Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 07 de setembro de 1999 Páx. 11.010

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Galicia Textil, S.A., no concello de Neda (A Coruña) e se aproba o seu proxecto de execución.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Galicia Textil, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. do Xubia 1, 15570 Xubia-Neda (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 13 de novembro de 1997, esta dirección xeral resolveu incluí-la planta de coxeración de 1.008 kW eléctricos a gas natural, no concello de Neda, no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables.

Segundo.-Con data do 10 de xullo e 15 de xuño de 1998, a empresa Galicia Textil, S.A. solicita a autorización administrativa da citada planta de coxeración e a aprobación do seu proxecto de execución, coas características básicas seguintes:

-Un motor alternativo de catro tempos, de 20 cilindros en V e 1.034 kW de potencia de freo, alimentado con gas natural.

-Un xerador síncrono trifásico de 1.245 kVA de potencia aparente e tensión de xeración 380 V.

-Un centro de transformación de 1.600 kVA e relación de transformación 380/15.000 V.

-Un centro de tranformación de 160 kVA e relación de transformación 380/15.000 V.

-Instalacións de alimentación de combustible, baixa tensión, regulación, mando, control e interconexión.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 12 de agosto de 1998 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 10 de setembro e no BOP da Coruña do 2 de outubro, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Galicia Textil, S.A., que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Neda, na provincia da Coruña.

Aproba-lo proxecto de execución da citada planta de coxeración.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria