Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 29 de setembro de 1999 Páx. 11.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 1999 pola que se convocan cursos en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente.

Dentro do programa de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, os cursos que figuran no anexo, que deberán desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitude.

As solicitudes de admisión para os cursos, segundo o modelo que figura ó final desta convocatoria, dirixiranse ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Tamén se poderá enviar por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As soliticudes do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, cubriranse segundo o modelo que figura como anexo II desta convocatoria.

As peticións dos membros das xuntas rectoras constituídas, serán cubertas de acordo co modelo establecido como anexo III da convocatoria.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

Terceira.-Prazas.

O número de prazas por cada curso será de 64, das que un 25% estará reservada a funcionarios da Xunta de Galicia.

Cuarta.-Selección.

En canto á selección do persoal solicitante da Xunta de Galicia, daránselles prioridade ás peticións daqueles funcionarios e persoal contratado que, nas súas tarefas habituais, acrediten unha relación máis estreita cos temas ou materias que se impartirán nestes cursos. En calquera caso, respectaranse as normas selectivas sinaladas con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública, do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Para a selección dos alumnos pertencentes ás xuntas rectoras dos montes veciñais en man común, terase en conta que sexan membros de xuntas rectoras constituídas. No caso de que as solicitudes superen as 50 prazas previstas en cada curso, para os membros das xuntas rectoras, aplicaranse os seguintes criterios de selección:

1. Limitaranse as solicitudes a dúas persoas por comunidade de montes veciñais en man común.

2. Darase preferencia ós presidentes e secretarios.

3. Seguirase a orde da data de presentación das solicitudes.

Quinta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nestes cursos. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada do 15% das horas lectivas programadas, imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, que supere o 15% das horas lectivas programadas, imposibilitará igualmente a expedición do diploma, e dará lugar á baixa do curso con perda de tódolos dereitos.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Cursos: formación de xuntas rectoras dos montes veciñais en man común.

1. Obxectivos:

Debido á moita responsabilidade que asumen as xuntas rectoras como órganos de goberno, xestión e representación das comunidades, a Consellería de Medio Ambiente, considera de importancia funda

mental, a celebración destes cursos para auxilialas e apoialas tanto en aspectos de funcionamento interno, como de asesoramento legal ou técnico contribuíndo a consolidalas e facelas máis operativas.

2. Destinatarios:

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e membros das xuntas rectoras de montes en man común constituídas.

3. Desenvolvemento:

3.1. Número de edicións: 16.

3.2. Duración de cada curso: 12 horas.

3.3. Lugares e datas:

-Carballo (do 25 de outubro ó 28 de outubro de 1999).-Boiro (do 26 de outubro ó 29 de outubro de 1999).-Muros (do 2 de novembro ó 5 de novembro de 1999).-Mondoñedo (do 3 de novembro ó 8 de novembro).-Lugo (do 4 de novembro ó 9 de novembro de 1999).-Monforte de Lemos (do 8 de novembro ó 11 de novembro de 1999).-Vilalba (do 8 de novembro ó 11 de novembro de 1999).-Allariz (do 9 de novembro ó 12 de novembro de 1999).-A Pobra de Trives (do 10 de novembro ó 15 de novembro de 1999).

-O Carballiño (do 11 de novembro ó 16 de novembro de 1999).-Verín (do 15 de novembro ó 18 de novembro de 1999).-Cerdedo (do 15 de novembro ó 18 de novembro de 1999).-Ponteareas (do 16 de novembro ó 19 de novembro de 1999).-Tui (do 17 de novembro ó 22 de novembro de 1999).-Vilagarcía de Arousa (do 18 de novembro ó 23 de novembro de 1999).-Pontevedra (do 22 de novembro ó 25 de novembro de 1999).

A data de comenzo e lugar de realización notificaráselle persoalmente ós seleccionados.

3.4. Horario: das 16.30 ás 20 horas.

4. Contido:

Cada un dos cursos estructúrase en catro módulos distribuídos da seguinte forma:

-Módulo I: os montes veciñais en man común e a súa normativa.

-Módulo II: organización, administración e funcionamento.

-Módulo III: a xestión dos recursos.

-Módulo IV: réxime fiscal dos montes veciñais.

-Coloquio.