Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 14 de abril de 2000 Páx. 6.328

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de marzo de 2000 pola que se convoca concurso público de méritos para cubrir determinadas prazas, en réxime de comisión de servicio, por funcionarios docentes de ensino non universitario, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) encoméndalles ás administracións educativas o fomento da investigación e da innovación nos ámbitos curricular, metodolóxico, tecnolóxico, didáctico e organizativo.

Os cambios que se producen no eido cultural, tecnolóxico e productivo sitúannos diante dun horizonte de frecuentes readaptacións, actualizacións e novas cualificacións. Por estas razóns, a reforma educativa é entendida como un proceso continuo, unha permanente posta en práctica das innovacións e dos medios que lle permitan ó sistema educativo acada-los fins que a sociedade lle encomenda.

A aplicación progresiva e xeneralizada das novas ensinanzas esixe, nestes momentos, un maior esforzo no deseño e planificación, especialmente en campos como o desenvolvemento curricular, nas diversas etapas educativas establecidas na LOXSE.

Pola súa parte, o Novo Programa de Formación Profesional fixa nos obxectivos para a formación profesional inicial o deseño de materiais didácticos de apoio, en relación coas distintas especialidades, así como promove-la súa adecuación ás modalidades de ensino non presenciais e ás que se destinan ás persoas adultas, favorece-lo desenvolvemento de proxectos de

mellora da calidade educativa, e difundi-las experiencias de innovación e desenvolvemento a nivel autonómico, estatal ou internacional.

A obrigatoriedade do módulo de formación en centros de traballo, nos ciclos formativos de formación profesional específica, fai necesaria unha especial atención á relación entre centros educativos e empresas, polo que se require duns servicios de apoio e promoción desde a administración educativa adecuados para esta finalidade.

A publicación do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas da educación de persoas adultas, vén facilita-la organización dunha maior oferta nesta modalidade de ensino en etapas educativas postobrigatorias, o que redundará en beneficio da formación e a cualificación profesional dos cidadáns.

A extensión da oferta dos programas de garantía social, que presentan unhas características de flexibilidade curricular, fai necesaria unha revisión e redefinición constante para a súa mellor adecuación ás características do alumnado ó que van destinados e ás necesidades dos sectores socioproductivos, e cumprir eficazmente a finalidade profesionalizadora destes programas.

Así mesmo, os programas educativos europeos, que se impulsan desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, precisan dun apoio continuado á vista da previsión destes programas da Unión Europea que se inicia neste ano, co horizonte de 2006.

Tendo en conta que o Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios, establece que se poderán cubrir en réxime de comisión de servicio, por concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios, aquelas prazas que segundo as previsións contidas no artigo 59 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, fomenten e favorezan a integración en equipo de profesores para a elaboración de proxectos que inclúan innovacións curriculares, metodolóxicas, didácticas, de avaliación, apoio técnico á investigación e organización de centros docentes, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócase concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios para cubri-las prazas en comisión de servicio nos servicios centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se especifican no anexo I desta orde.

Segundo.-Funcións.

As funcións que desenvolverá o persoal seleccionado son as que se indican no anexo I, relacionadas coa elaboración de currículos e o seu desenvolvemento,

a elaboración de materiais de apoio para as diferentes etapas educativas, o apoio á formación en centros de traballo, a promoción dos programas educativos europeos, así como as de colaboración nas accións que se leven a cabo nos servicios ós que resulten adscritos.

Terceiro.-Concursantes.

Poderán participar neste concurso os profesores e as profesoras dos centros públicos de niveis non universitarios, funcionarios de carreira, que reúnan os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes:

a) Encontrarse en situación de servicio activo ou servicios especiais na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a praza.

c) Contar cun mínimo de 3 anos de experiencia docente como funcionario de carreira.

d) Cumprir cos requisitos específicos da praza que se indican no anexo I.

Cuarto.-Solicitude e documentación.

1. Solicitudes.

a) Os interesados en participar deberán presenta-la súa solicitude mediante instancia axustada ó modelo que se publica no anexo II desta convocatoria, indicando as prazas que se solicitan por orde de preferencia.

b) A instancia, así como a documentación á que se alude no punto cuarto.2 da presente convocatoria, poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificios administrativos de San Caetano, 15771 Santiago de Compostela), nas delegacións provinciais da consellería ou en calquera das dependencias que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixiranse ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

No caso de que se presentase a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.

2. Á instancia xuntarase a seguinte documentación:

a) Folla de alegación de méritos e autobaremación, axustada ó modelo que se atopará á disposición dos interesados nas delegacións da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Documentación á que se refire o anexo III desta convocatoria, para acreditar tódolos servicios e méritos alegados, así como unha relación numerada, datada e asinada, dos documentos presentados seguindo a orde que aparece no citado anexo. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

c) Proxecto de traballo, referido ás funcións que se van realizar, cunha extensión máxima de 20 folios.

Quinto.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación de instancias e documentos será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os méritos alegados fóra do prazo de presentación das solicitudes non se terán en conta nin serán valorados.

Sexto.-Comisión de selección.

1. O presente concurso será resolto por unha comisión de selección formada polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

-Vocais:

O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

Dous xefes de Servicio da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Dous membros da Inspección Educativa.

-Secretario: un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará con voz e sen voto.

Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante seralle comunicado ó presidente da comisión de selección.

2. A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coiden pertinentes. Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da subcomisión con voz e sen voto.

3. Os membros da comisión e da subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), estando cualificadas na categoría primeira.

Sétimo.-Proceso de selección.

O proceso de selección constará de dúas fases. Unha primeira na que se valorarán os méritos alegados e o proxecto, e unha segunda na que se realizará unha entrevista ós aspirantes que superen a primeira fase.

Oitavo.-Primeira fase de selección.

a) A comisión fará públicas as puntuacións provisionais asignadas a cada un dos aspirantes, como resultado da aplicación do baremo que figura no anexo III. Estas listaxes publicaranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais.

b) Os aspirantes poderán presenta-las alegacións que estimen convenientes contra a listaxe provisional, dirixidas ó director xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional, no prazo de cinco días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación, por calquera dos procedementos recollidos no punto cuarto1.b) desta orde.

c) Unha vez estudiadas e resoltas as alegacións presentadas, a comisión publicará a lista definitiva das puntuacións nos epígrafes de méritos e proxecto de traballo, nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Noveno.-Segunda fase de selección.

a) Tódolos aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto serán convocados pola comisión de selección á celebración dunha entrevista para apreciar mellor as circunstancias que concorren neles, e que tratará sobre o proxecto presentado.

b) Os aspirantes que non acaden unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista non poderán ser propostos pola comisión, sendo seleccionados aqueles aspirantes que obtendo as puntuacións mínimas sinaladas acaden as maiores puntuacións no total dos epígrafes recollidos no baremo establecido no anexo III, para a praza que solicitan.

c) No caso de producírense empates no total de puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nos epígrafes 7, 2.1, 1.1 e 5 do baremo.

Décimo.-Proposta de nomeamento.

1. A relación provisional dos concursantes preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Establecerase un prazo de cinco días para que os interesados poidan efectua-las posibles reclamacións ou renuncias ás prazas adxudicadas provisionalmente.

2. Unha vez resoltas as reclamacións, admitidas as posibles renuncias e superado un proceso de formación por parte dos seleccionados, a comisión remitiralle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta definitiva coa expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final das persoas seleccionadas con mención do posto que se adxudicará a cada unha delas.

Décimo primeiro.-Resolución da convocatoria.

1.-Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación de postos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderán notificados, para tódolos efectos, os concursantes ós que lles afecte.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes

contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. Os funcionarios e funcionarias docentes que resulten seleccionados pola presente convocatoria quedarán adscritos ós postos adxudicados a partir da data que se indique na resolución definitiva, e permanecerán neles en réxime de comisión de servicios, con reserva de posto de traballo de orixe, por un período dun ano, renovable ano a ano ata un máximo de seis, establecéndose un proceso de avaliación do exercicio da súa actividade que, no caso de ser positiva, determinará a súa continuidade.

3. O prazo máximo para notifica-la resolución deste procedemento é de seis meses desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Décimo segundo.-Devolución da documentación presentada.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación presentada para acredita-los méritos alegados na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 107, 15771 Santiago de Compostela), no prazo de trinta días pasado un mes desde a publicación no DOG da resolución definitiva do concurso.

Décimo terceiro.-Retribucións.

Para efectos de retribucións, en concepto de complemento específico, os funcionarios docentes que resulten seleccionados percibirán o complemento específico correspondente a membros de equipos da reforma, segundo o establecido no anexo IV.2º.dous da Orde do 14 de xaneiro de 2000, DOG do 24, pola que se dictan instruccións para a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Persoal e á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO III

Baremo

ConceptosMáximo de puntos por curso,

actividade, etc.

Total

puntos

Documentos

xustificativos

1. Méritos específicos relacionados co posto ó que aspira.

1.1. Participación ou coordinación de actividades de deseño curricular.0,5 por currículo de etapa ou ciclo formativo1

1.2. Participación en programas europeos.0,25 por actividade.0,5

1.3. Participación en programas ou actividades de investigación e innovación educativa relacionados coa especialidade á que se opta.0,50 por actividade.2Fotocopias cotexadas das certificacións acreditativas.

1.4. Participación en programas ou actividades de investigación e innovación educativa de carácter xeral0,50 por actividade.1

1.5. Por cada ano de servicio nas estructuras da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria relacionadas coa especialidade á que opta.0,50 por ano.2

2. Asistencia a actividades de formación.

Por asistencia a actividades de formación do profesorado organizadas polas administracións educativas, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións citadas, así como as organizadas polas universidades:Ata 25 horas 0,10

De 26 a 50 horas 0,20

De 51 a 100 horas 0,30

De 100 a 150 horas 0,40

Máis de 150 horas 0,60

2.1. Actividades sobre aspectos curriculares, metodolóxicos e de avaliación propios da especialidade á que opta.2Fotocopias cotexadas das certificacións acreditativas.

2.2. Actividades relacionadas con aspectos curriculares, metodolóxicos e de avaliación, de carácter xeral.1

2.3. Actividades relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación.1

2.4. Actividades relacionadas cos idiomas, cos temas transversais do currículo ou coa atención á diversidade.0,5

3. Publicacións.

3.1. Publicacións de carácter científico, pedagóxico e didáctico relacionadas coa especialidade á que opta.Por libro ata 1

Por artigo ata 0,25

Por vídeo, casete, CD, disquete e outras similares ata 0,25

2Exemplares correspondentes con ISBN ou ISSN.

3.2. Publicacións educativas de carácter xeral.

1

4. Titulacións académicas.

4.1. Polo título de doutor.1

4.2. Por cada titulación de grao superior distinta á alegada para o ingreso no corpo desde o que participa.0,502

4.3. Por cada titulación de grao superior en ciencias da educación (sección de ciencias da educación), pedagoxía ou psicopedagoxía, distinta á alegada para o ingreso no corpo desde o que participa.0,75Fotocopias cotexadas dos títulos ou certificacións de estudios.

4.4. Por cada titulación de grao medio ou diplomatura distinta á alegada para o acceso ó corpo desde o que participa.0,25

5. Antigüidade.

Por cada ano de servicio como funcionario/a de carreira (non se computarán os esixidos como requisito).0,203Folla de servicios.

6. Cursos de lingua galega.
Iniciación 0,50

Perfeccionamento 1

1Fotocopias cotexadas.

7. Proxecto de traballo como asesor/a de formación permanente do profesorado e entrevista.

(Puntuación mínima alegada para este apartado: 4 puntos para o proxecto e 4 puntos para a entrevista)

Proxecto 6

Entrevista 6

12Proxecto (máximo 20 folios)