Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 03 de febreiro de 2000 Páx. 1.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 21/2000, do 20 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada provincial PO 2908 Tabagón-O Rosal, variante Alto do Morán.

A Deputación de Pontevedra, en sesión levada a cabo o día 30 de abril de 1999, aprobou o proxecto de estrada provincial PO 2908 Tabagón-O Rosal, variante Alto do Morán e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A deputación remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de decembro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 12 de xullo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a estrada provincial Tabagón-O Rosal presenta, no seu actual trazado, unha acusada e perigosa sinuosidade causante de diversos accidentes que motivaron o feito de que tal vial pasara a constituír un dos puntos negros da rede provincial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada provincial PO 2908 Tabagón-O Rosal, variante Alto do Morán.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais