Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 21 de setembro de 1999 Páx. 11.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Productos Congelados, S.A. (Procsa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Productos Congelados, S.A. (Procsa), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 7-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de agosto de 1999.

Luis Boullosa Nores

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Productos

Congelados, S.A.

I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará soamente a empresa Productos Congelados, S.A., con centro de traballo en Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito persoal e territorial.

Por ser de empresa, afectará a todo o seu cadro de persoal, e igualmente quedará sometido a este convenio todo o persoal que entre a prestar servicios na empresa no sucesivo.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999 e deberá ser publicado no BOP, unha vez homologado polas autoridades laborais.

Artigo 4º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, e prorrogarase tacitamente por períodos anuais e, de non denunciarse con tres meses de antelación con respecto á data do seu remate, os salarios sufrirán un incremento polo menos igual ó IPC do ano 2000.

Artigo 5º.-Compensación ou absorción.

As melloras económicas obtidas no presente convenio non poderán ser absorbidas nin compensadas por ningún tipo de melloras legais ou regulamentarias anteriores.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Queda fixada a duración máxima da xornada ordinaria de traballo en corenta horas semanais, cun horario continuado de oito horas en cada quenda e cun período de descanso de quince minutos. Deste descanso desfrutará tamén a quenda de limpeza nocturna.

Artigo 7º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará dun período anual de vacacións de trinta días naturais, dos cales se desfrutarán vintedous días no mes de agosto, tres días en Semana Santa e os cinco días restantes negociados entre a empresa e o comité para fixa-lo seu desfrute. Aquel persoal que non desfrute das vacacións regulamentarias causase baixa temporal por enfermidade, terá dereito unha vez que remate a súa situación de IT, a recupera-los días de vacacións, na data que determine a empresa.

Artigo 8º.-Licencias.

O capítulo de licencias retribuídas queda da seguinte maneira:

-Por matrimonio desfrutaranse 18 días naturais.

-De catro días naturais naqueles casos de enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos, pais políticos, irmáns e avós, sempre e cando sexa necesario o internamento en clínica para intervención cirúrxica. No caso de que o feito supoña desprazarse fóra da provincia, será dun día máis. No caso de que a enfermidade non precise internamento, serán dous días naturais, os mesmos que se precisase internamento, pero sen intervención cirúrxica.

-De catro días naturais en caso de falecemento do cónxuxe, pais, fillos, pais políticos, irmáns e avós. Naqueles casos nos que o cuarto día de acontecido o óbito coincida en festivo, este prazo ampliarase un día máis. Tamén se incluirán os irmáns políticos.

-No caso de falecemento doutros familiares, como tíos, primos, etc. ou outros familiares directos que convivisen co traballador, concederase un día de licenica. Se non convivisen, o permiso será de tres horas o día do enterro.

-No caso de falecemento dalgún compañeiro, concederanse dúas horas a dous traballadores que correspondan á súa mesma quenda, para asistir ó enterro. Se o sepelio se produce fóra do concello de Vigo, o tempo que se concede é de tres horas.

-Polo concepto de matrimonio dos fillos ou irmáns dos traballadores, concederase unha licencia dun día, sempre e cando coincida o dito acto en día laborable.

Lactación:

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de interrupción da súa xornada de traballo, que poderán optativamente dividir en dúas fraccións. Pola súa vontade, poderán

substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora durante nove meses, ou tamén reducila durante unha hora por un período de 4 œ meses.

II. Condicións económicas.

Artigo 9º.-Salarios.

Os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa e terán a súa aplicación desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Para o ano 2000 o incremento será do IPC do ano 1999, incrementado cun 0,50% máis sobre tódolos conceptos económicos.

Artigo 10º.-Complemento de transporte.

Durante a vixencia do presente convenio, o complemento de transporte queda fixado en 12.520 pesetas mensuais ou 626 pesetas por día traballado, e a súa liquidación será mensual.

Este complemento será aboado soamente nos meses efectivamente traballados, e non se devengará en situacións de baixa por enfermidade ou accidente, maternidade, etc., nin nos períodos de vacacións, por se-lo seu concepto de carácter extrasalarial e, polo tanto, non se terá en conta para as cotizacións á Seguridade Social, segundo o previsto no artigo 75 da Lei xeral da Seguridade Social.

Artigo 11º.-Complemento de asistencia.

Durante o presente convenio, o complemento de asistencia establécese cunha contía de 4.080 pesetas mensuais ou 204 pesetas por día real traballado, e a súa liquidación será mensual.

Artigo 12º.-Premio de puntualidade e permanencia no posto de traballo.

A gratificación mensual por este concepto será de 3.000 pesetas para tódolos traballadores que no transcurso do mes reúnan as seguintes condicións:

a) Que non cheguen ningún día tarde.

b) Que non abandonen o seu posto de traballo con ningún tipo de permiso.

c) Que non falten ó traballo por enfermidade ou calquera outra causa.

d) En caso de que algún traballador, durante a súa xornada, sufrise un accidente de traballo e causase baixa laboral, non perderá este premio.

e) Os membros do comité de empresa, para o exercicio propio das súas funcións, disporán dun crédito mensual de vinte horas e, se non exceden deste tempo, non perderán este premio. Non obstante, os compoñentes do citado comité comprométense a non saír máis dun membro por quenda de traballo.

f) No caso de falecemento ou internamento en clínica dalgún familiar directo (cónxuxe, fillos, pais ou irmáns), non se perderá este premio.

Quedan excluídos deste premio o persoal administrativo, así como todo o persoal encadrado nos grupos de cotización do 1 ó 3.

É obrigatorio para todo o persoal que fixe nos seus cartóns do reloxo-fichador as súas horas de entrada e saída.

A súa liquidación efectuarase a mes vencido.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Os complementos persoais de antigüidade serán dun 6% sobre o salario do convenio por cada trienio, con carácter acumulativo e sobre os salarios correspondentes a cada momento. O tope máximo de trienios será de cinco.

Non obstante, a todo o persoal con antigüidade anterior ó 1-1-1995 aplicaráselle un 6% os dous primeiros trienios e un 8% a partir do terceiro trienio, ata un máximo de seis.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse as imprescindibles para atender necesidades urxentes e inaprazables, e sempre se as necesidades da empresa o requiren, para compensa-las horas perdidas por baixas de enfermidade, accidentes, permisos, licencias, vacacións, etc.

Na carga e descarga de camións de calquera natureza.

O importe das horas extraordinarias será de 975 pesetas para tódalas categorías e, se se efectúan en sábado, o seu importe será de 1.425 pesetas, e as dos domingos, 1.710 pesetas.

Artigo 15º.-Prima de frío.

Esta prima queda fixada en 7.715 pesetas.

En todo caso, este complemento de posto de traballo está destinado a aquel persoal que efectúe traballos de forma habitual relacionados coas cámaras frigoríficas, entendéndose como tales o almacenamento, estiba e desestiba dos productos conxelados que nelas se almacenan.

No caso de que algunha das persoas adscritas a estas seccións faltase ó seu posto de traballo e fose substituída por outra persoa a xornada completa, o substituto cobrará a parte proporcional dos días traballados, e descontaráselle-lo importe ó substituído.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias.

Serán as establecidas na vixente ordenanza laboral para as industrias de alimentación, na contía dos salarios especificados no presente convenio.

Artigo 17º.-Paga de beneficios.

Esta paga, de igual contía cás extraordinarias, será aboada no transcurso do mes de marzo do seguinte ano.

III. Condicións asistenciais.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará a todo o persoal de dúas pezas de roupa de traballo ó ano, que se poderán ampliar a outra peza máis no caso extremo de deterioración, logo de xustificación do seu estado de conservación, e todo o persoal estará obrigado a procura-lo maior coidado na conservación da roupa que se lle entrega.

Artigo 19º.-Xornada de verán: persoal oficina administrativa.

Todo o persoal afecto a este departamento realizará desde o día 15 de xuño ata o 15 de setembro, ámbalas datas inclusive, unha xornada extraordinaria de traballo con horarios de 8 a 14.30 horas, agás os sábados, nos que a xornada será de 9 a 13 horas.

Artigo 20º.-Admisión novo persoal.

Para a admisión de novo persoal teranse en consideración os fillos e familiares dos traballadores da empresa, sempre e cando reúnan as características do posto de traballo que se vaia cubrir e se adapten á política salarial vixente en cada momento na empresa.

Artigo 21º.-Accidentes de traballo.

No caso de que algún traballador sufra un accidente no seu posto de traballo, a empresa aboaralle-lo complemento necesario para que, sumado á prestacion da mutua correspondente, se alcance o 100% do salario do convenio.

Inclúese neste apartado que o accidente aconteza unha hora antes ou despois da xornada habitual de traballo.

Artigo 22º.-Baixa por enfermidade.

A empresa aboará o complemento necesario para que todo o persoal que cause baixa laboral por enfermidade, por primeira vez no ano, perciba o 100% do salario do convenio.

Igualmente o percibirán os traballadores que durante a súa baixa por enfermidade precisasen internamento hospitalario e polo tempo que estean efectivamente internados, e para iso será preciso que o xustifiquen adecuadamente.

Para evitar posibles situacións inconvenientes, procédese a crear unha comisión de seguimento do absentismo de todo o persoal, que estará formada por dous compoñentes do comité e dous representantes que designará a empresa, que se encargarán de estudiar mensualmente o absentismo que se produza nestes períodos.

Artigo 23º.-Premio xubilación.

Todo aquel persoal que se xubile voluntariamente de maneira anticipada percibirá un premio de acordo coa seguinte escala:

-Ós 60 anos: 9 mensualidades de salario de convenio.

-Ós 61 anos: 7 mensualidades de salario de convenio.

-Ós 62 anos: 4 mensualidades de salario de convenio.

-Ós 63 anos: 2 mensualidades de salario de convenio.

-Ós 64 anos: 1,5 mensualidades de salario de convenio.

O persoal, na súa xubilación regulamentaria ós 65 anos, percibirá ademais da súa liquidación correspondente, œ mensualidade do seu salario de convenio, en concepto de gratificación.

IV. Disposicións varias.

Artigo 24º.-Faltas e sancións.

Para xeral coñecemento de todo o persoal, detállanse en relación á parte as causas que poden constituír infracción laboral.

Artigo 25º.-Código de normas hixiénico-sanitarias.

Serán de aplicación as normas que se especifican en detalle á parte.

Artigo 26º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Para mellora-las condicións de traballo, para evitar enfermidades ou accidentes evitables, para aumenta-la eficiencia productiva e reduci-lo absentismo laboral, acórdase:

a) Aplica-la Lei de prevención de riscos laborais e, en particular, a elaboración dun mapa de riscos laborais na empresa.

b) Fomenta-la información neste campo para que as actitudes de risco se reduzan ó máximo.

c) Realiza-los cambios precisos nas instalacións, etc., que se constaten como elementos de risco.

Artigo 27º.-Seguro convenio colectivo-seguro de vida.

A empresa concertará un seguro colectivo de vida, mediante a subscrición da correspondente póliza que cubrirá:

-Falecemento dos asegurados, por causas naturais ou accidente.

-Invalidez absoluta e permanente, claquera que sexa a causa.

-A todo o persoal se lle entregará un certificado individual do seguro.

Artigo 28º.-Fondo social.

A empresa concederá un fondo social de 250.000 pesetas. O comité de empresa procederá ó seu reparto, co visto e prace da dirección.

Este fondo social estará destinado a traballadores e fillos de traballadores e destinarase preferentemente a necesidades urxentes e graves de enfermidade, vivenda, etc., ou a calquera outro fin social.

Artigo 29º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio enténdense sempre co carácter de mínimas, e deberán ser respectadas as condicións laborais de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores en canto son máis beneficiosas cás aquí establecidas.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Para a vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes neste convenio, crearase a comisión paritaria, que estará composta polo director-xerente da empresa e a presidenta do comité de empresa. Esta comisión actuará no ámbito da súa competencia sen invadi-las esferas daqueles organismos que teñan unha determinada e concreta competencia recoñecida na normativa de convenios colectivos sindicais.

Artigo 31º.-Cáusula derradeira.

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o disposto na vixente Lei do Estatuto dos traballadores, ordenanza laboral e outras disposicións de carácter xeral.

A comisión negociadora do presente convenio estivo composta, na parte económica, pola dirección da empresa, e na parte social, polo comité de empresa.

Lido o texto do presente convenio, as partes deliberantes económica e social acordan a súa aprobación e asínano en proba de conformidade o 7 de xullo de 1999.

Pola parte económica:Pola parte social:

Director-xerente

Táboa salarial 1999

Categoría profesionalGrupo tarifaPesetas

1. Técnicos titulados
De grao superior1122.945
De grao medio2111.055

2. Técnicos non titulados
Encargado xeral398.925
Mestre de fabricación495.105
Xefe de taller495.105
Encargado de sección492.935
Auxiliar de laboratorio785.155

3. Oficina técnica

de organización

Xefes de primeira398.925
Xefes de segunda397.140
Técnico de organización de primeira595.105
Técnico de organización de segunda592.935
Auxiliar de organización785.155

4. Técnicos de procesos de datos
Xefe de proceso de datos298.925
Analista397.140
Xefe de explotación397.140
Programador de ordenador395.105
Programador de máquinas auxiliares395.105
Operador de ordenador590.085

5. Administrativos
Xefe de administración de primeira3115.050
Xefe de administración de segunda3111.055
Oficial de primeira595.105
Oficial de segunda590.085
Auxiliar785.155
Aspirante871.000
Telefonista781.180

6. Mercantís
Xefe de vendas3111.055
Inspector de vendas4104.090
Promotor-viaxante490.085
Vendedor de autovenda599.555
Corredor de praza599.555

7. Obreiros
Oficial de primeira890.085
Oficial de segunda885.155
Axudante981.180

8. Persoal de acabado, envasado e empaquetado
Oficial de primeira883.225

Categoría profesionalGrupo tarifaPesetas

Oficial de segunda882.145
Axudante981.180
Aprendiz1171.000

9. Persoal de oficios auxiliares
Oficial de primeira890.085
Oficial de segunda885.155

10. Peonaxe
Peón1081.180
Persoal de limpeza1079.170

11. Subalternos
Almaceneiro685.155
Conserxe683.225
Cobrador683.225
Basculeiro-pesador683.225
Garda-xurado683.225
Garda-vixilante683.225
Ordenanza683.225
Porteiro683.225
Mozo de almacén683.225

Faltas e sancións.

Faltas leves:

1. Entrar con atraso ó traballo, máis de cinco veces durante o mes, ou se o total dos atrasos totalizan máis de 30 minutos ó mes.

2. Manter discusións cos compañeiros de traballo, ou falar en ton airado sobre asuntos estraños ó traballo.

3. As faltas de aseo ou de limpeza.

4. Non comunicar con antelación, podendo facelo, a falta de asistencia ó traballo. En todo caso, as faltas ó traballo deberán ser debidamente xustificadas, xa que en caso contrario se considerará como ausencia do traballo sen licencia e terá carácter de falta grave.

5. Non acudir ó posto de traballo antes ou despois de asistir á consulta médica da Seguridade Social.

6. Neglixencia na conservación material de traballo (utensilios, ferramentas, uniformes, etc.).

7. Non atende-lo público coa dilixencia e corrección debidas.

8. A utilización para usos particulares dos uniformes que se entregan como roupa de traballo, ou saír do recinto da fábrica vestido co uniforme.

9. Non rexistrar na tarxeta ou cartón o control de entrada e saída (picar).

10. Non comunica-los cambios da situación familiar dentro dos cinco días seguintes ó feito que os produciu. Se esta falta é maliciosa, considerarase como grave ou moi grave, segundo as circunstancias.

11. Non observa-las normas hixiénico-sanitarias que se detallan especificamente no código hixiénico-sanitario actualmente en vigor da empresa.

12. As que, pola súa entidade e carencia de efectos duradeiros ou de transparencia ó réxime de traballo

ou seguridade deste, sexan asimiladas ás xa especificadas.

Faltas graves:

1. As cometidas contra a disciplina de traballo ou contra o respecto debido a superiores, compañeiros ou subordinados.

2. Simula-la presencia doutro traballador picando por el.

3. Ausentarse do traballo sen permiso, dentro da xornada.

4. Finxir enfermidade ou pedir permiso alegando causas non existentes.

5. A neglixencia ou desidia no traballo.

6. A imprudencia no acto de servicio. Se implicase risco de accidente para el ou os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, será considerada como falta moi grave.

7. Diminución voluntaria no rendemento normal do traballo.

8. Non acata-las instruccións da empresa para o desempeño do seu labor ou resistirse de calquera forma a cumprila.

9. Atoparse durante as horas de traballo sen vesti-la roupa do uniforme regulamentario ou usar de forma incompleta a que o fose, tanto nas instalacións da empresa como cando están realizando traballos para esta fóra dela.

10. Fumar durante a xornada de traballo naqueles lugares nos que a empresa o teña prohibido.

11. Introducir no centro de traballo persoal alleo á empresa, sen autorización da dirección.

12. A reincidencia en faltas leves dentro do termo de 3 meses.

13. Cantas outras se produzan, de características análogas e as enumeradas.

Faltas moi graves:

1. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas pola empresa, o furto ou roubo, tanto ós compañeiros de traballo como á empresa ou a terceiros estraños, dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio en calquera que sexa o lugar.

2. Facer desaparecer, inutilizar ou causar calquera clase de danos nas primeiras materias, productos elaborados, utensilios, ferramentas, máquinas, instalacións, edificios, enxoval ou documentos da empresa, etc.

3. Os malos tratos de palabra e obra ou a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares e ós compañeiros ou subordinados.

4. O quebrantamento ou violación de segredos ou de calquera materia de reserva obrigada da empresa.

5. Revelar a elementos estraños á empresa, datos, peculiaridades ou incidencias no proceso de elaboración de productos ou manipulación de materias primas.

6. Dedicarse a actividades que impliquen competencia á empresa.

7. A embriaguez ou toxicomanía habitual, se repercute no traballo que se desenvolva.

8. A reincidencia en faltas graves dentro do termo dun ano.

9. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

10. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

11. Os actos de sabotaxe, a incitación a estes e os de coacción ós compañeiros.

12. O falseamento da información que estea obrigado a facilitarlle á empresa.

13. A negativa a se someter ós recoñecementos médicos, vacinacións ou análises que puidese acorda-la empresa, para o perfecto estado sanitario do persoal, debido ás características desta.

14. A ineptitude do traballador respecto á ocupación ou traballo para o que foi contratado.

15. Calquera outra de características similares ás enumeradas.

Sancións.

Faltas leves:

-Amoestación verbal ou escrita.

-Suspensión de emprego e soldo durante un día.

Faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 2 a 5 días.

-Recarga ata o dobre dos anos por aumentos por anos de servicio (antigüidade).

-Inhabilitación por prazo inferior a 4 anos para pasar a superior categoría.

Faltas moi graves:

-Perda temporal ou definitiva da categoría.

-Suspensión e emprego e soldo de 15 a 60 días.

-Despedimento.

Circular nº 1.

Código de normas hixiénico-sanitarias e recomendacións para o persoal.

1. A primeira operación que se debe efectuar en canto se chega á fábrica é o cambio de roupa de rúa e calzado polo uniforme de traballo adecuado e sempre limpo, que se cambiará diariamente se fose preciso, e mesmo durante a xornada de traballo, sempre que se realicen operacións diferentes que así o requiran.

2. Unha vez efectuado o cambio de roupa e calzado, acondicionada nos seus correspondentes gardarroupas e gardazapatos a da rúa, é obrigatorio o lavado de mans e antebrazos con abundante auga quente e xabrón antiséptico. Unha ducha previa ó vestido do uniforme de traballo sería a mellor medida hixiénica.

3. A entrada na nave de fabricación farase sempre, polo tanto, con uniforme adecuado e mans limpas.

4. Os vestidos de traballo e as puchas e cofias e redes deben estar perfectamente adaptados durante as horas de traballo, para evitar que sexan lixados polas mans ou calquera outro contacto, e evitar así posibles focos de infección.

5. O contacto das mans cos alimentos é sempre perigoso, moi perigoso pero, non obstante, non pode ser sempre prohibido, e daquela, farase uso das luvas de goma. Pero por iso é necesario ese lavado a fondo de mans e antebrazos con auga quente e xabrón antiséptico antes de comeza-lo traballo, durante este e sempre que se tivese necesidade de efectua-las propias e naturais evacuacións, así como cando se efectúa un cambio de traballo; o secado farase con toallas dun só uso ou sistema similar.

6. As unllas estarán sempre limpas e ben coidadas, recortadas nos homes e sen esmalte nas mulleres. Os cepillos de unllas deben ser de plástico con serdas de nailon, e desinfectaranse diariamente cunha solución de hipoclorito. Os reloxos, aneis, etc..., non se usarán durante a xornada de traballo.

7. Os cabelos, que son receptáculos e distribuidores de microorganismos, deben estar coidados e inmobilizados adecuadamente. O persoal masculino coidará ó máximo o aseo de barba e cabelo. Cada vez que se tuse, espirra ou fala, lánzanse ó ambiente nubes de microorganismos; por iso, é aconsellable non falar durante as horas de traballo e usar máscara para a boca. Fedellar ou rascar no nariz supón levar xermes nos dedos, polo que se suprimirá este hábito.

8. En todo momento se evitará que os alimentos se contaminen con transpiración, pelos, cosméticos, medicamentos, etc. Non se aproveitarán os alimentos que caian no chan.

9. Está terminantemente prohibido cuspir no chan e utiliza-los utensilios, envases ou elementos empregados na elaboración de productos, culleres por exemplo, para tomar bebidas. Tamén se prohibe fumar, comer, mascar chicle.

10. Non se poderán deixar ou depositar roupas, zapatos, botas, mandís, panos de limpeza, etc., nos locais de fabricación; deixaranse nos lugares previstos para tal fin. Ningunha dependencia da fábrica poderá empregarse para fins distintos dos especificamente determinados; por exemplo, os servicios de váter son para ese exclusivo uso e non para tomar un bocadillo e fumar un cigarro, por exemplo.

11. O persoal debe estar exento de enfermidades infecciosas agudas ou crónicas e de certas outras como eccemas, unlleiros, feridas infectadas, etc., no momento da súa contratación. Os cortes, queimaduras e outras superficies erosionadas poden albergar xermes, polo que é obrigatorio cubri-las ditas lesións con apósitos impermeables. Cando unha lesión se atope claramente infectada, como demostra a inflamación e a formación de pus, tanto se atope nas mans coma en calquera outra parte do corpo, as persoas afectadas absteranse de manexar alimentos.

12. Realizaranse exames médicos do persoal e o control de portadores, e deberá incluír antíxeno VI en soro sanguíneo, bacteriolóxico de gorxa e nariz para estafilococos, coagulasa + e das feces e ouriños.

13. Manterase dunha maneira permanente a vixilancia e control de tódalas medidas hixiénicas.

14. Daranse charlas e conferencias para explica-las medidas hixiénicas adoptadas e facilitar así a súa aplicación.