Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 12 de agosto de 1999 Páx. 10.196

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 239/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a composición e funcións da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para o Medio Ambiente.

A Comisión Delegada da Xunta de Galicia para o Medio Ambiente creouse polo Decreto 15/1994, do 4 de febreiro, coa finalidade de coordina-la política ambiental e establece-las liñas básicas de actuación nesta materia.

A nova estructura orgánica da Xunta de Galicia que establece o Decreto 347/1997, do 9 de decembro, obriga a adapta-la súa composición, polo que por iniciativa do conselleiro de Medio Ambiente e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Comisión Delegada da Xunta de Galicia para o Medio Ambiente, creada polo Decreto 15/1994, do 4 de febreiro, estará integrada por:

a) Presidente:

Presidente da Xunta de Galicia.

b) Membros:

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Conselleiro de Economía e Facenda.

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Conselleiro de Industria e Comercio.

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Conselleiro de Medio Ambiente.

c) Secretaría técnica:

Exerceraa a Consellería de Medio Ambiente que preparará a orde do día e seguirá os traballos da comisión.

d) O presidente da comisión poderá convocar ás reunión desta a outros membros do Consello da Xunta de Galicia, a altos cargos da Administración da Comunidade Autónoma e, excepcionalmente, a aquelas persoas que poidan prestar unha contribución singular ó asunto de que se trate.

Artigo 2º

Son funcións da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para o Medio Ambiente:

a) A adecuada coordinación da política de ambiente coas demais políticas sectoriais.

b) A aprobación das liñas básicas de actuación en materia de ambiente e desenvolvemento sostible.

c) Elaboración de informes e propostas para o Consello da Xunta de Galicia en materia de ambiente e desenvolvemento sostible.

d) As funcións e competencias que expresamente lle delegue o Consello da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 15/1994, do 4 de febreiro, polo que se crea a Comisión Delegada para o Medio Ambiente, no que se opoña ó disposto neste decreto, e cantas disposicións contradigan o seu contido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dictar cantas disposicións sexan precisas para o cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública