Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 16 de setembro de 1999 Páx. 11.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 249/1999, do 3 de setembro, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2000 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito nacional, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

O calendario laboral para o ano 2000 presenta unha situación excepcional que ata agora non se producira, xa que ningunha das festas fixas estatais ou galegas coincide con domingo. Facendo uso das facultades atribuídas polo Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na nosa Comunidade Autónoma e

para o ano 2000 óptase pola festa de Santiago Apóstolo, Día Nacional de Galicia.

Seguíndose o criterio de manter unha certa continuidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo aquilo que forma parte da nosa tradición, historia e cultura, aproveitando as posibilidades que permite o artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, determínase como día festivo, con carácter recuperable o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, que pola súa significación foi xa implantada como festa laboral noutras ocasións.

En virtude do establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, oído ó Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do tres de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o establecido no artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non producirse modificación no calendario laboral de carácter nacional, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 serán as seguintes:

1 de xaneiro: Aninovo.

6 de xaneiro: Epifanía do Señor.

20 de abril: Xoves Santo.

21 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

17 de maio: Día das Letras Galegas.

25 de xullo: Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia.

15 de agosto: Asunción da Virxe.

12 de outubro: Festa Nacional de España.

1 de novembro: Tódolos Santos.

6 de decembro: Día da Constitución Española.

8 de decembro: Inmaculada Concepción.

25 de decembro: Natividade do Señor.

As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable, a excepción do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que terá carácter recuperable.

Artigo 2º

Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do pleno dos respectivos concellos, e serán publicadas nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día un de xaneiro do ano dous mil.

Santiago de Compostela, tres de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais