Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 13 de setembro de 1999 Páx. 11.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 6 de setembro de 1999 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 1998 pola que se aproba o plan de explotación xeral marisqueira para o ano 1999.

Os problemas xurdidos ó coincidiren varias confrarías nun mesmo ámbito territorial motivou que algunhas zonas aparecesen como vedadas no plan de explotación xeral marisqueira, coa finalidade de que a explotación dos recursos se realizase da forma máis ordenada posible.

O desenvolvemento da campaña fixo que, con independencia das solucións que acheguen as comisións de arbitraxe creadas para o efecto, se chegase a distintos acordos de explotación entre as confrarías.

É necesario a modificación do plan de explotación xeral para 1999 en varios dos seus artigos para que a explotación dos recursos se realice da forma máis eficaz, e atendendo ás necesidades dos colectivos que tradicionalmente dependen deste recurso.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo artigo 3º, aprobándose o plan presentado pola confraría de pescadores de Corcubión para a explotación de coquina (Donax trunculus) nas praias de Estorde e O Sardiñeiro.

Zona de extracción: praias de Estorde e O Sardiñeiro.

Días máximos de extracción: 20.

Puntos de control: praia de Estorde e peirao de Corcubión.

Punto de venda: porto de Corcubión.

Épocas probables de extracción: setembro.

Artigo 2º

Modifica-lo artigo 5º que queda redactado como segue:

-Confraría de Camelle.

Zona de traballo: amplíase de Punta do Boi a Punta Pedrosa.

-Confraría de Camariñas.

Zona de traballo: amplíase de Punta do Boi a Punta Pedrosa.

Artigo 3º

Modifícase o artigo 8º no apartado referido á confraría de Fisterra, declarándose a suspensión como zona vedada de Estorde e O Sardiñeiro, que poderán traballar segundo o plan aprobado e por debaixo da liña intermareal. No plan aprobado para Corcubión tamén se suspende a veda nas zonas de Estorde e O Sardiñeiro, polo que poderán traballar segundo o plan aprobado no intermareal.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura