Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 22 de novembro de 1999 Páx. 13.698

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. Seixas-Vilar de Cabalos, no concello de Taboada. (Expediente 10/1999 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na rúa Sáenz Díez 45, Ourense, que solicita aprobación de proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións electricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997.

Visto que na tramitación do expediente se presentaron as seguintes alegacións:

1º Unha conxunta de Clara Gómez Lamela e José Vázquez Martínez, que solicitan unha modificación do trazado da liña eléctrica que nos ocupa amparándose no artigo 57 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, manifestando así mesmo, que a relación de bens e dereitos afectados é incorrecta en canto á superficie afectada e ós propios bens ó non facer mención das árbores autóctonas.

2º Outra de J. Manuel Garza Sobrado que solicita que se teñan en conta a existencia de árbores autóctonas no seu predio que estarán afectadas polo paso da liña.

Considerando que as devanditas alegacións non impiden a tramitación do expediente por canto:

a) Polo que respecta á modificación do trazado solicitado, esta non debe ser tida en conta, xa que non se dan as modificacións previstas no artigo 57.B da devandita lei nin no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, isto é, que a variación do trazado solicitada non sexa superior en lonxitude ou altura ó 10% da parte da liña eléctrica afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante dela.

b) A zona de servidume afectada pola instalación sobre cada un dos predios así como dos bens en concreto afectados (número e tipo de árbores ou calquera outro ben que quede afectado) delimitaranse no momento do levantamento das actas previas á ocupación, data que lles será notificada individualmente a tódolos propietarios para que poidan alegar canto consideren oportuno na defensa dos seus dereitos.

Vista sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, obsérvase que nela non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de indus

tria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea Vilar de Cabalos de 20 kV, con orixe na L.M.T. ó C.T. existente de Seixas e remate no C.T. de Vilar de Cabalos, cunha lonxitude de 1,005 km, conductor LA-56/54,6 mm e apoios de formigón.

2. Centro de transformación intemperie Vilar de Cabalos, situado en Vilar de Cabalos, cunha potencia de 50 kVA e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Liña de baixa tensión aérea en Seixas, con orixe no C.T. existente de Seixas cunha lonxitude de 0,1 km e apoios de formigón.

4. Liña de baixa tensión aérea en Vilar de Cabalos, con orixe no C.T. de Vilar de Cabalos, cunha lonxitude de 1,90 km e apoios de formigón.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimonais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico do 5 de abril de 1999.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no BOP de Lugo do 29 de abril de 1999, DOG do 6 de maio de 1999 e no diario El Progreso do 22 de maio de 1999 e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial. Ata o momento do levantamento das actas poderánse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Lugo, 18 de outubro de 1999.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo