Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2000 Páx. 3.853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cuarzos Industriales, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Cuarzos Industriales, S.A. (código 1500452), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-2-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 27-1-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de febreiro de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Sétimo convenio colectivo da empresa Cuarzos Industriales, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo é o que regulará as relacións laborais entre a empresa Cuarzos Industriales, S.A. e os seus traballadores dos centros de traballo da mina Sonia, no Barqueiro, incluído o seu couto mineiro e a planta de Tordoia co seu couto mineiro.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio terá unha duración de dous anos, con efectos desde o día 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 3º.-Prelación de normas.

O articulado deste convenio colectivo respecta a Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores e normas que o desenvolven.

Este convenio aplicarase con prioridade ó Estatuto do mineiro do 21 de decembro de 1983.

Artigo 4º.-Denuncia e prórroga.

En caso de non mediar denuncia de calquera das partes afectadas cunha anticipación non inferior a dous meses ó final da súa vixencia, o convenio quedará prorrogado por períodos dun ano, sen máis modificacións cás que resulten de actualiza-la táboa salarial pactada para 2001.

A denuncia formalizarase por escrito e remitiráselle á representación legal da outra parte.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións pactadas neste convenio compensarán e absorberán calquera outra que exista á súa entrada en vigor, sexa cal for a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que se poidan establecer por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador consideradas en cómputo anual, caso no que substituirán integramente este convenio.

Artigo 6º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio ou que se pacten durante a súa vixencia a título persoal, sempre que, no seu conxunto e en cómputo anual, superen as establecidas neste convenio, debido á condición que ten de normas mínimas de relación tanto no que se refire ó social como ó económico.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio colectivo forma un todo orgánico e indivisible para efectos da súa correcta aplicación práctica, con vinculación á totalidade e consideradas globalmente.

Artigo 8º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do convenio.

Esta comisión estará formada por dous representantes, un designado polo persoal e o outro pola empresa.

A comisión entenderá das seguintes cuestións:

a) A interpretación do convenio.

b) A arbitraxe nas cuestións que as partes sometan á súa consideración.

c) As demais que se lle atribúen no convenio.

As accións individuais ante calquera organismo ou tribunal deben ir precedidas dunha actuación da dita comisión.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 9º.-Facultade organizativa.

A organización do traballo, respectando as normas e lexislación vixente, é facultade exclusiva da dirección da empresa; polo tanto, esta poderá adoptar

libremente cantas medidas crea necesarias para alcanzar unha maior eficacia e rendemento.

A empresa adoptará un sistema de distribución do traballo que facilite a formación profesional e técnica dos traballadores, coa obriga por parte destes de completar e perfecciona-los ditos coñecementos fóra do horario laboral.

Capítulo III

Xornada laboral, vacacións e permisos

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada laboral de 40 horas semanais de traballo efectivo.

Considéranse festivos non recuperables o día de Santa Bárbara, que poderá trasladarse ó 7 de decembro e as tardes dos días 24 e 31 de decembro.

A puntualidade é de necesaria observancia e esixiráselles a tódolos traballadores afectados por este convenio.

Enténdese por puntualidade a presencia do persoal ás horas de comezo da xornada no seu posto de traballo e coa roupa de traballo posta, así como non abandona-lo posto de traballo antes das horas de terminación.

Artigo 11º.-Tempo de bocadillo do persoal de quenda.

O persoal de quenda disporá de 20 mintuos para toma-lo bocadillo e considerarase tempo efectivo de traballo. Co fin de non prexudica-la producción neste tempo desfrutarase de forma gradual.

Artigo 12º.-Vacacións.

A duración das vacacións establécese para todo o persoal en 30 días naturais, percibindo durante elas o salario base, antigüidade, complemento de convenio e o complemento de asistencia correspondente ós días que, de estar traballando, tería percibido o traballador.

O persoal de novo ingreso desfrutará da parte proporcional ó tempo traballado durante o primeiro ano.

Cando non exista prexuízo para a organización dos traballos, intentarase que tódolos traballadores que o desexen poidan desfrutar de 15 días de vacacións durante o período de maio a setembro, ambos inclusive.

O cadro de vacacións confeccionarase durante o mes de xaneiro de cada ano, téndose en conta a táboa de substitucións nos postos de traballo e establecéndose rotación anual no dereito de elección, dentro dos cinco meses arriba indicados.

Artigo 13º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) Nacemento de fillos: 5 días naturais.

c) Enfermidade grave, hospitalización, falecemento do cónxuxe, pais ou fillos: 5 días naturais.

d) Enfermidade grave, hospitalización, falecemento doutros parentes ata o segundo grao (pai, nai e

avós do cónxuxe, por consanguinidade avós, irmáns e netos): 2 días naturais.

e) Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Artigo 14º.-Xubilación.

Tódolos traballadores desta empresa xubilaranse obrigatoriamente ós 65 anos teóricos, que se obteñen sumándolle á idade real do traballador os anos resultantes da aplicación dos coeficientes correctores da idade de xubilación. Todo isto de acordo cos baremos recoñecidos pola autoridade laboral para os diferentes postos de traballo desta empresa.

Os traballadores que desexen xubilarse entre os 60 e 64 nos de idade teórica, segundo o descrito no parágrafo anterior, terán dereito a percibi-los premios de xubilación que se establecen a seguir, sempre que o cesamento se produza por petición do traballador:

Con 60 anos de idade teórica: 180 días de salario base segundo o anexo I.

Con 61 anos de idade teórica: 150 días de salario base segundo o anexo I.

Con 62 anos de idade teórica: 120 días de salario base segundo o anexo I.

Con 63 anos de idade teórica: 90 días de salario base segundo o anexo I.

Con 64 anos de idade teórica: 30 días de salario base segundo o anexo I.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 15º.-Paga de sinatura de convenio 2000.

Establécese, por unha soa vez, unha paga extraordinaria de 75.000 pesetas, que se percibirá xunto coa nómina correspondente ó mes no que se asine este convenio. Terán dereito a percibila unicamente aqueles traballadores en alta no momento do asinamento deste convenio e en forma proporcional ó tempo traballado durante o ano 1999.

Artigo 16º.-Réxime de retribucións-incrementos.

Os incrementos salariais para os anos 2000 e 2001 aquí pactados son do 3% cada ano, excepto para a antigüidade.

As condicións retributivas do persoal afectado por este convenio serán as que conteñen as táboas que se unen como anexo I a este convenio.

Calquera cantidade que se reflicta neste convenio considérase para tódolos efectos cantidade bruta.

Artigo 17º.-Cláusula de garantía salarial.

No suposto de que o incremento anual do índice de prezos ó consumo (IPC) o 31 de decembro de 2000 supere o 3 %, efectuarase unha revisión económica sobre o exceso do dito tanto por cento, para os únicos efectos de que sirva de base para a confección da táboa salarial do ano 2001.

Esta revisión afectará os conceptos contidos nas táboas salariais dos anexos I e II deste convenio.

Artigo 18º.-Salario base.

Devengarase por día natural e a súa contía mínima para cada categoría figura no anexo I.

Artigo 19º.-Complemento de convenio.

Devengarase por día natural e a súa contía mínima para cada categoría figura no anexo I.

Artigo 20º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Devengarase por día de traballo efectivo. Para ter dereito a este complemento cómpre comparecer puntualmente ó traballo.

Cada falta de puntualidade levará consigo a perda do cincuenta por cento do complemento de asistencia e puntualidade de 10 días.

Cada falta de asistencia non xustificada levará consigo a perda do complemento de asistencia do mes.

Artigo 21º.-Antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio na empresa, consistente no aboamento de dous bienios ó 4% e quinquenios ó 7%, servindo como módulo para o cálculo da antigüidade o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento. No anexo III figura a táboa correspondente ó ano 2000, en base mensual e diaria.

Artigo 22º.-Complemento por traballo a quendas.

O persoal que traballo a 2 quendas con xornada de 6 a 14 e de 14 a 22 percibirá un complemento de 425 ptas. por día que traballe en réxime de quenda.

