Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 03 de novembro de 1999 Páx. 12.891

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Celta de Artes Gráficas, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Celta de Artes Gráficas, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-9-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 20-8-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provinvial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segunda.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de outubro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Celta de Artes Gráficas, S.L.

Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo será de aplicación en tódolos centros nos que Celta Artes Gráficas, S.L. desenvolve as súas actividades.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal que preste os seus servicios na empresa mediante contrato laboral, calquera que fosen as súas funcións.

Quedan expresamente excluídos:

a) O persoal a que se refiren os artigos 1, tres, c) e 2, un, a) do Estatuto dos traballadores.

b) Profesionais liberais vinculados con contratos civís de prestación de servicios.

c) Asesores

d) O persoal pertencente a empresas concesionarias que teñan un contrato civil de prestación de servicios formalizado con Celta de Artes Gráficas, S.L.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e absorción.

A vixencia deste convenio será de dous anos, contados desde o 1 de xaneiro de 1999, e finalizará a súa vixencia o 31 de decembro do 2000.

Tódolos conceptos económicos de 1999 terán efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1999 e son os que figuran neste convenio e o seu anexo.

Para o ano 2000 incrementaranse tódolos conceptos salariais na mesma porcentaxe do IPC xeral nacional do ano inmediatamente anterior (1999).

Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados, no seu conxunto e cómputo anual, sexan máis favorables que os fixados na orde normativa ou convencional de referencia.

Artigo 4º.-Denuncia e vinculación á totalidade.

A denuncia realizarase por escrito cunha antelación mínima de dous meses ó seu vencemento.

En caso de non media-la dita denuncia por calquera das partes coa antelación mínima referida, o convenio considerarase prorrogado nos seus propios termos de ano en ano. Se as deliberacións se prolongasen por prazo que excedese da vixencia do convenio entenderase este prorrogado, mantendo o seu teor normativo e obrigacional mentres non se asine e alcance vigor o que o substitúa, sen prexuízo de que o novo convenio teña efectos retroactivos.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, polo que ámbalas partes se obrigan ó respecto da totalidade das estipulacións.

Artigo 5º.-Remisión.

En tódalas materias non reguladas por este convenio colectivo rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores e normas concordantes.

Organización e condicións de traballo.

Artigo 6º.-Principio xeral.

A organización práctica do traballo e a asignación de funcións é facultade exclusiva da dirección da empresa. O comité de empresa ou delegados de persoal teñen atribuídas funcións de asesoramento, orientación e proposta nos temas relacionados coa organización e racionalización do traballo, tendo dereito a presentar informe con carácter previo á execución das decisións que aquela adopte nos casos de implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo, todo iso sen prexuízo das normas legais que sexan de aplicación.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas de traballo semanais.

Artigo 8º.-Período de proba.

Establécense os seguintes períodos de proba, dentro dos que ámbalas partes poden resolve-lo contrario sen obriga de indemnización nin aviso previo:

-Técnicos de grao superior e medio e persoal de similar categoría (tres meses).

-Persoal administrativo e persoal cualificado (dous meses).

-Persoal non cualificado (un mes).

A incapacidade temporal que afecte ó traballador, durante o período de proba, interrompe o cómputo deste. O período de proba terá que constar no contrato de traballo.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Tódolos traballadores acollidos a este convenio terán dereito ós permisos retribuídos que define o artigo 37 do vixente Estatuto dos traballadores, coas seguintes variacións:

-Quince días naturais en caso de matrimonio.

-Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

-Dous días por traslado do domicilio habitual.

-Un día por asuntos propios, sempre que as necesidades da empresa o permitan e de mutuo acordo co responsable da sección.

Artigo 10º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá 30 días naturais de vacacións. O calendario de vacacións deberase elaborar durante o primeiro trimestre de cada ano.

A incapacidade temporal no transcurso do ano dará lugar a desconto de días de vacacións.

Artigo 11º.-Días santos.

Os traballadores das seccións ou departamentos ós que lles corresponda presta-los seus servicios nalgún ou algúns dos días declarados festas oficiais no calendario laboral, desfrutarán dun día natural de descanso por cada festivo traballado. O desfrute deste días poderá incrementar ou non o período de vacacións anuais, de acordo coas necesidades da empresa e unha vez oído o traballador.

Artigo 12º.-Vestiario.

Ó persoal de rotativa, talleres mecánicos, servicios auxiliares e de mantemento facilitaránselle dúas mudas de roupa de traballo ó ano, consistentes en pantalón e chaqueta curta ou camisa.

Artigo 13º.-Saúde laboral.

Para estes efectos haberá que se ater ó disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normas de aplicación.

Artigo 14º.-Xubilación.

A xubilación dos traballadores poderá producirse en calquera dos momentos seguintes:

a) De forma anticipada, antes de cumpri-la idade de 65 anos, mediante acordo entre a empresa e o traballador e con coñecemento do comité de empresa ou delegados de persoal, aboando a empresa catro mensualidades de salario real por cada ano de anticipación ós 65 anos, como incentivación á xubilación anticipada voluntaria que se estableza de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

No suposto de aplicación de cesamentos laborais por renovación tecnolóxica, o traballador desfrutará das vantaxes concedidas pola lexislación no relativo a estimación de pensións.

Libremente, empresa e traballadores pactararán a indemnización ou compensación prevista no cesamento por cambios tecnolóxicos ademais das condicións enunciadas nos parágrafos anteriores.

b) De forma obrigatoria, cando o traballador cumpra a idade de 65 anos, non poderá permanecer por máis tempo prestando os seus servicios á empresa, co fin de implantar novas tecnoloxías, permitindo a reconversión e modernización do cadro de persoal.

c) Para tódolos efectos garántese que non se producirá a xubilación forzosa dos traballadores ós 65 anos sen que estes reúnan as condicións precisas para obte-la prestación correspondente da Seguridade Social.

Artigo 15º.-Seguro colectivo de vida.

A empresa contratará un seguro colectivo de vida con indemnización de 1.000.000 de pesetas por falecemento ou invalidez.

Premios, faltas e sancións.

Artigo 15º.-Premios.

Os comportamentos excepcionais ou especialmente meritorios no desempeño do traballo poderán ser premiados pola dirección nunha ou varias das formas seguintes:

a) Mención honorífica, que deberá constar no expediente persoal, levando anexa a anulación de posibles notas desfavorables de sancións.

b) Bolsas, asistencias a seminarios, conferencias, feiras profesionais ou viaxes de estudio.

Artigo 16º.-Faltas e as súas clases.

O bo comportamento laboral enténdese inherente á realización do traballo. Baixo este principio, os actos ou omisións contrarios á disciplina e a boa orde laboral que debe existir na empresa terán a consideración de faltas laborais, as cales, en atención á súa transcendencia, clasificaranse en leves, graves e moi graves.

De conformidade con esta clasificación por niveis de gravidade, relaciónanse os artigos seguintes, a título simple enunciativo, algunhas destas posibles

infraccións, sen que iso implique que existan outras que por analoxía poidan ser encadradas na dita clasificación.

Artigo 17º.-Faltas leves.

Serán faltas leves as seguintes:

1. Ata tres faltas de puntualidade na entrada ou saída do traballo, durante un período dun mes, superiores a dez minutos e inferiores a trinta.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se comprobe a imposibilidade de efectualo.

3. O abandono sen causa xustificada do servicio, aínda cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa, ou fose causa de accidente, esta falta poderá ser considerada como falta grave ou moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo e limpeza persoal. Esta falta, en caso de persoal que realice tarefas de atención ó público poderá ser considerada grave.

6. Non atende-lo público, persoal ou telefonicamente, coa corrección e dilixencia debidas.

7. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio, así como os cambios das contas bancarias nas que estivese domiciliada a nómina.

8. Faltar ó traballo un día, nun mes, sen causa xustificada.

Artigo 18º.-Faltas graves.

Clasificaranse como faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade no traballo cometidas durante un período de trinta días.

2. Faltar dous días ó traballo, nun mes, sen falta xustificada.

3. Non comunicar coa debida puntualidade os cambios experimentados na situación familiar que poidan afectar á Seguridade Social ou ó tipo de retención do IRPF. A falta maliciosa nestes casos poderase considerar moi grave.

4. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexan, estando de servicio.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós superiores en calquera materia de servicio. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada moi grave.

7. Simula-la presencia doutro traballador fichando, contestanto ou asinando por el.

8. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha do servicio.

9. A imprudencia en actos de servicio. Se implicase risco de accidente para o traballador, para terceiros ou perigo de avaría para as instalacións, considerarase moi grave.

10. A reincidencia en faltas leves, aínda que se trate de infraccións de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período dun mes.

11. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas nun período de seis meses, e vinte durante un ano.

Artigo 19º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como tales as seguintes:

1. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos alleos á empresa durante a xornada ou empregar para usos particulares ferramentas desta, incluso cando iso ocorra fóra da xornada de traballo.

2. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, e o furto ou roubo, tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou calquera outra persoa dentro das dependencias de traballo ou durante acto de servicio en calquera lugar.

3. Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en primeiras materias, utensilios, ferramentas, maquinarias, aparellos, instalacións, edificios, cousas ou documentos da empresa.

4. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

5. A embriaguez ou calquera tipo de intoxicación de drogas durante o servicio.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou dos seus traballadores.

7. Revelar a elementos estraños á empresa datos de reserva obrigada.

8. Dedicarse a actividades que a empresa declarase incompatibles.

9. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados, así como a terceiras persoas, sempre que neste último caso se produzan dentro das dependencias da empresa.

10. Acoso sexual.

11. Causar accidente grave por imprudencia ou neglixencia inescusables.

12. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

13. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

14. Orixinar frecuentes liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

15. A reincidencia en falta grave, aínda que se trate de infraccións de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período de seis meses.

Artigo 20º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán imporse ós que incorran en falta serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación por escrito.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de 2 a 14 días.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de 15 a 60 días ou despedimento.

Artigo 21º.-Tramitación.

A valoración das faltas e as sancións que se van aplicar en cada caso corresponderá á dirección da empresa, sen máis trámite que a comunicación escrita ó traballador, facéndolle consta-los feitos constitutivos da falta, a sanción imposta e a súa data de efectos, debendo mediar, nos casos de sancións graves e moi graves, comunicación previa ó comité de empresa.

Artigo 22º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves ó vinte días e as moi graves ós sesenta días a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión, e en todo caso, ós seis meses de se cometeren.

Réxime económico.

Artigo 23º.-Remuneracións.

O persoal incluído neste convenio colectivo percibirá doce pagas anuais na contía fixada no anexo para cada categoría profesional.

Para efectos do disposto no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, a remuneración anual en función das horas de traballo é a que figura no expresado anexo deste convenio.

Artigo 24º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos neste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados na empresa, consistentes en dous trienios e quinquenios sucesivos. A contía do dito complemento de antigüidade será do 5% do salario base que figura na táboa do anexo.

Artigo 25º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese un total de tres gratificacións extraordinarias: verán, Nadal e febreiro. A súa contía será equivalente a unha mensualidade do salario base do anexo, agás a paga de febreiro, que será equivalente ó 8% do salario base máis a antigüidade.

As gratificacións de verán e Nadal faranse efectivas o día 15 de xullo e o 15 de decembro, respectivamente, e a de febreiro aboarase durante o mes de febreiro do ano seguinte ó que corresponda. A dita paga de febreiro poderase ratear mensualmente, de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 26º.-Aprendizaxe.

A retribución do contrato de aprendizaxe fixarase por riba do salario mínimo interprofesional e estará conforme co artigo 11 b) da sección cuarta do título primeiro do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e conforme co Real decreto 488/1998, do 17 de marzo.

Artigo 27º.-Dereito a nota necrolóxica.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a unha nota necrolóxica por falecemento e outra de gracias, do tamaño de tres columnas, gratuíta, en caso de falecemento de familiar de primeiro grao.

Artigo 28º.-Axuda para lentes.

Todo o persoal da empresa terá dereito a percibi-lo 50% do valor dos cristais de lentes prescritos por un facultativo da especialidade, con receita médica e sempre que se produzan alteracións da visión do traballador.

Artigo 29º.-Vixilancia e cumprimento do convenio.

De conformidade co establecido no artigo 85 d) do Estatuto dos traballadores, constituirase unha comisión paritaria para a vixilancia e cumprimento deste convenio, que estará integrada por dous membros designados pola empresa e dous traballadores designados polo comité.

E en proba de conformidade, asinan esta acta en Vigo o 20 de agosto de 1999.

ANEXO

Taboa salarial ano 1999

Técnicos (soldo mensual)
Técnico titulado de grao superior149.151
Técnico titulado de grao medio110.229
Técnico non titulado103.938

Administración (soldo mensual)
Xefe de sección152.684
Xefe de negociado135.119
Oficial primeira121.037
Oficial segunda103.938
Auxiliar89.387

Servicios auxiliares (salario día)
Telefonista2.152
Encargado de almacén2.850
Almaceneiro2.606

Oficios propios (salario día)
Xefe de taller (rexente)4.092
Xefe de sección3.695
Xefe de equipo3.222

Rotativa (salario día)
Oficial primeira2.959
Oficial segunda2.850
Oficial terceira2.740

Composición, fotomecánica e montaxe (salario día)
Oficial primeira2.959
Oficial segunda2.850

Oficial terceira2.606

Peche (salario día)
Oficial primeira2.959
Oficial segunda2.850
Oficial terceira2.606
Auxiliar2.152

Oficios auxiliares (salario día)
Oficial primeira2.850
Oficial segunda2.606
Oficial terceira2.606
Porteiro2.152
Mozo2.152
Peón2.152
Conserxe2.152
Ordenanza2.152