Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de decembro de 1999 pola que se resolve a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados ós concellos da Comunidade Autónoma galega que conten con servicios de policía local.

Por Orde do 4 de maio de 1999 (DOG nº 97, do 24 de maio), a Consellería de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais anunciou medidas de apoio á Policía Local de Galicia, consistentes na cesión de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A teor do disposto na disposición adicional desta orde, na que se establecía que a achega compensatoria realizada polos beneficiarios segundo o disposto no artigo 6º.2 a) podería xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería, que poderían ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder con cargo á aplicación 13.02.624.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, a cesión en propiedade dun vehículo modelo Citröen Xsara 1.9 Diesel L.X. Break equipado para uso da policía local ós concellos de Outes e Cambados, unha vez verificados os requisitos establecidos pola Orde do 4 de maio de 1999 (DOG nº 97, do 24 de maio) ó abeiro da que presentaron a súa correspondente solicitude.

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución ós concellos beneficiarios, especificando as condicións particulares que deberán cumprir e que se formalizarán mediante convenio no que constará o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Terceiro.-Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 1999.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais