Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 08 de novembro de 1999 Páx. 13.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 284/1999, do 21 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 20.958 m, sito na parroquia de Xubia, termo municipal de Narón (A Coruña), para a construcción dun centro de educación.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Narón, reunido en sesión do día 30 de outubro de 1998, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia un terreo, situado na parroquia de Xubia, no termo municipal de Narón (A Coruña), para a construcción dun centro de educación.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por

proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Narón acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo situado na parroquia de Xubia, no termo municipal de Narón (A Coruña), que a seguir se describe:

Terreo a monte no sitio de Forcas, Catadoiro, Fábrica da Casa do Monte, Regueiras O Puxeiro, cunha cabida de vinte mil novecentos cincuenta e oito metros cadrados. Estrema: norte, Pedro Caínzos; sur, Agustín Ribas e Juan de Cecilia; leste, resto de predio matriz, propiedade municipal, José de Filgueira e trapecio de sesenta e catro metros en sentido norte-sur e cincuenta e dous metros en sentido leste-oeste; e oeste, estrada de Cedeira e rúa Ortega e Gasset.

Inscrito no Rexistro da Propiedade no folio 175 do tomo 1.865 do arquivo, libro 404 do Concello de Narón, inscrición primeira do predio número 40.358.

Artigo 2º

Os inmobles cedidos destinaranse á construcción dun centro público de educación.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda