poderán retira-la súa documentación do Servicio de Formación do Profesorado (rúa San Lázaro 107. Santiago de Compostela), ben directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdéndose todo dereito sobre ela.

Procedemento para a adxudicación das prazas

Décimo quinto.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, que será o presidente.

-O xefe de Servicio de Formación do Profesorado.

-Dous membros da Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. O nome do representante sindical seralle comunicado ó presidente da comisión de selección coa debida antelación.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Décimo sexto.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo II desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente os seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 1.2 do baremo

c) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

d) A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

2. Finalizada a preselección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que se exporá nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro e nos das delegacións provinciais, así como na páxina web da Xunta de Galicia no seguinte enderezo electrónico: http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxoefp/sformp/sfm12.htm

A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante a comisión seleccionadora prevista na base décimo quinta. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora remitiralle ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados e dos reservas . A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase nos taboleiros de anuncios e na páxina web indicada no parágrafo anterior.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo sétimo.-Unha vez resolta esta convocatoria soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados polo director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

As vacantes xurdidas como consecuencia das renuncias, autorizadas ou non, serán cubertas con solicitantes que figuren como reservas, por orde de puntuación.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Condicións económicas

Décimo oitavo.-As condicións económicas de participación son as seguintes:

a) Os gastos de docencia dos cursos en Gran Bretaña, así como os de aloxamento en familias e mantenza, agás o lunch, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Uni-

versitaria. Establécese unha axuda compensatoria para gastos de desprazamento por importe de 60.000 ptas. (360,607 euros) por profesor/alumno.

b) Os gastos de docencia do curso para mestres en Francia serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado de francés de ensino primario que sexa seleccionado recibirá unha axuda compensatoria para os gastos de aloxamento en familias, mantenza e desprazamento de 210.000 ptas. (1.262,125 euros) por profesor/alumno.

c) O profesorado de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio posto a posto con Francia recibirá unha axuda compensatoria para gastos de aloxamento, mantenza e desprazamento de 200.000 ptas. (1.202,024 euros) por profesor/alumno. A axuda compensatoria será de 250.000 ptas. (1.502,530 euros) por profesor/alumno para os que opten pola semana adicional de permanencia.

d) O profesorado de inglés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio-asistencia (jobswap) con Gran Bretaña recibirá unha axuda compensatoria para gastos de aloxamento, mantenza e desprazamento de 150.000 ptas. (901,518 euros) por profesor/alumno.

Estas cantidades faranse efectivas despois de rematada a actividade e logo de verificación da súa asistencia.

O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 por importe de 14.250.000 ptas. (85.644,224 euros) no exercicio orzamentario de 2000 e por importe de 1.500.000 ptas. (9.015,181 euros) no exercicio orzamentario do ano 2001.

Décimo noveno.-Durante o tempo de duración das actividades de formación os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, ademais da axuda compensatoria de gastos mencionada no punto décimo oitavo.

Vixésimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Vixésimo primeiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria