Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2000 Páx. 836

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2000, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca un curso de formación de formadores.

De conformidade co exposto no artigo 32 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación habilitará, para imparti-los cursos de formación para mariscadoras/es, os profesores que superen os cursos específicos que se convoquen para o efecto.

Dada a demanda existente no sector pesqueiro de participación en cursos de formación, especialmente aqueles orientados á mellora de técnicas, habilidades e recursos para exercer con criterio responsable a actividade profesional do marisqueo, resulta necesario amplia-lo número de profesores habilitados para impartir estes cursos.

Visto que este tipo de formación require para a súa impartición dispoñer das especialidades que demanden os seus contidos, e que serían fundamentalmente para cubri-las áreas relacionadas con pro

ducción, comercialización, organización e habilidades sociais. Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Convocar un curso de formación de formadores que capacite para a impartición dos cursos de ordenación bioeconómica do marisqueo e outras actividades formativas afíns, organizados pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Segundo.-Destinatarios.

Preferentemente serán destinatarios os profesionais do sector interesados que estean en posesión das titulacións académicas de bioloxía (especialidade zooloxía) ou ciencias do mar, en situación laboral de desemprego ou en activo que non presten servicios ás administracións públicas e outras entidades oficiais. No seu defecto poderanse seleccionar outros titulados cun perfil académico vencellado á pedagoxía, educación, organización e xestión de recursos humanos, preferentemente relacionados co sector marisqueiro, nas mesmas circunstancias laborais.

Terceiro.-Organización.

a) O número de prazas máximo admisible será de 20 formandos.

b) A duración do curso será de 160 horas lectivas, distribuídas en dous módulos:

1) Módulo xeral de formación pedagóxica de 100 horas.

2) Módulo específico de formación marisqueira de 60 horas lectivas.

Os aspirantes seleccionados que acrediten ter realizados cursos de formación de formadores, metodoloxía didáctica ou semellante, impartido ou homologado por unha entidade oficial, de duración igual ou superior a 100 horas lectivas, así como os licenciados en pedagoxía e psicopedagoxía, quedarán exentos, se así o desexan, da realización das sesións xenéricas do módulo de formación pedagóxica, non así das sesións específicas.

c) O curso terá lugar no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa.

d) As datas previstas de realización están comprendidas entre o 6 de marzo e o 10 abril do ano 2000.

e) Terá lugar en sesións de mañá e tarde, a razón de 8 horas diarias.

A asistencia as sesións do curso será en todo caso obrigatoria.

Os aspectos de organización relativos a calendario e distribución horaria poderían sufrir reaxuste en función de circunstancias e necesidades imprevistas.

Cuarto.-Selección de aspirantes.

Á vista do currículum presentado por cada aspirante, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación realizará unha preselección deles. O baremo que se empregará basearase nos seguintes criterios:

1. Tipo de titulacións profesionais e académicas, ata un máximo de 30 puntos:

1.1. Licenciadas/os en bioloxía (especialidade bioloxía mariña): 30 puntos.

1.2. Licenciadas/os en ciencias do mar: 30 puntos.

1.3. Licenciadas/os en pedagoxía, psicopedagoxía: 25 puntos.

1.4. Diplomadas/os en Educ. social, Relac. laborais e traballo social: 20 puntos.

1.5. Tituladas/os do Igafa: 20 puntos.

2. Situación laboral, ata un máximo de 20 puntos:

2.1. Desempregado: 20 puntos.

2.2. Empregado: 0 puntos.

3. Experiencia profesional en actividades relacionadas co marisqueo e/ou acuicultura, ata un máximo de 20 puntos:

3.1. Por cada ano ou fracción en activo: 5 puntos.

4. Experiencia docente en formación de adultos, ata un máximo de 10 puntos:

4.1. Por cada curso impartido de 100 horas ou máis en organismos oficiais: 1 punto.

4.2. Por cada curso impartido de 100 horas ou máis en entidades privadas de formación: 0,5 puntos.

5. Grao de coñecemento do idioma galego, ata un máximo de 5 puntos (só se valorará o nivel máximo acadado):

5.1. Iniciación: 2,5 puntos.

5.2. Perfeccionamento: 5 puntos.

6. Cursos de formación complementaria, relevantes para o exercicio da actividade de formación marisqueira, ata un máximo de 10 puntos:

6.1. Metodoloxía didáctica (100 horas): 1 punto.

6.2. Formación de formadores (100 horas): 1 punto.

6.3. Cursos adaptación pedagóxica (100 horas): 1 punto.

6.4. Cursos de posgrao en economía pesqueira: 1 punto.

6.5. Cursos de posgrao en xestión e/ou organización de RR.HH: 1 punto.

7. Cursos de informática relevantes para o exercicio da actividade de formación marisqueira, ata un máximo de 5 puntos:

7.1. Microsoft Office-Word e Powerpoint (100 horas): 5 puntos.

7.2. Coreldraw, Wordperfect (100 horas): 4 puntos.

7.3. Cursos anteriores (100 horas): 2 puntos.

Unha vez valorado o currículum presentado, realizarase unha entrevista persoal ós aspirantes preseleccionados.

A lista definitiva de admitidos farase pública cunha antelación de dez (10) días naturais ó comezo do curso.

Quinto.-Presentación de solicitudes.

Os interesados en participar no curso deberán presentar na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a solicitude que se publica como anexo desta resolución, debidamente cuberta e dirixida ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Xuntaráselle á solicitude fotocopia cotexada do DNI así como os títulos profesionais e demais documentos que acrediten os datos que se aleguen como méritos persoais. Os datos que non se acrediten debidamente non se valorarán no proceso de selección. A situación laboral de desemprego acreditarase achegando unha copia compulsada da tarxeta de

desemprego ou certificado de entidade oficial correspondente.

O prazo de presentación de instancias será de trinta días (30) días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.

Sexto.-Certificados de aptitude.

Ó remate do curso expedirase un certificado de aptitude a aqueles participantes que superasen con aproveitamento o curso de acordo coa avaliación do equipo de profesores. O dito certificado terá validez

ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura como documento acreditativo da habilitación á que se refire o artigo 32 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2000.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación