Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 13 de agosto de 1999 Páx. 10.252

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución da central hidroeléctrica de Cerves, no río Cerves, termos municipais de Melón e Ribadavia, provincia de Ourense. (Expediente IN408A 3802, A.T.-Modificado).

Visto o escrito presentado por Fernando Salorio Ozores, con domicilio para efectos de notificacións na Avda. de Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña, no que solicita autorización administrativa da central hidroeléctrica de Cerves, situada no río Cerves, concellos de Melón e Ribadavia, provincia de Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Confederación Hidrográfica del Norte outorga a favor de Unión Fenosa S.A. por Resolución do 8-10-1990 a concesión dun caudal de l.000 l/s que se deriva do río Cerves para producción eléctrica.

Segundo.-A Dirección Xeral de Industria concede autorización administrativa para as instalacións das instalacións electromecánicas da central de Cerves e aproba o proxecto de execución que recolle as ditas instalacións, mediante Resolución do 22-2-1994, que se publican no DOG do 18de maio e no BOP de Ourense do 26 de marzo. No expediente consta o recurso ordinario interposto polo Concello de Ribadavia contra esta resolución, a súa desestimación con data do 24-10-1994 así como a sentencia do 18-7-1997, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se desestima o recurso contencioso-administrativo que presentara o propio Concello de Ribadavia.

Terceiro.-O 5 de decembro de 1997 a Confederación Hidrográfica del Norte autoriza as obras e aproba o proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico do río Cerves.

Cuarto.-O 29 de xullo 1998 a Confederación Hidrográfica del Norte toma razón do arrendamento a favor da sociedade Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L., do aproveitamento concedido a Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. do río Cerves no termos municipais de Melón e Ribadavia na provincia de Ourense.

Quinto.-O 25 de setembro de 1998, Fernando Salorio Ozores, en nome e representación da sociedade Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. presentou solicitude de concesión para derivar 2.200 litros/s de auga do río Cerves, para utilizar na central hidroeléctrica de Cerves, con destino á producción de enerxía eléctrica, nos termos municipais de Melón e Ribadavia, provincia de Ourense, á que xunta a documentación esixida no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, polo que se establece o procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos cunha potencia nominal que non exceda de 5.000 kVA, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Sexto.-A solicitude de autorización administrativa da central someteuse a trámite de información pública, para os efectos previstos no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, seguindo o procedemento establecido no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, xa citado, mediante resolución conxunta da Confederación Hidrográfica del Norte e da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Ourense, que saíu publicada no BOP de Ourense do 2 de xaneiro de 1999. Durante esta fase, foron presentadas alegacións, todas elas referidas ó propio aproveitamento e non á materia específica desta consellería, polos colectivos seguintes: asociación ecoloxista Coto do Frade; PSG-PSOE; BNG; veciños de Prexigueiro e Quins. Estas alegacións remitironse ó Organismo de Conca para o trámite correspondente.

Sétimo.-A solicitude presentada por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. á que se fai mención ó comezo, correspóndese co novo proxecto presentado, mediante o cal se establece a ampliación do caudal concesional que pasaría dos 1.000 a 2.200 l/sg de auga que se derivará do río Cerves (azude dentro do concello de Melón ); este proxecto varía así mesmo as instalacións electromecánicas para adaptarse á nova situación e á potencia xerada de 5.000 kVA, segundo se describe máis adiante.

Oitavo.-A Confederación Hidrográfica del Norte acorda con data do 29-6-1999 outorgarlle ó solicitante a concesión do caudal, que queda establecido polo tanto nos 2.200 l/s pedidos, destinado á producción de enerxía eléctrica, cunhas determinadas condicións que figuran na propia resolución, entre as que se pode citar, porque varía o indicado anteriormente para o proxecto de execución, que o caudal ecolóxico queda establecido en 105 l/s agás para os meses de novembro, decembro, xaneiro e febreiro, que será de 210 l/s.

Noveno.-As instalacións e obras, foron deseñadas tal e como indica o punto 5 do proxecto coas medidas correctoras e de protección ambiental establecidas na declaración de efectos ambientais do aproveitamento hidroeléctrico do río Cerves, formulada para o aproveitamento de 1.000 l/s, pola Comisión Galega de Medio Ambiente do día 4-3-1993, non sendo necesario formular unha nova declaración, segundo o informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 5 de xaneiro de 1999.

Décimo.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Cerves, segundo o seu proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Edmundo Pascual García e polo enxeñeiro industrial Ángel Lobo Bedmar, constan dun equipo productivo, que se instalará no edificio da central, constituído polos seguintes elementos:

-Unha turbina Pelton de eixe vertical, caudal nominal de 2.200 l/s, velocidade nominal de 600 r.p.m. e salto neto de 275,73 metros.

-Un xerador síncrono trifásico de 5.000 kVA de potencia, tensión nominal de 6.000 V e frecuencia 50 Hz.

-Un transformador de potencia trifásico de 6.500 kVA, relación de transformación 6/20 kV.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Décimo primeiro.-A Delegación Provincial de Ourense emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución da central hidroeléctrica de referencia.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2.563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no aproveitamento hidroeléctrico no río Cerves, concellos de Melón e Ribadavia, provincia de Ourense.

2. Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica referida.

Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas

correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria