Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 08 de outubro de 1999 Páx. 12.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 262/1999, do 23 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rede de sumidoiros en Tragove-Montes Outeiros.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión que tivo lugar o día 15 de febreiro de 1999, aprobou o proxecto de rede de sumidoiros en Tragove-Montes Outeiros e na sesión do 30 de abril de 1999, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de agosto de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 15 de setembro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a construcción de rede de sumidoiros en Tragove, Montes Outerios supón a única posibilidade de conectar e dar servicio ás 18 vivendas de protección oficial que se están construíndo nesa zona, coa estación depuradora de augas residuais (Edar), que serve a Cambados e Vilanova de Arousa, e que forman parte da primeira fase dun total de 50 vivendas de protección oficial de promoción pública.

Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, promotor das vivendas e tendo en conta o seu avanzado estado de execución, pide a urxente realización das obras de urbanización, entre as que se atopan aquelas que son obxecto deste proxecto, para os efectos de poder realiza-las pertinentes acometidas ós servicios xerais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día vintetrés de setembro de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rede de sumidoiros en Tragove-Montes Outeiros.

Santiago de Compostela, vintetrés de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais