Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 17 de decembro de 1999 Páx. 14.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 9 de decembro de 1999 pola que se convocan bolsas para a formación de expertos turísticos nos mercados emisores.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector, para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas, e por primeira vez, a Xunta de Galicia vai dedicar parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria dunhas bolsas para a especialización de expertos en mercados emisores e, simultaneamente, potenciar e fomenta-la nosa oferta turística nestes países a través da realización de prácticas profesionais na rede de oficinas do Instituto de Turismo de España (Turespaña) no estranxeiro.

Por todo isto e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do Turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 de dita lei e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse unha serie de axudas para a realización de prácticas de información turística das que se poden beneficia-los titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas (TEAT) e titulados superiores.

Todo isto de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de bolsas, consonte o sinalado na presente orde, para a especialización en mercados emisores e, simultaneamente, potenciar e fomenta-la nosa oferta turística, así como para realizar estudios relacionados preferentemente coa análise do mercado, a promoción e o apoio á nosa comercialización turística, os titulados superiores así como os titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas (TEAT).

Segunda.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo concederá estas bolsas con cargo ós créditos que, para esta finalidade, están considerados na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000 en concreto na aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0, non sendo nestas bolsas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade.

Terceira.-Destino, duración e dotación das bolsas.

Os destinos dos bolseiros serán as cidades de Berlín, Lisboa e Sao Paulo (un bolseiro en cada cidade) e a súa actividade, que terá unha duración de nove meses, realizarase nas oficinas do Instituto de Turismo de España (Turespaña) nas ditas cidades e a dotación de cada unha das bolsas será de 3.500.000 ptas. brutas (nesta cantidade están incluídos os gastos de desprazamento).

Cuarta.-Requisitos dos candidatos.

* Ser español ou nacional dun dos países membros da Unión Europea.

* Non ter máis de 30 anos no momento de remate do prazo de presentación de solicitudes.

* Ser titulado superior ou na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas (TEAT).

Quinta.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiario da bolsa obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social, aínda que os beneficiarios de bolsas desfrutarán dun seguro individual de accidentes durante o período de duración da bolsa.

Sexta.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas.

Os beneficiarios das bolsas de estudio comprométense:

-A non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior e, no caso de renuncia, cando non concorra causa de forza maior, a devolve-lo importe do desprazamento.

-Levar a cabo o plan de traballo previamente aprobado pola Dirección Xeral de Turismo por proposta do director da Oficina Española de Turismo onde desempeñe as súas funcións.

-A realiza-lo plan de traballo baixo as ordes do director da Oficina Española de Turismo e, neste sentido, integrarase como membro da oficina para o desenvolvemento do plan, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan precisos para a realización das tarefas que lle sexan encomendadas.

-A remitirlle á Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e mais á Dirección da Oficina Española de Turismo onde desempeñe as súas funcións, con carácter trimestral, un infome da actividade realizada no período ou cando, de se-lo caso, lle sexa solicitado polo director xeral de Turismo ou polo correspondente director da oficina.

-Residir, durante o período de vixencia da bolsa, no país e zona deste que se lle designe.

-Desenvolve-la actividade obxecto da bolsa cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios.

-A facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas,

no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto da presente orde.

Sétima.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

a) Con carácter obrigatorio:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Fotocopia compulsada, por ámbalas caras, do DNI ou documento análogo equivalente.

-Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas, así como a nota media.

-Memoria explicativa de cómo se realizaría unha análise do mercado, promoción e apoio á comercialización turística de Galicia como destino turístico no mercado do destino solicitado polo bolseiro. Esta memoria deberase recoller nunha extensión mínima de 5 folios e máxima de 10.

-Currículum vitae.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Con carácter voluntario:

-Documento acreditativo de realización de másters, cursos de posgrao ou análogos en materia turística.

2. Os interesados poderán realizar unha solicitude, en expedientes independentes, por cada un dos destinos ofertados.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa. No caso de que un solicitante solicite os dous destinos, soamente é obrigatorio compulsa-la documentación común que presente nun só expediente.

Oitava.-Selección das solicitudes e resolución.

1. A selección das solicitudes realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo, así como un exame dos idiomas alemán ou portugués, segundo corresponda e outro sobre o temario que se inclúe como anexo III a esta orde.

a) Expediente académico, ata 3 puntos.

b) Currículum vitae, ata 3 puntos.

c) Memoria explicativa de cómo se realizaría unha análise do mercado, promoción e o apoio á comercialización turística de Galicia como destino turístico no mercado do destino solicitado polo bolseiro, ata 5 puntos.

d) Masters, cursos de posgrao ou análogos en materia turística, 1 punto por curso e, no caso de se teren realizado estes en universidades galegas, 2 puntos por curso.

Para a valoración das solicitudes e realización dos exames e a súa valoración constituirase un tribunal, que estará formado polas persoas adscritas á Dirección Xeral de Turismo e a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia seguintes:

Presidente:

Titular: o director xeral de Turismo.

Suplente: o subdirector xeral de Ordenación.

Vocais:

Titulares:

* O subdirector xeral de Fomento e Cooperación.

* O director-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia.

Suplentes:

* A xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

* A xefa de Área de Coordinación do Plan de Promoción.

Secretaría:

Titular: o xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

Suplente: a xefa de Sección de Fomento.

O tribunal realizará unha preselección, que se considerará superada polos aspirantes que obteñan unha puntuación de 10 ou máis puntos, segundo o baremo, os cales deberán realizar un exame de alemán e/ou portugués, oral e/ou escrito, a criterio do tribunal e outro, tipo test, sobre o temario que se inclúe como anexo III a esta orde. Á puntuación obtida por aplicación do baremo sumaráselle á obtida nos exames.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes preseleccionados sobre os seus méritos curriculares, a memoria e de cultura xeral, por tempo máximo de 15 minutos.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicialmente asignada nun máximo do 25% da que lle correspondese por aplicación do baremo.

2.1. O tribunal proporá como adxudicatarios, para cada un dos destinos, os solicitantes, en cada un deles, que acadasen a maior puntuación. No caso de un mesmo solicitante acadara maior puntuación para cada un dos destinos, este deberá optar, no prazo de 10 días desde a publicación dos acordos do tribunal e mediante comparecencia persoal diante da secretaría do tribunal, por unha das bolsas; así mesmo, no caso de dous ou máis solicitantes acadaran a mesma puntuación para o mesmo destino, proporáselle a súa adxudicación ó solicitante de maior idade.

Os acordos do tribunal faranse públicos mediante a inserción de anuncios nos taboleiros da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, isto é, na Secretaría Xeral e na Dirección Xeral de Turismo.

2.2. No caso de que, unha vez adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias ou non se aceptasen, adxudicaráselle ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, vistos os acordos do tribunal, resolverá a concesión de conformidade co establecido na presente orde no prazo de catro meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Novena.-Aceptación-renuncia das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utilizarase o modelo do anexo II da orde) ou renuncia a elas. No caso de aceptación, xuntarase coa mesma certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa. Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase a dictar resolución de arquivo do expediente.

Décima.-Aboamento das axudas.

A Dirección Xeral de Turismo aboaralles ós bolseiros mensualmente, na contía que corresponda, o importe das bolsas concedidas, logo de comunicación do correspondente director da oficina de bo cumprimento das tarefas encomendadas. Non obstante, trala aceptación e logo de presentación na Dirección Xeral de Turismo dos billetes do desprazamento, de ida e volta, confirmados, aboaráselle

a cada bolseiro a cantidade de 350.000 ptas. na calidade de anticipo, o cal se descontará do abono mensual de maneira rateada ó longo de tódolos aboamentos.

Así mesmo, os bolseiros, antes do derradeiro aboamento deberán achegar á Dirección Xeral de Turismo declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Undécima.-Incumprimento das obrigas.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá anula-la axuda por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A Dirección Xeral de Turismo proporá, de se-lo caso, a incoación do expediente sancionador correspondente.

Disposición transitoria

Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto realizados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, ó se dicta-lo acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e dereito existentes no momento en que foron producidos aqueles actos.

Disposición adicional

O tribunal cualificador, por acordo do seu presidente, poderá incorporar como membros deste as persoas que, debidamente cualificadas, considere oportunas para o seu apoio. Estas persoas terán voz pero non voto nas decisións do tribunal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así co na normativa orzamentaria de aplicación.

Segundo.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO II

Beneficiario:

Bolsa para:

Trala notificación que se me realizou por parte da Dirección Xeral de Turismo, da concesión dunha bolsa dotada con 3.500.000 ptas. para a especialización en mercados emisores e, simultaneamente, potenciar e fomenta-la nosa oferta turística, así como para realizar estudios relacionados preferentemente coa análise do mercado, a promoción e o apoio á nosa comercialización turística na oficina do Instituto de Turismo de España (Turespaña) en

Expoño que a acepto e comprométome a cumprir tódolos requisitos que me son esixibles, en concreto os seguintes:

-A non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior e, no caso de renuncia, cando non concorra causa de forza maior, a devolve-lo importe do desprazamento.

-Levar a cabo o plan de traballo previamente aprobado pola Dirección Xeral de Turismo por proposta do Director da Oficina Española de Turismo onde desempeñe as miñas funcións.

-A realiza-lo plan de traballo baixo as ordes do director da Oficina Española de Turismo e, neste sentido, integrareime como membro da oficina para o desenvolvemento do plan, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan precisos para a realización das tarefas que se me encomenden.

-A remitirlle á Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e mais á Dirección da Oficina Española de Turismo onde desempeñe as miñas funcións, con carácter trimestral, un infome da actividade realizada no período ou cando, se é o caso, me sexa solicitado polo director xeral de Turismo ou polo correspondente director da oficina.

-Residir, durante o período de vixencia da bolsa, no país e zona de este que se me designe.

-Desenvolve-la actividade obxecto da bolsa cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios.

Así mesmo, declaro o meu coñecemento expreso de que o incumprimento de calquera dos requisitos esixidos na convocatoria supón a perda da bolsa concedida e de calquera dereito derivado dela.

de.................... de......

O beneficiario

Asdo.:...............

Director xeral de Turismo

Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO III

Temario

Tema 1. A Galicia prerromana: o megalistismo. A Idade de Bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

Tema 2. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

Tema 3. A arquitectura renacentista e barroca en Galicia. Exemplo das súas manifestacións máis importantes en Galicia.

Tema 4. A arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. O momento de vangarda na arte galega.

Tema 5. A arquitectura popular galega. Artesanía e oficios populares. O folclore. A gastronomía.

Tema 6. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 7. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

Tema 8. Áreas naturais do interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

Tema 9. Costa da Morte e Rías Altas. Especial significación da Costa da Morte.

Tema 10. As Rías Baixas.

Tema 11. A Galicia interior.

Tema 12. O Camiño Francés e outros tramos galegos do Camiño de Santiago.

Tema 13. As cidades e vilas galegas como focos de atracción turística.

Tema 14. Diversificación e novas ofertas turísticas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos, convencións, turismo activo e de natureza.

Tema 15. A Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia e normas de desenvolvemento.

Tema 16. A comercialización (organización comercial) de Galicia como destino turístico.