Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 05 de novembro de 1999 Páx. 13.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 1999 pola que se convocan unhas Xornadas de estudio sobre a Lei de cooperativas de Galicia.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas de estudio sobre a Lei de cooperativas de Galicia, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

As xornadas pretenden ofrecer ós diferentes medios interesados (funcionarios, profesionais, xuristas, etc.) un foro que lles permita afondar no coñecemento da pezas claves do réxime xurídico que instaura a Lei galega 5/1998 para as sociedades cooperativas que quedan dentro do seu ámbito de aplicación; réxime ó que terán que axustarse tanto as cooperativas que se constitúan no futuro como as xa constituídas conforme a lexislación anterior.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A nova Lei de cooperativas de Galicia, dentro do marco da lexislación estatal e autonómica na materia.

-Concepto, constitución e socios da cooperativa.

-Fiscalidade das sociedades cooperativas.

-Organización, réxime económico e contabilidade da cooperativa.

-Modificacións estatutarias e estructurais. Disolución e liquidación da sociedade cooperativa.

-O asociacionismo cooperativo. A Administración pública e as cooperativas.

-As clases de cooperativas e as cooperativas de segundo ou ulterior grao.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Horario: mañá e tarde.

Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, en Santiago de Compostela) os días 29 e 30 de novembro de 1999.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 25 de novembro de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 26 de novembro, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública