Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 01 de setembro de 1999 Páx. 10.819

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 1999 pola que se anuncia convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes no Consello de Contas de Galicia.

De acordo co artigo 3 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 27.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 8 da mesma lei, e logo dos acordos da Comisión de Goberno do Consello de Contas de Galicia adoptados en sesións do 13 e 27 de xullo deste ano,

RESOLVO:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I desta resolución.

Segundo.-Poderán concorrer a ela os funcionarios/as que reúnan as condicións que para os postos de traballo se sinalan no anexo I desta resolución.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no rexistro xeral do Consello de Contas de Galicia (rúa Ramón Piñeiro, nº 29, Santiago de Compostela), directamente, ou polos xeitos previstos no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán xuntarlle á súa petición un currículum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Quinto.-No caso de resultar seleccionado/a para ocupa-los postos de traballo relacionados no anexo I desta resolución un/ha funcionario/a con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento no que presta servicios, considerándose neste sentido de non emitirse no prazo de 15 días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez tramitado, se é o caso, o seu traslado a este Consello de Contas, procederase á súa toma de posesión no posto para o que foi seleccionado/a.

Sexto.-Esta convocatoria será resolta pola Comisión de Goberno do Consello de Contas de Galicia.

Sétimo.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, podéndose declarar desertos os postos de traballo, de considerarse oportuno.

Oitavo.-O prazo de toma de posesión será de tres días se o destino anterior está en Santiago de Compostela, e dun mes se está en localidade distinta ou comporta o reingreso ó servicio activo.

Noveno.-Contra esta resolución cabe interpor recurso administrativo de alzada ante o Pleno do Consello de Contas de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 1999.

Carlos Otero Díaz

Conselleiro maior

ANEXO I

Nº vacantes: 1.

Localidade: Santiago de Compostela.

Institución: Consello de Contas.

Posto de traballo: técnico de auditoría.

Grupo: B.

Nivel C. destino: 25.

Específico (en miles): 1.648.

Requisitos: titulado medio. Pertencer ó corpo de xestión C.A. galega, Estado, CC.AA., OO.AA., CC.LL., S.S.

Méritos preferentes: contabilidade e auditoría de contas.

Nº vacantes: 1.

Localidade: Santiago de Compostela.

Institución: Consello de Contas.

Posto de traballo: axudante auditoría.

Grupo: C.

Nivel C. destino: 22.

Específico (en miles): 1.057.

Requisitos: pertencer a corpos de Admtvo. da Admón. do Estado, CC.AA., OO.AA. ou CC.LL.

Méritos preferentes: coñecemento de contabilidade, auditoría e informática.