Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 03 de novembro de 1999 Páx. 12.860

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 277/1999, do 14 de outubro, polo que se regula a cualificación de xubilación mutual protexida.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, transferiu, de acordo co artigo 150.2º da Constitución, á Comunidade Autónoma galega, a competencia exclusiva sobre mutuas non integradas no sistema de Seguridade Social. Por outra parte, a Lei orgánica 6/1999, do 6 do abril, transferiu á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia en materia de ordenación do crédito, banca e seguros.

Rexen nesta materia a Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión de seguros privados e o Real decreto 2615/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de entidades de previsión social, que establecen os mecanismos de control das mutualidades de previsión social para lles garantir ós mutualistas as prestacións que teñen concertadas.

Os seguros de vida na súa modalidade de plans de xubilación incentivan un aforro a longo prazo e capitalízano; polo tanto, faise conveniente velar para que a mutualidade poida facer efectivo o capital aforrado no momento do seu vencemento. Por outro lado, a capitalización deste aforro pode se-la base para a solución de problemas da nosa sociedade no futuro, como as situacións de dependencia.

É conveniente, pois, apoia-las entidades que desexen reforza-la súa solvencia económica mediante o establecemento duns mecanismos excepcionais de control que lles permitirán dar unha maior garantía ós seus mutualistas, e así fomenta-lo mutualismo, dada a falta de tradición na sociedade galega, como manifestación do fenómeno asociativo, perfectamente lexítimo e acorde cos principios e valores constitucionais e estatutarios.

Tal medida de promoción concrétase nunha declaración administrativa que cualifique un seguro de vida diferido como xubilación mutual protexida, de tal modo que se acrediten certas condicións de solvencia e fiabilidade en tales productos e se fomente a súa utilización.

Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é regula-las condicións precisas para que as mutualidades de previsión social voluntaria de Galicia que o soliciten e cumpran estas condicións obteñan para a súa prestación de xubi

lación a cualificación de xubilación mutual protexida. Esta cualificación recoñecerase por resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e poderá constar na documentación contractual desta prestación.

2. A cualificación de xubilación mutual protexida constata que a Administración controlará que as mutualidades que a obtivesen cumpren as esixencias reforzadas no tocante ás obrigas previstas na lexislación aplicable e neste decreto, no referente a acredita-la súa solvencia e o compromiso das propias mutualidades de asumi-lo deber expreso de cumprilas e mantelas.

Capítulo II

Requisitos

Artigo 2º.-Destinatarios.

A cualificación de xubilación mutual protexida poderá ser solicitada por calquera das mutualidades de previsión social que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita no Rexistro de Mutualidades de Previsión Social Voluntaria de Galicia, adscrito á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, creado por orde da Consellería de Economía e Facenda do 5 de maio de 1999.

b) Estar ó día das súas obrigas legais previstas na normativa vixente aplicable.

c) Non estar sometida a un procedemento de adopción de medidas cautelares de acordo coa normativa aplicable.

d) Dispoñer dun regulamento de prestación de xubilación tal e como se define no artigo 3º, inscrito no rexistro antes citado.

e) Cumpri-los demais requisitos especificados neste decreto.

Artigo 3º.-Regulamento da prestación de xubilación.

O regulamento da prestación de xubilación que outorguen as mutualidades para os efectos de obte-la cualificación debe regular unha prestación básica de seguro de vida diferido, xa sexa en forma de capital ou de renda.

Artigo 4º.-Condicións para a obtención da cualificación de xubilación mutual protexida.

As mutualidades que reúnan os requisitos previstos no artigo 2º e queiran solicita-la cualificación de xubilación mutual protexida para a súa prestación de xubilación, deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Para as mutualidades que operen unicamente co regulamento descrito no artigo 3º, dispoñer dun fondo mutual mínimo de 50.000.000 de pesetas; adicionalmente os recursos propios deberán incrementarse nos termos que se establezan nas disposicións de desenvolvemento deste decreto.

b) Para as mutualidades que operen, xunto co regulamento descrito no artigo 3º, con outros regulamentos de prestacións, encarga-la xestión das provisións xeradas polas achegas á prestación de xubilación obxecto deste decreto a outra mutualidade de previsión social,

da que deben ser socias. Esta entidade deberá cumpri-los requisitos establecidos no artigo 5º e deberá poñer á disposición da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro toda a documentación contractual existente entre ámbalas dúas entidades.

Artigo 5º.-Entidades que poden xestiona-las provisións xeradas polas aportacións á prestación obxecto deste decreto.

1. Poden xestiona-las provisións xeradas polas achegas á prestación obxecto deste decreto as mutualidades de previsión social que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2º e tamén as seguintes condicións:

a) Dispoñer dun fondo mutual non inferior a 50.000.000 de pesetas; adicionalmente, os recursos propios deberanse incrementar nos termos que se establezan nas disposicións de desenvolvemento deste decreto.

b) Estar constituída por un mínimo de 10 mutualidades, que terán aprobado un regulamento de xubilación homoxéneo, tal e como se define no artigo 3º e no punto segundo deste precepto.

c) Operar unicamente en prestacións de seguro de vida e en operacións preparatorias ou complementarias deste seguro, logo de autorización administrativa.

2. Para os efectos da letra b) do parágrafo primeiro deste artigo, entenderase que hai homoxeneidade entre regulamentos cando se dean, polo menos, as seguintes circunstancias:

a) Que os regulamentos regulen modalidades de prestacións básicas idénticas.

b) Que utilicen os mesmos métodos e as mesmas bases técnicas de cálculo actuarial.

c) Que os gastos de administración, comercialización e xestión teñan a mesma porcentaxe.

3. As provisións que xestione esta entidade deben provir en todo caso de regulamentos que obteñan cualificación de xubilación mutual protexida que regulen unha prestación básica homoxénea.

Artigo 6º.-Criterios de investimento.

1. As mutualidades que obtiveran a cualificación de xubilación mutual protexida para a súa modalidade de prestación de xubilación deberán efectua-los seus investimentos observando criterios de seguridade, rendibilidade, liquidez e diversificación, e someterse ós límites que, en función da natureza do ben apto que integra a provisión, estableza a normativa aplicable.

2. No caso de que se produza déficit no cálculo ou na cobertura das provisións técnicas xestionadas superior ó 5%, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro iniciará o expediente oportuno destinado a toma-las medidas correctoras necesarias.

Capítulo III

Obrigacións e prazos de cumprimento

Artigo 7º.-Mutualidades do artigo 4º a).

As mutualidades ás que fai referencia o artigo 4º a) que obtivesen para a súa prestación de xubilación

a cualificación de xubilación mutual protexida deben presentar trimestralmente, e no prazo de 2 meses naturais desde a finalización de cada trimestre, o balance, a conta de resultados e unha certificación do cálculo e da cobertura das provisións técnicas.

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá requiri-las mutualidades para que presenten canta documentación complementaria considere necesaria co fin de acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos neste presente decreto.

Anualmente, xunto coa documentación estatística-contable do exercicio inmediatamente anterior, deben remitir, antes do día 16 de xullo, a seguinte documentación:

a) Un informe anual que reflicta o resultado da xestión dos recursos procedentes do regulamento regulado por este decreto. Este informe debe conter, como mínimo, os seguintes datos:

-Tipo de investimentos efectuados con indicación dos títulos-valor e outros activos nos que se materializaran.

-Rendibilidade obtida dos investimentos citados.

b) Unha coauditoría. Para os efectos deste decreto, enténdese por coauditoría o informe da auditoría que se emite baixo a responsabilidade de dous auditores independentes que figuran inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

c) Cadro anual de provisións matemáticas e relacións de bens aptos para a súa cobertura destinados a estas provisións, confeccionado e certificado por un actuario de seguros.

d) Certificado actuarial que determine a solvencia dinámica da mutualidade.

Artigo 8º.-Mutualidades do artigo 5º.

As mutualidades ás que fai referencia o artigo 5º deben presentar trimestralmente, e nun prazo de 2 meses naturais desde a finalización de cada trimestre, o balance, a conta de resultados, o estado da carteira de valores con indicación dos valores efectivos e a cobertura dos títulos-valor, así como a súa variación trimestral para cada unha das mutualidades que remitisen provisións por xestionar.

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá requiri-las mutualidades para que presenten canta documentación complementaria considere necesaria co fin de acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto.

Anualmente, xunto coa documentación estatístico-contable do exercicio inmediatamente anterior deben remitir, antes do día 16 de xullo, a documentación seguinte:

a) Un informe anual que reflicta o resultado da xestión dos recursos procedentes de cada unha das mutualidades que remitiran as provisións técnicas. Este informe debe conter, como mínimo, os seguintes datos:

-Tipo de investimentos efectuados con indicación dos títulos-valor e outros activos nos que se materializaran.

-Rendibilidade obtida dos citados investimentos.

b) Una coauditoría sobre os fondos xestionados por esta mutualidade. Para os efectos deste decreto, enténdese por coauditoría o informe de auditoría que se emite baixo a responsabilidade de dous auditores independentes que figuran inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 9º.-Mutualidades do artigo 4º b).

As mutualidades a que fai referencia o artigo 4º b) deben remitir anualmente, xunto coa documentación estatístico-contable, un anexo que recolla de maneira independente os datos estatístico-contables da prestación regulada neste decreto.

Estas mutualidades deberán facilitarlle, ademais, á entidade xestora a documentación necesaria para que poida coñecer en todo momento as provisións a que corresponden estes recursos.

Artigo 10º.-Emenda da documentación.

Se a documentación presentada non reúne os requisitos establecidos nos artigos anteriores, requirirase a mutualidade interesada para que no prazo de 10 días emende as deficiencias ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se terá por desestimada a súa petición.

Capítulo IV

Outorgamento, prórroga e revogación

Artigo 11º.-Outorgamento.

1. As mutualidades que cumpran os requisitos establecidos nos artigos 2º, 3º e 4º deste decreto, poderán solicitar, para a súa prestación de xubilación, o outorgamento da cualificación de xubilación mutual protexida.

O órgano competente para tramitar e resolver este procedemento é a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda.

O prazo para dicta-la resolución será de 6 meses.

2. A cualificación de xubilación mutual protexida terá unha duración dun ano contado desde a data do seu otorgamento, sen prexuízo da prórroga regulada no artigo seguinte.

3. A cualificación de xubilación mutual protexida deberá anotarse no Rexistro de Mutualidades de Previsión Social Voluntaria de Galicia e deberase, así mesmo, publica-lo seu outorgamento no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Prórroga da cualificación de xubilación mutual protexida.

Tres meses antes de que remate o prazo para o que lles foi concedida a cualificación de xubilación mutual protexida, as mutualidades poderán solicita-la prórroga da cualificación citada.

Neste caso, o órgano administrativo competente comprobará que se manteñen as condicións establecidas nos artigos 2º e 4º deste decreto e valorará a documentación que achegase a mutualidade periodicamen

te, tal e como queda establecido no capítulo III deste decreto.

Artigo 13º.-Revogación da cualificación.

O órgano administrativo competente, mediante a tramitación do correspondente expediente e audiencia á entidade interesada, revogará a cualificación de xubilación mutual protexida cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Que a mutualidade incumpra calquera das obrigas establecidas neste decreto.

b) Que a mutualidade deixe de reunir algún dos requisitos establecidos neste decreto para a concesión da cualificación de xubilación mutual protexida para a súa modalidade de prestación de xubilación.

A resolución pola que se ordene a revogación deberá ser publicada nalgún dos xornais de maior difusión na localidade onde a mutualidade teña o seu domicilio, así como no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda