Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2000 Páx. 3.487

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 9 de febreiro de 2000 para a convocatoria dunha praza de persoal laboral fixo.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:

a) Posto: xefe Oficina Turismo de Santiago de Compostela (Ref. 2XOT-SAN).

1. Funcións principais: responsabilizarse da organización do traballo da oficina, do control de existencias do material de información turística e apoia-lo labor de promoción levada a cabo desde Turgalicia.

2. Prazas: 1 (xornada completa).

3. Requisitos:

-Diplomado universitario.

-Coñecementos de informática a nivel usuario.

-Dominio, oral e escrito, dos idiomas inglés, francés e galego.

-Profundo coñecemento dos recursos turísticos de Galicia, así como da lexislación turística vixente.

4. Valorarase:

-Currículo.

-Coñecementos doutro idioma.

-Capacidade de integración e coordinación de equipos de traballo.

5. Probas que hai que realizar:

-Exame, oral e escrito, dos idiomas inglés, francés e galego.

-Proba de Word, Excel e Access 2000.

-Exame de coñecementos dos recursos turísticos e de lexislación. O temario correspondente recóllese no anexo I.

-Entrevista persoal.

b) Documentación que hai que presentar:

-Currículo.

-Fotografía tamaño carne.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación oficial esixida, así como a formación e/ou experiencia que desexe xuntar para ser valorada.

c) Lugar e prazo de presentación:

-As solicitudes faránse chegar a Turgalicia-Área Económica e de Persoal. Estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia. 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

d) Selección:

-Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado publicará as listas previas de admitidos e excluídos do proceso de selección.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2000.

Heriberto Verdés Vilaseca

Director xerente de Turgalicia, S.A.

ANEXO I

Xefe Oficina Turismo de Santiago de Compostela

Recursos turísticos de Galicia e lexislación.

1. A Galicia prerromana. O megalitismo. A Idade do Bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

2. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

3. A arquitectura e escultura renacentistas e barrocas en Galicia. Exemplo das súas manifestacións máis importantes.

4. Arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. O momento de vangarda da arte galega.

5. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos constructivos e tipoloxías da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes e muíños.

6. Artesanía de oficios populares.

7. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas.

8. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

9. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

10. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

11. Áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques, as lagoas.

12. Costa norte e Rías Altas. Especial significación da Costa da Morte.

13. As Rías Baixas.

14. A Galicia interior.

15. O Camiño Francés e outros tramos galegos do Camiño de Santiago.

16. A Ribeira Sacra.

17. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

18. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos, convencións, turismo activo e de natureza.

19. As catedrais. Os mosteiros.

20. Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

21. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos aloxamentos turísticos, dos establecementos de restauración e das axencias de viaxes.