Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 13 de agosto de 1999 Páx. 10.265

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ACORDO do 27 de xullo de 1999 polo que se convocan probas selectivas para a contratación dun técnico en asuntos comunitarios pola Fundación Galicia-Europa.

A Fundación Galicia-Europa precisa contratar por tempo indefinido un técnico en asuntos comunitarios para presta-los seus servicios preferentemente na súa oficina de Bruxelas. Por ese motivo procede efectua-la pertinente convocatoria pública de probas selectivas, que se acomodarán ós seguintes criterios:

1. Requisitos xerais para participar nas probas selectivas:

a) Ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ser licenciado universitario ou posuír título universitario superior equivalente homologado por algún Estado membro da Unión Europea.

2. Procedemento selectivo:

O procedemento selectivo constará de tres probas eliminatorias e a ulterior avaliación de méritos pro

fesionais, podendo resultar deserto se non fosen superadas todas elas por algún dos participantes. Nese caso a Fundación Galicia-Europa poderá realizar contratos temporais ata cubri-la praza ofertada de xeito indefinido en sucesivos procedementos selectivos. Para a contratación temporal seguirase a lista confeccionada con tódolos participantes neste procedemento, ordenada segundo a suma de puntos obtida nas probas que superasen. A lista renovarase logo de cada procedemento selectivo. No suposto de que varias persoas superasen tódalas probas, a lista ordenada dos participantes con nota que non obtivesen a praza ofertada servirá para a realización de contratos temporais para cubrir outras vacantes que se produzan. As referidas probas consistirán en:

1º Acreditación do coñecemento de idiomas:

Versará sobre a traducción dun texto oficial en galego para o inglés e para o francés, de entre tres propostos pola comisión seleccionadora, e doutro texto oficial comunitario en castelán para o inglés e para o francés, de entre tres propostos pola comisión seleccionadora. Para o desenvolvemento do exercicio disporase dun tempo máximo de dúas

sendo preciso obter un mínimo de 5 puntos en cada unha delas. A puntuación máxima será 10, obtida da media aritmética de ámbalas dúas traduccións. Para o seu desenvolvemento poderán utilizarse diccionarios. Os que superasen a traducción escrita serán convocados a unha proba oral de coñecemento dos idiomas inglés, francés, galego e castelán, consistente nunha entrevista coa comisión seleccionadora por espacio de media hora. A proba oral puntuarase sobre 10, sendo preciso obter como mínimo 5 puntos e unha boa disposición oral en cada idioma referido. Os participantes que desexen acreditar como mérito o coñecemento doutros idiomas oficiais das institucións comunitarias solicitarano ó inscribirse, realizando unha traducción do galego para o idioma interesado, que se puntuará sobre 10 para cada un dos idiomas, non sendo preciso superar unha nota mínima. Para todas estas tarefas a comisión seleccionadora poderá requiri-lo auxilio de cantos titulados e especialistas fose preciso.

2º Exercicio teórico sobre o temario que figura como anexo a esta convocatoria:

O exercicio consistirá no desenvolvemento por escrito en galego e/ou castelán dun tema elixido por sorteo, perante os participantes, de cada unha das tres partes nas que se divide o temario, para desenvolver na súa integridade en tres horas. Cada un dos tres temas puntuarase de 0 a 10 puntos e será preciso supera-los 5 puntos en todos eles. A puntuación máxima do exercicio será 10, obtida da media aritmética da puntuación dos tres temas desenvolvidos.

3º Desenvolvemento por escrito en galego e/ou castelán dun caso práctico relacionado co temario, extraído por sorteo perante os participantes de entre tres propostos pola comisión seleccionadora, durante un tempo máximo de dúas horas, puntuándose entre 0 e 10, e sendo necesario obter polo menos 5 puntos para supera-la proba. Para o seu desenvolvemento poderán utilizarse textos legais e publicacións oficiais que carezan de comentarios ou anotacións.

En calquera momento, e sempre que o número de participantes así o permita de acordo cos medios da fundación, poderase requiri-la realización das probas escritas por medio de ordenador utilizando o programa Microsoft Word 97. As probas realizaranse en Santiago de Compostela ou Bruxelas, comunicándolle-la comisión seleccionadora o enderezo do local, data e hora ós participantes no procedemento por vía telefónica, fax ou correo electrónico e mediante un anuncio nos taboleiros das oficinas de Santiago de Compostela e Bruxelas.

Para garanti-lo anonimato dos exercicios, a comisión seleccionadora adoptará as medidas que fosen precisas. Na acta de cada reunión cualificadora indicarase a puntuación outorgada por cada membro da comisión. No caso de que houbera unha diferencia de tres puntos ou máis respecto da media concedida pola comisión en cada proba, o membro da comisión que se apartase desa banda motivaraa para a súa incorporación á acta.

Os participantes que superasen os exercicios eliminatorios poderán alegar daquela os seus méritos para a súa avaliación pola comisión seleccionadora. Para estes efectos consideraranse os seguintes coa respectiva puntuación, que en ningún caso poderá excede-lo total de 25 puntos:

a) 5 puntos por ter desfrutado dunha bolsa concedida pola Fundación Galicia-Europa. Neste caso remitirase copia simple da notificación de concesión da bolsa ou indicarase o ano de desfrute.

b) 5 puntos por mes de traballo completo relacionado con asuntos comunitarios en Bruxelas, Estrasburgo ou Luxemburgo, cun máximo de 20 puntos. Estes méritos acreditaranse mediante certificación auténtica do responsable da entidade contratante na que prestara os seus servicios ou copias compulsadas por fedatario público das liquidacións de haberes.

A comisión resolverá as incidencias que se presenten inspirándose nas normas e instruccións xerais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que fose acorde coa natureza e marco xurídico da Fundación Galicia-Europa. Deste xeito, ó cabo do procedemento selectivo proporá á fundación a contratación do candidato coa puntuación máis alta, confeccionando igualmente a lista ordenada prelativamente pola puntuación obtida de tódolos participantes, que terá unha vixencia anual, prorrogable ata novo acordo da fundación.

3. Documentación:

As persoas interesadas en participar no procedemento selectivo presentarán ou remitirán por correo certificado con xustificante de recepción as súas solicitudes á oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas (Avenue Milcamps 105, 1030 Bruxelas) ou, se é o caso á súa oficina de Santiago de Compostela (Rúa dos Feáns 5-baixo, CP 15706), mediante o modelo que figura como anexo ou escrito dirixido, no prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, ó director da Fundación Galicia-Europa, no que conste:

-Nome e apelidos.

-Lugar e data de nacemento, así como nacionalidade que posúe.

-Enderezo de residencia legal e enderezo de contacto.

-Teléfono de contacto, fax ou correo electrónico, se os tivera.

-Titulación e centro da súa expedición.

-Idiomas oficiais das institucións comunitarias distintos do castelán, inglés e francés dos que, eventualmente, desexaría examinarse como mérito engadido no exercicio de acreditación de coñecemento de idiomas.

Cando remate o procedemento selectivo, a persoa proposta pola comisión seleccionadora presentará copia compulsada por fedatario público do documento de identificación persoal que amosase ó com

parecer nas probas e dos títulos universitarios aducidos na súa solicitude. Se a persoa proposta non acreditase axeitadamente estes extremos no prazo de cinco días naturais desde o seu requirimento, a fundación poderá segui-la orde de candidatos que tivesen superadas tódalas probas.

4. Comisión seleccionadora:

-Presidente: Jesús María Gamallo Aller, subdirector xeral de Acción Exterior da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

-Vocais:

José Manuel Sobrino Heredia, catedrático de Dereito Internacional Público e titular da cátedra Jean Monnet da Universidade da Coruña.

María Dolores Montero Villarino, pola entidade Caixavigo integrada no Padroado da Fundación Galicia-Europa.

Carlos Aymerich Cano, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña.

-Secretario, con voz e voto: Manuel José Morán García, subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

5. Reclamacións e incorporación:

Os partícipes no procedemento selectivo poderán presentar reclamacións contra calquera incidencia acaecida nel perante a dirección da fundación, no prazo de cinco días naturais desde o seguinte a aquel no que tivesen lugar os feitos. Para a resolución das reclamacións a dirección poderá solicitar cantos informes xurídicos ou técnicos fosen precisos, facendo públicas, nos taboleiros das oficinas da fundación en Santiago de Compostela e Bruxelas, a reclamación e a resposta para xeral coñecemento de tódolos partícipes. No caso de interposición de recursos xurisdiccionais a fundación cumprirá o que dispoñan as autoridades xudiciais.

A incorporación da persoa seleccionada efectuarase tan axiña como se formalicen os requisitos administrativos esixidos polas lexislacións belga e española para proceder ó rexistro do contrato e aseguramento social.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 1999.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa

ANEXO I

Temario das probas selectivas para a contratación

dun técnico en asuntos comunitarios

pola Fundación Galicia-Europa

I. Historia da construcción europea e sistema institucional da UE.

1. Os tratados orixinarios: evolución ata o Tratado de Amsterdam.

2. O ordenamento xurídico comunitario: características fundamentais.

3. O Parlamento Europeo: organización, funcionamento e atribucións.

4. O consello: organización, funcionamento e atribucións.

5. A comisión: organización, funcionamento e atribucións.

6. O Tribunal de Xustiza e de Primeira Instancia: organización, funcionamento e atribucións.

7. Outras institucións e organismos da UE: o Tribunal de Contas, o CES, o Comité das Rexións.

8. Os procesos de decisión na UE.

9. O financiamento da UE: o sistema de recursos propios.

10. Perspectivas da Unión Europea: a ampliación.

II. Políticas comúns de especial incidencia na sociedade civil.

1. Cohesión económica e social: os fondos estructurais e o Fondo de Cohesión.

2. Política social: o principio de igualdade de oportunidades.

3. Política de emprego: estratexia europea polo emprego.

4. A protección dos consumidores.

5. A acción comunitaria en materia de protección da saúde pública.

6. A política de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

7. A política de educación: o programa Sócrates.

8. Formación profesional: o programa Leonardo da Vinci.

9. Política de xuventude: «A Xuventude con Europa» e «Servicio de voluntariado».

10. A política cultural da Unión.

11. Acción comunitaria a prol do turismo.

12. A Europa dos cidadáns.

12. Asuntos de Xustiza e Interior.

III. Constitución, institucións e competencias autonómicas.

1. A Constitución española: estructura. Dereitos e liberdades. Poderes constituídos.

2. O Estado das autonomías: distribución competencial.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia: antecedentes históricos. Estructura. O Parlamento de Galicia.

4. A Xunta de Galicia: organización. Distribución funcional.

5. Marco xurídico das fundacións de interese galego.

6. A actuación das comunidades autónomas na defensa dos seus intereses perante da UE.

7. Acción exterior das comunidades autónomas: cooperación interrexional.