Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2000 Páx. 1.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de xaneiro de 2000 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para actividades deportivas promovidas polos concellos de Galicia durante o ano 2000.

Correspóndelles ás administracións públicas a promoción das actividades físicas e deportivas entre a poboación. Con tal fin os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia habilitan crédito dirixido a axudar ós concellos de Galicia para cumpriren estes obxectivos.

Tendo en conta as especiais circunstancias do asentamento da poboación galega, na súa maioría en pequenos núcleos de poboación, que dificultan a programación destas actividades e encarecen o seu desenvolvemento

DISPOÑO:

Artigo 1º

As subvencións que se regulan ó abeiro da presente orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000

cunha dotación económica de vinteoito millóns de pesetas (28.000.000 de ptas.) destinadas á realización dos seguintes programas:

A) Escolas deportivas.

B) Organización e participación en competicións deportivas en idade escolar.

C) Desenvolvemento de actividades na natureza.

Artigo 2º

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde os concellos de Galicia que conten cunha poboación de dereito inferior a 15.000 habitantes segundo o último censo dispoñible.

As solicitudes formularanse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se xunta como anexo á presente orde. Achegarase tamén un proxecto detallado da actividade que constará de:

-Obxectivos da actividade que se vai realizar.

-Datas, lugares e horarios da actividade.

-Profesorado e titulación dos responsables do desenvolvemento da actividade.

-Orzamento detallado de ingresos e gastos.

-Certificación expedida polo secretario do concello na que se faga consta-la poboación de dereito segundo o último censo dispoñible.

As solicitudes presentaranse nos rexistros dos servicios provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós vinte días hábiles contados a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral para o Deporte concederá axudas polo importe máximo de cincocentas mil pesetas (500.000 ptas.) para as solicitudes ás que fai referencia o artigo 1º. Só se atenderá unha petición por concello.

Artigo 4º

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais: xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte da Coruña.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Lugo.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Ourense.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Pontevedra.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

O presidente da comisión, á vista da acta da comisión avaliadora, elevaralle proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 5º

Para a concesión das axudas obxecto da presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

A) Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

B) Cualificación técnica dos responsables do programa.

C) Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

Artigo 6º

A resolución das subvencións será notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c), contrario sensu, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Artigo 7º

No momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 8º

Obrigas dos concellos ós que se lles concede á subvención:

A) Comunicar á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

B) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

C) Admiti-la presencia e supervisión da Secretaría Xeral para o Deporte ou dos organismos provinciais que a representen. Así mesmo, quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

D) Facer constar en toda a publicidade e información, en lugar preferente, de que a actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

E) Envia-los informes que poida solicita-la Secretaría Xeral para o Deporte ou os organismos provinciais que a representen.

Artigo 9º

Para a percepción da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo dun mes, o beneficiario remitiralle ó correspondente Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte, a seguinte documentación:

A) Certificación expedida polo secretario do concello, co visto e prace do alcalde-presidente, na que se faga constar ter realizado a acción subvencionada e incorrido no gasto correspondente.

B) Memoria da actividade realizada.

Artigo 10º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprirase o disposto nesta orde, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá anula-la subvención concedida logo de audiencia do interesado. Neste suposto, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.6º h) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-No que se refire ós prazos de execución poderán subvencionarse actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro de 2000, sempre que estas actividades se consideren importantes para o desenvolvemento da promoción do deporte e cumpran os requisitos e condicións establecidas nesta orde.

Segunda.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, que modifica o artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública