Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2000 Páx. 661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xaneiro de 2000 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Andrés González Murga, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do vinteoito de decembro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 27 de decembro de 1999, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número dous mil oitocentos vintecinco do seu protocolo por Jesús Pérez Varela, José Antonio Orza Fernández e José Antonio Sánchez Bugallo que interveñen no exercicio dos seus cargos.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación centrarase na creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, producción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico que constitúa un espacio multifuncional, multidisciplinar e aglutinador propicio á interacción cultural.

4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas designadas no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2ºc) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de xaneiro de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública