Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 13 de abril de 2000 Páx. 6.216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2000 pola que se convoca un curso sobre a actividade de policía marítima en Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre a actividade de policía marítima en Galicia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios nesta materia para que os seus destinatarios poidan desenvolve-lo seu labor profesional con maior eficacia.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ó persoal do servicio de inspección e vixilancia pesqueira, persoal da Consellería de Pesca e Medio Ambiente, policía local, membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, Garda Civil do Mar, Servicio de Vixilancia Aduaneira e persoal da Administración periférica.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán en cada curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de maio, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de Tráfico e seladas e será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito comportará á exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso realizarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos: 1. O dominio público marítimo e os espacios marítimos. 2. O exercicio de competencias administrativas específicas sobre o dominio público marítimo e a actividade de policía marítima das administracións públicas. 3. O control xurisdiccional da actividade de policía marítima das administracións públicas.

Datas.

O curso realizarase do 22 de maio ó 2 de xuño.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 15 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade; tamén poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de marzo de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade