Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 29 de xullo de 1999 Páx. 9.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 1999 pola que se convocan bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos ou descendentes de galegos que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 1999-2000, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e non previstas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pre

tende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Algunhas destas accións son complementarias ás convocadas polo Ministerio de Educación e Cultura, o que supón un condicionamento nas datas da convocatoria e resolución, ó estaren supeditadas á adxudicación das bolsas de carácter nacional que complementan.

Tradicionalmente, estas axudas e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios están sendo destinadas a aqueles alumnos que acreditan os mellores expedientes académicos como recoñecemento ó seu esforzo, e non se valora na mesma medida a necesidade urxente de recursos económicos, moitas veces motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere desenvolver unha política de axudas e bolsas de carácter especial para estudiantes galegos ou descendentes de galegos que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo, que teñen unha finalidade simplemente paliativa e van destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudios universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos ou descendentes de galegos que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 1999-2000 cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e non previstas, que lles impiden ou dificultan a continuidade dos seus estudios.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinarase a cantidade total de 15.000.000 de ptas, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán optar a estas axudas tódolos estudiantes galegos ou descendentes de galegos que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 1999-2000, e que xustifiquen documentalmente que as súas condicións económicas actuais se deben a causas sobrevidas e non previstas, que lles impiden ou dificultan continua-los seus estudios.

b) O importe anual de cada bolsa será como máximo de 450.000 ptas.

c) Estas axudas son incompatibles co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

a) As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde e que están á disposición dos

interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificación académica ou copia compulsada.

-Documento acreditativo de estar matriculado no curso 1999-2000.

-Copia compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 1998 ou documento acreditativo da Axencia Tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

-Xustificante dos motivos que fundamenten a petición, os ingresos e a situación socioeconómica da unidade familiar.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

-Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda ó estudio.

c) O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 15 de outubro de 1999.

Artigo 5º.-Comisión de avaliación.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.

Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

a) Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, en caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a comisión de avaliación elaborará unha relación de beneficiarios, tendo en conta, primordialmente, a súa situación socioeconómica actual e causas que a motivaron, a traxectoria do seu rendemento académico nos cursos precedentes, así como aquelas outras causas de índole similar que a comisión considere.

b) Efecutada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 7º.-Pagamentos.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, logo de publicada a resolución de beneficiarios no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, así como para a súa notificación ós interesados, será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria