Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2000 Páx. 3.976

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 53/2000, do 16 de marzo, polo que se regula o cesamento e a toma de posesión do persoal pertencente ós servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, adxudicatarios dalgunha praza vacante do concurso convocado pola Orde do 29 de xuño de 1999.

No Diario Oficial de Galicia nº 215, do 5 de novembro de 1998 publicouse o Decreto 293/1998, do 26 de outubro, polo que se procede á execución da sentencia 85/1998, do 4 de febreiro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, modificado polo Decreto 19/1999, do 21 de xaneiro (DOG nº 27, do 10 de febreiro).

De conformidade co previsto no citado decreto convócase a través da Orde do 29 de xuño de 1999 concurso para a provisión dos postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia pertencente ós servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma (DOG nº 135, do 15 de xullo).

Por outra banda o artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, establece, con carácter xeral, os prazos de cesamento e de toma de posesión en postos de traballo como consecuencia dun concurso de traslados ou dun procedemento de provisión por libre designación en convocatoria pública.

Pola súa vez, o dereito transitorio do Decreto 237/1992, do 30 de xullo, determinaba o réxime xurídico aplicable ó persoal que prestaba os servicios veterinarios e arbitraba os mecanismos a través dos cales se ía produci-lo tránsito do réxime xurídico específico naquel intre aplicable ó colectivo de veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma, é dicir, o propio do persoal sanitario funcionario, ó réxime xurídico xeral da función pública de Galicia. O último dos mecanismos previstos era o concurso para a provisión dos postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia pertencentes ós servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma convocado por Orde do 29 de xuño de 1999 (DOG nº 135, do 15 de xullo) e que está a punto de resolverse.

A tramitación do dito concurso de traslados, como consecuencia da reestructuración dos postos de traballo, presentou especialidades na súa tramitación, fundamentadas no feito mesmo da reestructuración e, xuridicamente, no artigo 1.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que prevé a posibilidade de dictar normas especiais para o persoal sanitario.

En efecto, neste concurso tódolos funcionarios en situación de servicio activo na data 22 de xuño de 1994 tiñan a consideración de concursantes forzosos, debido a que os seus postos de traballo, suxeitos a un réxime xurídico, retributivo e funcional propio

do persoal funcionario sanitario, desapareceron como consecuencia da reestructuración levada a cabo polos decretos 200/1991, do 13 de xuño, e 237/1991, do 30 de xullo, creándose pola súa vez outros postos de traballo, nos que se adxudica destino, que teñen un réxime xurídico, retributivo, funcional e, incluso, un ámbito territorial distinto.

Esta mobilidade, xeneralizada para tódolos postos de traballo que agora nos ocupa, suporía, polo xogo ordinario dos prazos de toma de posesión e cesamento, un baleiro na atención en gran parte dos servicios, o que podería xerar potenciais riscos nas áreas de saúde pública, sanidade animal e nos servicios veterinarios de pesca. Trátase, pois, dunha situación única e excepcional que require un tratamento singular, polo que queda plenamente xustificada a solución adoptada por este decreto de fixar con carácter xeral, unha data de cesamento e unha data de toma de posesión, incluso para o persoal que se atope en incapacidade temporal, ou desfrutando de permisos, vacacións ou licencias.

Polo tanto, en uso das atribucións que me confire a disposición derradeira primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, logo de consultar coa Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e informe da comisión de persoal, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A data na que se producirá o cesamento nos actuais postos de traballo de tódolos participantes en ámbalas dúas fases do concurso para a provisión de postos de traballo do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia pertencentes ós servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma convocado por Orde do 29 de xuño de 1999, será o día 22 de maio de 2000 e a data na que deberán tomar posesión dos novos postos de traballo será o día 23 de maio de 2000

No suposto de que algún funcionario estea nesas datas desfrutando dun permiso, licencia ou vacacións ou se atope en situación de incapacidade temporal, será, de oficio, cesado no seu actual posto de traballo e daráselle posesión do novo posto nas datas indicadas, mantendo, se é o caso, a situación de desfrute do permiso, licencia ou vacacións ou incapacidade temporal.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública