Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 08 de novembro de 1999 Páx. 13.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 285/1999, do 14 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Sandiás (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do camiño veciñal número 1 Sandiás-Ponte Liñares.

O Concello de Sandiás (Ourense), en sesión do día 23 de xullo de 1999, aprobou o proxecto de

acondicionamento do camiño veciñal nº 1 Sandiás-Ponte Liñares e na sesión do 27 de xaneiro de 1999 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 17 de agosto de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 29 de setembro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por tratarse o ben que se vai expropiar dun terreo que interrompe o trazado da estrada, e de non executarse conxuntamente a totalidade do tramo quedaría aquela interrompida e imposibilitada a súa posta en servicio coas debidas garantías de seguridade para os usuarios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Sandiás (Ourense) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do camiño veciñal nº 1 Sandiás-Ponte Liñares.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais