Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2000 Páx. 731

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de decembro de 1999 pola que se anuncian cursos básicos e medios de linguaxe administrativa galega para o persoal das administracións públicas de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, mándalles ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ó servicio da Administración pública e das empresas de carácter público en Galicia.

Entre as funcións e competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 213/1998, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación de lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ó servicio das administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública, segundo o establece a Lei 10/1989.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, 24 cursos (básicos e medios) de linguaxe administrativa galega que se celebrarán nas cidades de: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.

A distribución dos cursos e a súa tipoloxía (básico, medio) dependerá do número de solicitudes e da súa procedencia xeográfica.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará no mes de abril en horario das 8 ás 9.30 e das 13.30 ás 15 e a segunda en outubro, coa mesma distribución horaria.

2. O gasto ocasionado pola celebración destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, por unha contía máxima de 10.680.000 ptas. (dez millóns seiscentas oitenta mil pesetas).

3. As retribucións correspondentes ó persoal que imparta estes cursos son, por analoxía, as establecidas na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4-7-1990).

Artigo 2º

Os cursos van dirixidos ó persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. Reservarase o 75% das prazas para o persoal da Administración autonómica galega.

Artigo 3º

1. As solicitudes, utilizando o modelo de instancia que figura como anexo a esta orde, presentaranse nas seguintes dependencias: o persoal que preste os seus servicios en Santiago de Compostela e na súa comarca, no rexistro da Escola Galega de Administración Pública. O resto do persoal, no rexistro da delegación da Consellería da Presidencia e Administración Pública correspondente á provincia na que presta os seus servicios. En ámbolos dous casos é de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os que aspiren a participar nos cursos básicos de linguaxe administrativa engadiranlle ó modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación de lingua galega.

3. Os que aspiren a participar nos cursos medios de linguaxe administrativa engadiranlle ó modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega ou o de perfeccionamento de lingua galega.

4. O prazo de presentación das solicitudes será:

-Para os cursos que se inicien en abril, quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para os cursos que comecen en outubro, ata o 19 de setembro.

Artigo 4º

1. Os criterios de selección dos participantes axustaranse ó previsto na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27-6-1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto).

2. As listas de seleccionados para participar nos cursos faranse públicas, ós seis días hábiles do remate do prazo de presentación das solicitudes, nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública, da Oficina de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública e das delegacións provinciais desa mesma consellería.

3. A data exacta de comezo notificaráselles directamente ós seleccionados.

4. Os cursos que se celebren en Santiago de Compostela impartiranse nos locais da Escola Galega de Administración Pública. Os das demais localidades especificadas no artigo 1º impartiranse nos lugares que determine o Gabinete de normalización lingüística de cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma,

aplicándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa calificación de apto.

Artigo 6º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria