Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 18 de agosto de 1999 Páx. 10.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 241/1999, do 29 de xullo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 16.000 m, sito na parroquia de Valadares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), con destino á construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Vigo, reunido en sesión que tivo lugar o día 21 de setembro de 1998, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia un terreo de 16.000 m chamado Sobreira, na parroquia de Valadares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), con destino á construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleiro de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Vigo acordou a cesión logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo chamado Sobreira, sito na parroquia de Valadares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), que a seguir se describe:

1. Terreo cunha superficie de 16.000 m, que linda: norte, comunidade de montes veciñais en man común de Valadares e propiedades privadas; sur, vía de acceso á universidade; leste e oeste, da comunidade de montes e man común de Valadares.

Aparece inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Vigo, a favor do Concello de Vigo, no tomo 1.952, libro 959, folio 75, predio 60.387-1.

Artigo 2º

O terreo cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda