Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2000 Páx. 1.053

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro 1999 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos polo sistema de promoción interna.

Por acordo da Xunta de Goberno desta universidade do 2 de xuño de 1998, adoptado en cumprimento do precepto contido na disposición adicional terceira dos estatutos desta, creáronse trinta e tres prazas da escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos (grupo C de funcionarios) co obxecto de ser cubertas polo sistema de promoción interna co persoal que actualmente ten a categoría profesional de auxiliar técnico de biblioteca (grupo IV de persoal laboral), que, simultaneamente, foi declarada a extinguir no devandito acordo.

De conformidade co previsto no acordo do Consello de ministros do 27 de marzo de 1991 e artigo 37 da Lei 31/1990, do 27 de decembro, en relación co establecido na disposición transitoria décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e o Real decreto 253/1995, do 10 de marzo, e de acordo co disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17), e co fin de atende-las necesidades de persoal de Administración e servicios.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir trinta e tres prazas da escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos (grupo C) da Universidade da Coruña polo sistema de promoción interna e polo procedemento de concurso-oposición, con suxeición ás bases que a seguir se indican.

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da universidade na Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Maestranza, s/n, C.P. 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, doctor Vázquez Cabrera, s/n, C.P. 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

1.2. Os dereitos de exame serán de 7.515 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente número 1302-1700-42-0017957982, «Probas selectivas para acceso á escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos», ó nome da Universidade da Coruña. Coa solicitude xuntarase xustificante acreditativo do ingreso, do que a súa falla determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os méritos da fase de concurso correspondentes á antigüidade e experiencia profesional dos aspirantes deberán acreditarse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade, referida á data de publicación no BOE desta convocatoria, que será incorporada á solicitude. Os cursos de formación deberanse acreditar mediante a presentación dos certificados orixinais ou fotocopias compulsadas.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida e xustificada, e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos cantidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mantelos seguintes requisitos:

a) Ser traballador laboral fixo coa categoría profesional de auxiliar técnico de biblioteca da Universidade da Coruña.

b) Posuír unha antigüidade de, alomenos, dous anos na devandita categoría profesional.

c) Estar en posesión do título de bacharelato superior ou formación profesional de 2º grao ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes. Así mesmo, para efectos desta convocatoria, considéranse equivalentes á posesión da titulación:

-Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos ou estar en condicións de obte-lo certificado correspondente na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

-Ter unha antigüidade de, alomenos, dez anos na categoría profesional de auxiliar técnico de biblioteca.

Para estes efectos, computaranse os servicios prestados polos interesados, como persoal laboral ou funcionario, na área de biblioteca, en postos de traballo ou categorías profesionais con funcións equivalentes á devandita categoría profesional.

d) Non estar separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de finaliza-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Listas de admitidos e excluídos.

3.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución na que se declaren aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da universidade e no Vicerrectorado do campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emenda-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución pola que se declare aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios do Rectorado e Vicerrectorado de Ferrol, contra a que os interesados poderán recurrir potestativamente en reposición ante o rector nos termos e prazos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14); ou presentar impugnación ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos nas devanditas normas.

3.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.1 desta convocatoria.

4. Sistema selectivo.

4.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

4.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

5.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no artigo 13 do R.D. 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

5.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

5.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

6. Calendario das probas.

6.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

6.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

6.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine, con carácter xeral, a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

7. Listas de aprobados.

7.1. Concluído o primeiro exercicio da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueloutros que considere oportuno, a relación dos aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación obtida por cada un deles en cada unha das dúas probas que o compoñen. Concluído o segundo exercicio, o tribunal fará pública a puntuación obtida por cada aspirante, así como a puntuación total acadada na fase de oposición.

7.2. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, a cal en ningún caso poderá incluír un número de aspirantes aprobados superior ó das prazas convocadas.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Certificado de xerencia que acredite o cumprimento das condicións esixidas nas letras a) e b) do punto 2.1. desta convocatoria.

b) Focotopia compulsada do título esixido para acceder ás probas ou, se é o caso, certificación da xerencia que acredite te-la antigüidade equivalente a que se refire a letra c) do punto 2.1. desta convocatoria.

8.2. Quen dentro do prazo fixado, e salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos esixidos na base 2, non poderá ser nomeado

funcionario de carreira da escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese.

9. Nomeamento de funcionarios e toma de posesión.

9.1. Cumpridos debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, o tribunal elevará ó rector a relación definitiva dos aspirantes con proposta de que sexan nomeados funcionarios da escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos.

9.2. Os nomeamentos especificarán o destino adxudicado. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese a adxudicación de destino con base na orde de puntuación obtida no proceso selectivo, adxudicándose ós aspirantes o posto de auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos correspondente ó que viñan desempeñando como auxiliares técnicos de biblioteca.

9.3. A toma de posesión dos aspirantes aprobados será efectuada para todos eles na data que determine a xerencia, cesando o día anterior na súa categoría de auxiliares técnicos de biblioteca, dentro do prazo dun mes contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Boletín Oficial do Estado.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 31/1990, do 27 de decembro, ó acordo do Consello de ministros do 27 de marzo de 1991, á Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril), que aproba o Regulamento xeral de ingreso de persoal ó servicio da Administración xeral do Estado, ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser recorridos potestativamente en reposición ante o rector nos termos e prazos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27), modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14); ou se impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos nas devanditas normas, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

A Coruña, 22 de decembro de 1999.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, que constará dos seguintes exercicios:

1.1. Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio. Proba escrita constituída por 110 preguntas tipo test,

relativas a todo o temario, cunha soa resposta verdadeira. O tempo de realización deste exercicio será 1 hora e 50 minutos e valorarase de 0 a 70 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 35 puntos. Tódalas preguntas terán a mesma valoración, e non se puntuarán negativamente as respostas erróneas.

1.2. Segundo exercicio: non eliminatorio e de mérito. Consistirá na traducción sen diccionario dun texto de castelán para o galego, e de galego para o castelán. O tempo de realización deste exercicio será de 1 hora e valorarase de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: para os aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 12,50 puntos.

A antigüidade recoñecida, referida á data de publicación no BOE da convocatoria, valorarase da seguinte forma:

-Por cada ano completo de servicios: 0,625 puntos.

-Por cada mes completo de servicios que reste: 0,052 puntos.

2.2. Carreira profesional: máximo 12,50 puntos.

A antigüidade na categoría profesional de auxiliar técnico de biblioteca, ou categorías profesionais equivalentes, referida á data de publicación no BOE da convocatoria, valorarase a razón de 0,07 puntos por cada mes completo de servicios.

2.3. Formación: máximo 5 puntos.

a) Cursos de formación recibidos:

-Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

-Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

-Curso de iniciación á lingua galega: 0,01 puntos/hora.

-Cursos de perfeccionamento de lingua galega: 0,02 puntos/hora.

b) Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 5 horas.

No caso de te-los cursos de iniciación e de perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

Puntuación final.

A puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios que a compoñen. A puntuación final do proceso selectivo virá determinada pola suma da correspondente á fase de oposición e maila correspondente ós méritos da fase de concurso, sempre que os aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

No caso de empate entre dous ou máis candidatos, figurará en primeiro lugar aquel que obtivese maior puntuación no primeiro exercicio. De persisti-lo empate, dirimirase a favor do que tivese maior antigüidade.

ANEXO II

Programa

Tema 1. A Lei 30 de reforma da función pública: definición e clasificación dos funcionarios.

Tema 2. Situacións administrativas dos funcionarios.

Tema 3. Deberes e dereitos dos funcionarios.

Tema 4. A Lei de bibliotecas de Galicia: estructura da Lei. Concepto de biblioteca pública e sistema bibliotecario de Galicia.

Tema 5. Estructura orgánica da Universidade da Coruña.

Tema 6. O persoal de Administración e Servicios nos estatutos da Universidade da Coruña.

Tema 7. A biblioteca e o arquivo como servicios da Universidade da Coruña.

Tema 8. Normas provisionais de préstamo da biblioteca universitaria da Coruña.

Tema 9. Manuel de circulación do sistema de xestión de bibliotecas VTLS: préstamos, renovacións, reservas.

Tema 10. Rexistros de usuarios no sistema VTLS.

Tema 11. Manual de OPAC de VTLS: buscas.

Tema 12. Tipos de pantallas e impresión de resultados no sistema VTLS.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares.

Presidente: José Ramón Soraluce Blond. Vicerrector de Infraestructuras e Servicios.

Vocais:

José Luis Mínguez-Goyanes de la Rica. Vicesecretario xeral.

Mª Ángeles Campos Rodríguez. Xefa do Servicio da biblioteca.

Mª de las Nieves Peiró Graner. Profesora titular de universidade.

María José Gutiérrez Calvete, en representación da Xunta de persoal funcionario de administración e servicios.

Secretario: Justiniano Rodríguez Soto. Xefe do servicio de persoal, que actuará con voz e sen voto.

Suplentes.

Presidente: Manuel José Recuero Astray. Vicerrector do Campus de Ferrol.

Vocais:

Juan Ramón Rego Álvarez de Mon. Vicexerente.

Mercedes Corrales Lorenzo. Xefa da Sección de servicio ós usuarios.

Juan José Fuentes Romero. Profesor titular de universidade.

Teresa González Martínez, en representación da Xunta de persoal funcionario de administración e servicios.

Secretario: Daniel Miguélez Costa. Xefe da Sección de selección e formación de persoal, que actuará con voz e sen voto.