Artigo 23º.-Paga de minería.

Esta paga calcúlase de forma individualizada para cada centro de traballo.

A súa contía estará en función das vendas de minerais Standard e Fines. Establécese un tramo fixo ata as 100.000 t anuais, ó que lle corresponde un importe de 75.000 ptas. lineais, que se aboará sexa cal for o nivel de vendas. Se se superan as 100.000 t, esta paga incrementarase por encima do tramo fixo, a razón de 1,5 ptas. por cada t de mineral vendido, da clase Standard e 0,5 ptas. por t para a clase E-6.

O aboamento desta paga realizarase como segue:

Entre os días 15 e 20 de marzo o tramo fixo de 75.000 ptas. Coa nómina correspondente ó mes de setembro de cada ano aboarase o tramo variable.

O cómputo de t vendidas farase para as t vendidas no período de setembro- agosto de anos sucesivos.

Artigo 24º.-Pagas extraordinarias.

Ademais da paga da minería, os traballadores percibirán dúas pagas extraordinarias entre os días 15 e 20 dos meses de xullo a decembro; o importe de cada unha delas estará formado por salario base e antigüidade, correspondentes a un mes de 30 días. Ó persoal en situación de ILT consideraráselle ese tempo como de permanencia para efectos da percepción destas pagas.

Os traballadores que ingresen ou cesen na empresa no transcurso do ano percibirán estas pagas proporcionalmente ó tempo de permanencia. Para efectos de cálculo considéranse devengadas as de xullo polo período xaneiro-xuño e a de decembro polo de xullo-decembro.

Artigo 25º.-Festividade de Santa Bárbara.

O persoal que por necesidades de producción, mantemento ou embarques traballe o día de Santa Bárbara, ademais do salario que lle corresponda, percibirá unha gratificación de 10.000 ptas.

Artigo 26º.-Horas extraordinarias.

Co fin de favorece-la creación de emprego, e de acordo co estipulado no artigo 9 do R.D. 3255/1983, Estatuto do mineiro, ámbalas partes acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, que se realizarán obrigatoriamente por petición da empresa nos seguintes casos:

a) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos urxentes, así como no caso de risco grave de perda ou deterioración de materias primas. Nestes casos, de acordo co artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores, non se terán en conta para efectos da duración da xornada, nin para o cómputo das horas extraordinarias autorizadas.

b) Horas extraordinarias por períodos punta de producción, embarques de mineral, ausencias imprevistas, apertura e saneamento de frontes de explotación, cambios de quenda, pedidos non programados, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal.

A empresa informará mensualmente o delegado dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando a súa causa e distribución.

A compensación económica realizarase polos importes sinalados na letra A, anexo II, para cada unha das categorías.

As horas nocturnas (de 22 a 6 horas), as realizadas os sábados a partir das 14 horas, domingos e festivos, aboaranse de acordo coa letra B do anexo II.

A retribución das horas extras poderá ser substituída polo desfrute de tempo de descanso a razón dunha hora e corenta e cinco minutos por cada hora extra traballada.

No suposto de que se realizase a substitución prevista no parágrafo anterior, as horas extraordinarias compensadas non se computarán para os efectos dos límites fixados pola lexislación vixente.

Artigo 27º.-Desprazamentos.

Para os casos de desprazamento dos traballadores por necesidades da empresa, establécese unha axuda de custos para desprazamento de 1.500 ptas. por cada día que o traballador deba pasa-la noite fóra do seu domicilio. Esta axuda de custos é complementaria do aboamento por parte da empresa dos gastos de locomoción, aloxamento e comidas.

Cando a empresa teña que desprazar persoal, avisará con 36 horas de anticipación, sempre que isto sexa posible e adiantará o diñeiro necesario para facer fronte ós gastos de estadía e viaxes.

O tempo investido nos desprazamentos considerarase tempo efectivo de traballo.

Artigo 28º.-Pagamento de haberes.

O pagamento de salario efectuarase dentro dos cinco primeiros días do mes seguinte ó de devengo.

O pagamento efectuarase exclusivamente por transferencia bancaria.

Capítulo V

Outros dereitos profesionais

Artigo 29º.-Complemento de accidente de traballo ou enfermidade.

En caso de accidente de traballo, producido no posto de traballo, a empresa complementará a prestación de accidente ata alcanza-lo cento por cento do salario base, antigüidade, complemento de asistencia e complemento de convenio, sempre e cando o traballador, no momento do accidente, faga uso da roupa e demais elementos de seguridade facilitados pola empresa.

Seguirase o mesmo criterio nos casos de baixa con tratamento hospitalario.

Nos casos de baixas por enfermidade común non hospitalaria, o complemento aboarase a partir do día 30 desde a baixa, logo da acreditación desta co pertinente parte médico da Seguridade Social, o cal deberá ser entregado na empresa, dentro das 24 horas seguintes á súa expedición.

En calquera dos casos, a indemnización complementaria deixarase de percibir unha vez que cese a situación de incapacidade laboral transitoria que a motiva.

Esta compensación só se fará efectiva logo de recoñecemento e informe do médico da mutua, se a empresa así o require. A non presentación ó recoñecemento médico ou a oposición a ser examinado implicará a perda do dereito ó complemento.

Artigo 30º.-Seguro colectivo de accidente.

Cuarzos Industriales, S.A. subscribirá unha póliza de seguros para os riscos de invalidez ou falecemento dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os accidentes in itinere, coas coberturas que de detallan a seguir para o traballador accidentado ou os seus herdeiros:

a) Por morte do traballador derivada de accidente ou enfermidade profesional, a indemnización ascende a 5.500.000 ptas.

b) Por incapacidade permanente absoluta, se o traballador cesa na empresa por este motivo, a indemnización ascende a 5.500.000 ptas.

c) Por incapacidade permanente total, a suma asegurada ascende a 5.500.000 pesetas por traballador.

d) Garántese un capital de 315.000 pesetas en concepto de gastos de sepelio.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato do seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puideran declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, compensándose ata onde alcance.

Artigo 31º.-Medicina de empresa.

Será realizado obrigatoriamente un recoñecemento médico anual, como mínimo, a todo o persoal da empresa polos servicios médicos da mutualidade laboral correspondente.

Ademais realizaráselle con carácter obrigatorio un recoñecemento médico a tódolos traballadores con anterioridade ó seu ingreso na empresa e voluntariamente cando o solicite o traballador.

De acordo co artigo 2 do Estatuto do mineiro, realizarase unha revisión médica ó extinguirse a relación laboral.

Artigo 32º.-Comité de saúde e seguridade.

Son membros deste comité o director facultativo da mina e o delegado de prevención, ademais doutros catro membros nomeados dous deles pola empresa e dous polos traballadores.

Este comité reunirase polo menos tres veces ó ano e as súas funcións, de acordo coa Lei de prevención de riscos laborais, concrétanse como segue:

a) Desenvolve-las actuacións necesarias para a formación dos traballadores en materia de seguridade e saúde e, en particular, promove-lo coñecemento por parte dos traballadores de:

As normas de seguridade da empresa, os riscos a que están sometidos nos postos de traballo e a súa avaliación, as medidas de protección individual necesarias, as medidas de prevención dos riscos, o grao de cualificación necesario para o desenvolvemento da súa actividade, a esixencia de controis médicos especiais e periódicos.

b) Promover e vixia-lo cumprimento das normas de seguridade.

c) Desenvolver, implantar e mellora-lo Plan de prevención de riscos laborais.

d) Renova-la avaliación inicial de riscos de acordo coas especificacións.

e) Realizar controis periódicos das condicións de traballo e da actividade dos traballadores.

f) Redacta-los informes de incidente industrial.

Artigo 33º.-Acción sindical e representación.

No referente a esta materia faise remisión expresa ó contido da lexislación en vigor: Estatuto dos traballadores, Estatuto do mineiro e lexislación concordante.

Os delegados de persoal exercerán ante a empresa a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo do persoal que representan e formulando reclamacións ante a empresa, a autoridade laboral ou as entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das normas relativas á saúde e seguridade no traballo e Seguridade Social.

Artigo 34º.-Roupa de traballo e equipos de protección.

A empresa ten a obriga de prove-los traballadores de roupa de traballo, equipos de protección e calzado

de traballo adecuados e necesarios para as condicións do traballo que realizan, de acordo co especificado no manual de seguridade e na lexislación vixente.

Os traballadores teñen a obriga de utilizar esta roupa e equipos de protección dentro das instalacións e coutos mineiros da empresa.

Artigo 35º.-Réxime disciplinario.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia e efectos, en leve, grave e moi grave.

1. Constitúen faltas leves:

a) Dunha a tres faltas de puntualidade (máis de 15 minutos de atraso), cometidas no período dun mes.

b) Non cursar no período oportuno a baixa médica cando se falte ó traballo por este motivo.

c) Abandona-lo posto de traballo, aínda por breve tempo, sen causa xustificada.

d) Faltar ó traballo un día ó mes, a non ser que se xustifique debidamente.

2. Constitúen faltas graves:

a) Máis de tres faltas de puntualidade cometidas nun período dun mes.

b) Faltar dous días ó traballo, sen causa que o xustifique.

c) Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

d) A desobediencia ós superiores en calquera materia relacionada co servicio propio na categoría e funcións que correspondan ó traballador.

e) A imprudencia en acto de servicio. Se implicase incumprimento das normas de seguridade e hixiene, risco de accidente para o traballador ou os seus compañeiros, ou perigo de avaría ou dano ás instalacións, podería cualificarse como moi grave.

f) Proporcionar información falsa á dirección ou ós superiores, en relación co servicio ou traballo por neglixencia.

g) A ocultación de feitos ou faltas que o traballador presenciase e poidan causarlle prexuízos graves á empresa.

h) Non utiliza-los elementos de protección, seguridade e hixiene facilitados pola empresa.

i) A reincidencia en falta leve.

3. Constitúen faltas moi graves:

a) A fraude ou deslealdade nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa como ós compañeiros.

b) Facer desaparecer ou causar desperfectos en materias primas, ferramentas, maquinaria ou instalacións e bens da empresa.

c) Malos tratos de obra ou falta de respecto e consideración a xefes, compañeiros ou subordinados.

d) Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia.

e) Abandona-lo posto de traballo en postos de responsabilidade.

f) A diminución voluntaria continuada e demostrada no rendemento normal do seu labor.

g) A embriaguez habitual ou toxicomanía, así como a distribución ou consumo de drogas durante a xornada laboral.

h) A reincidencia en falta grave.

4. Sancións:

As sancións que se lles poderán impor ós traballadores que incorran en faltas laborais serán as seguintes:

a) Faltas leves:

-Amoestación verbal.-Amoestación por escrito.

b) Faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo dun a quince días.

c) Faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa días.-Despedimento.

ANEXO I

Táboa salarial con efectos do 1 de xaneiro de 2000

Categoría

Salario base diarioComplemento asistencia diarioComplemento convenio diario

Titulado superior5.0973642.063

Titulado medio3.9763641.663

Encargado3.539364978

Oficial 1ª-A/1ª Admón.3.390364654

Oficial 1ª/2ª Admón.3.148364590

Oficial 2ª/Aux. Admón.3.031364521

Oficial 3ª2.924364458

Peón especialista2.880364400

ANEXO II

Categoría

A

Hora extra normal

B

Hora extra nocturna e festivos

Oficial 1ª-A/1ª Admón1.3001.625

Oficial 1ª-A/1ª Admón1.2751.594

Oficial 2ª/Aux. Admón.1.2351.544

Oficial 3ª1.2001.500

Peón especialista1.1501.438

ANEXO III

Táboa de antigüidade para o ano 2000

2 anos4 anos9 anos14 anos19 anos24 anos31 anos

Porcentaxe4%8%15%22%29%36%43%

Base mensual2.8275.66910.62915.58920.54925.51030.470

Base diaria941893545206858501.015

Salario mínimo interprofesional para o ano 2000: 70.680 ptas.