Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 2000 Páx. 2.836

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de febreiro de 2000 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á forte dependencia que estas economías teñen, basicamente, da natureza e do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e isto determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para correxi-las citadas fluctuacións económicas, e se é o caso, evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto, é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo, así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben de redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que permitan volver á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é uno dos vieiros para acada-los obxectivos sinalados, xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara o consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e a capacidade para promover un turismo sostible, circunstancia que obriga á búsqueda dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existir unha serie de construccións cun grande valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e incluso antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados para un uso turístico dentro do denominado «turismo rural» pero, ante todo, deben de significar un importante aporte á calidade da oferta e consecuentemente ó desenvolvemento

económico da zona. Por isto o acondicionamento destas construccións ten que realizarse a través de proxectos que profundicen no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó mesmo tempo, respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo a autenticidade e a calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo coma do intervencionismo.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei convócanse axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural e, polo tanto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Poderá ser beneficiarios de subvencións para a creación de turismo rural, as persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

Á ditas concesións, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, destínase un crédito de 320.000.000 de pesetas, distribuídos en 4 anualidades, a saber, no ano 2000, 88.800.000 pesetas, no 2001, 38.200.000 pesetas, no 2002, 94.000.000 de pesetas e no 2003, 99.000.000 de pesetas. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, haberá que aterse ó que dispón o artigo 37.Dous) da referida Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2001 e do 2002 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente

estea establecido.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas

características permitan a oferta de aloxamentos e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2 e 3 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, na modalidade de hospedaría, dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o mobiliario nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar, así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requerimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá presentar solucións en canto á potabilidade da auga, á evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, no só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, ás do contorno afecto á propiedade do predio, e deberá respecta-las características peculiares do medio rural galego.

c) A superficie pechada destinada a habitacións (e os seus baños), non poderá ser maior que a destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación.

d) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o ano 2000 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, que non computarán para os efectos de investimento subvencionable, asinada por técnico facultativo.

e) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística nun prazo máximo de tres

meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola administración turística.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia.

4. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística.

5. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

6. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e as de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e as previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas.

7. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención de outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos nacionais ou internacionais.

8. De reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados dende o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

f) Os titulares dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terá que amosa-la propiedade do inmoble obxecto de subvención, así como o pleno uso e disfrute dela.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá

en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50% do orzamento do investimento subvencionable pero, en todo caso, a contía máxima da subvención calcularase, mediante a adición dos seguintes parámetros:

1º Prazas ofertadas:

Grupo A: para os proxectos encadrados neste grupo, é dicir, pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, a subvención será: un millón setecentas mil (1.700.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público.

Grupo B: para os proxectos encadrados neste grupo, é dicir, casa de aldea, un millón (1.000.000) de pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público.

2º Por creación de restaurante:

Grupo A: para os proxectos encadrados neste grupo, cento cincuenta mil (150.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

Grupo B: para os proxectos encadrados neste grupo, cen mil (100.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

3º Por creación de emprego:

En ámbolos grupos, A ou B, a subvención engadiráselle 1.000.000 de ptas. por cada posto de traballo que vaian crear indefinido que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención, é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Proxecto básico asinado por arquitecto, facendo consta-lo seu número de colexiado, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Descrición dos materiais e acabados propostos.

-Descrición dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Anexo III, asinado e debidamente cuberto.

i) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se lle solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non-esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trá

mite e logo de resolución, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo, os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de turismo rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación, accesos, infraestructuras básicas e oferta de servicios de utilización turística así como a oferta existente de turismo rural no contorno.

2º O estado actual e as características da construcción.

3º A creación de postos de traballo.

4º As características da rehabilitación.

5º A oferta de servicios proxectada para o establecemento.

6º O mobiliario e os equipamentos proxectados.

7º A relación entre a oferta de servicios e o investimento proxectado.

8º O número de prazas ofertadas ó público que superen as mínimas esixidas.

9º Que o solicitante sexa beneficiario do programa «Lanza» do Instituto Galego de Promoción Económica.

10º Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevaralle ó director xeral de Turismo os acordos adoptados por esta. Dos ditos acordos, redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, 2001, 2002 e 2003, en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo IV. Se transcorridos os sinalados dez días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á antedita dirección xeral, a seguinte documentación, por duplicado exemplar:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conforme o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado favorablemente polo xefe do Servicio de Investimentos

e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado, na que se indique que esta é para a rehabilitación ou restauración dunha edificación para establecemento de turismo rural. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Fotocopia compulsada de documento que acredite que o beneficiario da subvención é propietario do innmoble obxecto de rehabilitación. No caso de existir propiedade proindivisa, deberá achegarse poder notarial dos copropietarios, outorgándolle representación ó sinalado beneficiario, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde.

d) Documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas nun epígrafe que posibilite a explotación da vivenda obxecto de subvención como establecemento de turismo rural consonte as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

e) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcurrido o sinalado prazo dun mes, non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vistos os acordos da Comisión Técnica e a proposta formulada polo director xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o seu importe se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2000: 1 de novembro de 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño de 2001, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2001.

Fase de 2002: 30 de xuño de 2002, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2002.

Fase de 2003: 30 de xuño de 2003.

Se a subvención somentes se imputou ó exercicio de 2000, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2000.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

Nas facturas o interesado, deberá especificar, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración da Comunidade Autónoma.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegase con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos e obrigas ós que se fan referencia no artigo 3º.e) e no anexo III da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 5.000.000 de ptas., cando se solicite o pagamento da anualidade de 2000 ou no seu caso de 2001 ou 2002, ademais da documentación indicada no

epígrafe 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no no artigo 37.Dous.2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento os anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-discontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non-esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2003. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sétima.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde, incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro, así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Terceira.-En todo o non recollido na presente orde, aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo