Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2000 Páx. 500

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para apertura total da rúa do parque no concello da Coruña.

Antecedentes:

O Concello da Coruña remitiu á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña expediente de expro

piación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para apertura total da rúa do parque, de conformidade co artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa aprobouse inicialmente por resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello da Coruña, o 3 de abril de 1998, e foi sometido a información pública polo prazo dun mes anunciándose no DOG nº 91, do 14 de maio de 1998, no BOP nº 95, do 28 de abril de 1998, e nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego, do 13 de abril de 1998.

Terceiro.-As taxacións foron notificadas individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

Cuarto.-Por acordo plenario do Concello da Coruña, do 12 de abril de 1999, acordouse aproba-lo informe relativo ás alegacións feitas polo interesado e remiti-lo proxecto de expropiación á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Coruña para a súa aprobación definitiva, tal como sinala o artigo 145.6º da LSG.

Quinto.-No concello da Coruña está vixente o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 19 de outubro de 1998 (PXOM).

Os terreos que se pretenden expropiar están clasificados como solo urbano coa cualificación de sistema local rede viaria.

En consecuencia, de acordo cos artigos 54 e 153 punto 2º da LSG en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), resulta acreditada a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Sexto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ó contido do artigo 28 da Lei 6/1998, do 13 de abril da LRSV.

Sétimo.-O artigo 1.3º da Orde do 19 de agosto de 1997 (DOG nº 166, do 29 de agosto) delega nos delegados provinciais a competencia para a aprobación dos expedientes de expropiación forzosa nos supostos de procedemento de taxación conxunta.

Á vista de canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación

conxunta dos bens e dereitos necesarios para apertura total da rúa do parque, no concello da Coruña, facendo constar que a aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación de conformidade co establecido no artigo 146 punto 1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146 punto 2º da LSG).

Segundo.-Notificárlle-la resolución aprobatoria do expediente a tódolos interesados titulares dos bens e dereitos que figuran nel, conferíndolles un termo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta delegación provincial a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145 punto 7º da LSG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145 punto 8º da LSG).

Terceiro.-Publicar esta resolución así como a relación dos seguintes bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Predio: 1.

Propietarios: Ramiro García Barros e Nieves, Ana Mercedes e Mª Asunción García Ramos.

Superficie: 65'78 m.

Valoración: 5.520.810 ptas.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo (artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

A Coruña, 19 de novembro de 1999.

Jesús Almuiña Loeda

Delegado provincial da Coruña