Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 04 de outubro de 1999 Páx. 11.903

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 1999 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo colectivo de voluntarios de Protección Civil de Galicia dos coñecementos necesarios no tema de primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan equipos de excarceración.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para este curso será de 27.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 2 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas e será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito comportará á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso terá unha duración de 40 horas lectivas e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos cranioencefálicos e da columna. c) Traumatismos toracoabdominais. d) Fracturas, escorda

duras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.

Datas.

O curso realizarase en datas do 22 ó 26 de novembro.

O horario será de 9.30 ás 14 horas e de 16 ás 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Na sede da Academia Galega Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de setembro de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade