Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 03 de febreiro de 2000 Páx. 1.455

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

AVISO do 24 novembro de 1999, do Servicio de Estructuras Rurais da Coruña, polo que se anuncian os traballos de investigación da propiedade na zona de concentración de Granxa-Boqueixón (Boqueixón-A Coruña).

Ponse en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Granxa-Boqueixón (Boqueixón-A Coruña), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto de 125/1992 do 14 de maio (DOG nº 96, do 21 de maio), que os traballos de investigación da propiedade, para efectos de concentración, darán comezo o día seguinte ó da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia e que se prolongarán por un período de quince días hábiles, no lugar habilitado para o efecto na mesma parroquia.

Requírense os propietarios, alugados e parceiros e, en xeral, os cultivadores e titulares de calquera dereito, para que dentro do indicado prazo presenten ó persoal encargado dos ditos traballos os títulos en que funden o seus dereitos e declaren, en todo caso, os gravames ou as situacións xurídicas que afecten ós seus predios ou dereitos.

Requírense tamén cantos actualmente utilizan augas públicas, para que indiquen na leira ou leiras que regan con ela, así como se está inscrito ó aproveitamento en Augas de Galicia ó seu favor ou ó doutra persoa ou, noutro caso, data desde a que veñen utilizando as augas públicas, por si ou polos seus causantes, xuntando, en todo caso, as probas que acrediten estas situacións.

Advírteselles ós propietarios das leiras que non aparecesen neste período, que estas serán consideradas como de descoñecidos e que se lles dará o destino sinalado na Lei 10/1985 do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia. Igualmente, advírtese que a falsidade destas declaracións dará lugar, con independencia das sancións penais, á responsabilidade por danos e perdas que se deriven da dita falsiade ou omisión.

Os traballos de concentración afectarán a totalidade das parcelas pertencentes ás parroquias de Granxa e Boqueixón do concello de Boqueixón; polo tanto, os seus propietarios deberán, no seu propio interese, ademais de face-la declaración das súas parcelas, segui-lo desenvolvemento dos traballos de concentración para facer vale-los seus dereitos no momento oportuno.

A Coruña, 24 de novembro de 1999.

Rodolfo M. Rodríguez González

Xefe de Servicio de Estructuras Rurais

Visto e prace

Rogelio del Valle Muñoz-Cobo

Delegado provincial da Coruña