Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 20 de xullo de 1999 Páx. 9.365

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xullo de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria.

O Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao estructura os estudios de terceiro ciclo en dous períodos: o primeiro deles constitúe o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e ambos teñen como finalidade a especialización do estudiante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación. En consecuencia, o terceiro ciclo é decisivo para promove-la calidade do ensino e para potencia-la investigación e, en definitiva, para o progreso social e económico dunha comunidade, posto que se trata dun período no que ten lugar a articulación entre docencia e investigación e no que se forman tanto os investigadores como os futuros docentes universitarios.

En consecuencia, a Consellería da Presidencia e Administración Pública a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, manifestan o seu interese en pór en marcha un programa que contribúa ó financiamento dos estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia por parte

daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse en futuros investigadores e profesores universitarios. Este programa é continuación dos convenios de colaboración asinados o pasado ano pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con cada unha das tres universidades de Galicia e encádrase dentro do Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento (1999-2001) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998 (Resolución do 9 de febreiro de 1999, DOG 24 de febreiro).

Polo que antecede,

DISPONSE:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para a realización de estudios de terceiro ciclo (novas adxudicacións e prórrogas), nas universidades do Sistema Universitario de Galicia de acordo coas bases que se inclúen como anexo I esta orde.

Artigo 2º

Para a concesión das bolsas destinarase un total de 188.000.000 de ptas. con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.480.0 (117.000.000 de ptas.) e 07.05.322C.440.0 (71.000.000 de ptas.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999. Sen embargo, as cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses; transcorrido este prazo sen resolución e notificación expresa entenderanse desestimadas as solicitudes por silencio administrativo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 1999.

Jaime Pita VarelaCelso Currás Fernández

Conselleiro da Presidencia eConselleiro de Educación e

Administración PúblicaOrdenación Universitaria

ANEXO I

Bolsas para realizar estudios de doutoramento.

Estas bolsas teñen como finalidade contribuír ó financiamento dos estudios de terceiro ciclo daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse no xerme dunha nova xeración de investigadores.

Bases da convocatoria.

A.-Bolsas de nova adxudicación.

1. Requisitos dos solicitantes.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto, se o houbese.

c) Estar admitido ou ter solicitada a admisión, no curso 1999/2000, en programas de terceiro ciclo impartidos nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela ou Vigo.

2.-Contía.

O importe total das devanditas bolsas será de 720.000 ptas. brutas.

3.-Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 1999 e setembro do ano 2000. As bolsas concedidas poderanse prorrogar por unha soa vez e para un só programa de doutoramento, e de acordo coa normativa que se elabore para o efecto.

4.-Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 11 (que se publica como anexo II a esta orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Universidades e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia e en Internet nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm., http://www.cesga.es/sxid , ou http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm), presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou doutro documento acreditativo da nacionalidade do solicitante.

-Certificación académica detallada dos estudios de licenciatura, na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada).

No caso de estudios validados deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, a escala de puntuacións da correspondente universidade.

-Certificado do secretario do correspondente departamento, segundo o modelo que se inclúe no impreso

de solicitude, no que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento ou, no caso de que aínda non se fixera pública a relación de admitidos, copia da solicitude de admisión do solicitante no correspondente programa de terceiro ciclo na que figure o Rexistro de Entrada no correspondente organismo.

O prazo para a presentación das solicitudes remata:

-O día 20 de setembro de 1999 para aqueles solicitantes que xa teñan rematado os estudios de licenciatura ou que os finalicen na convocatoria de xuño deste curso.

-O 4 de outubro de 1999 para aqueles solicitantes que rematen os estudios de licenciatura na convocatoria de setembro deste curso académico.

5.-Tramitación.

Os dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemeto e da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e en Internet nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm , http://www.cesga.es/sxid ou http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm.

Esta lista estará exposta desde o 20 ó 30 de outubro de 1999, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou a Dirección Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

6.-Selección dos candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de bolseiros será efectuada por unha comisión constituída por dous representantes da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (un deles actuará como presidente e outro como secretario con voz e con voto), dous representantes da Dirección Xeral de Universidades e un representante de cada unha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

6.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase en atención ó seu expediente académico de licenciatura e poderase valorar a tese de licenciatura.

7.-Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral de Universidades para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas

ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

As bolsas concédense para o curso completo, polo que no caso de renuncia ou revogación o bolseiro deberá reintegra-las cantidades xa aboadas, salvo en casos excepcionais autorizados conxuntamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e pola Dirección Xeral de Universidades, logo de xustificación dos cursos superados e das actividades de formación realizadas polo bolseiro durante o período anterior á renuncia.

9.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Os pagamentos realizaranse despois de que as universidades acrediten que os bolseiros seleccionados están matriculados nos correspondentes programas de terceiro ciclo; ademais o bolseiro deberá presentar documento asinado polo director dun grupo de investigación da Comunidade Autónoma no que conste que se integra no dito grupo, co fin de realizar actividades de formación tal como se establece no punto 10 destas bases.

As bolsas aboaranse trimestralmente tendo en conta o seguinte:

-Aquelas bolsas que se imputen á partida orzamentaria 07.05.322C.440.0, pagaranse á universidade correspondente para que esta proceda directamente o pagamento trimestral ós bolseiros.

-Aquelas bolsas que se imputen á partida orzamentaria 07.05.322C.480.0 serán aboadas directamente, en pagamento trimestrais, ós bolseiros.

En ámbolos casos o pagamento do último trimestre realizarase despois de que o titor do bolseiro emita informe favorable en relación co cumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas recollidas no punto 10 destas bases.

10.-Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros están obrigados a asistir ás clases, seguir con aproveitamento os cursos correspondentes ó seu programa de doutoramento e a realiza-las actividades complementarias de formación que determine o titor e deberán integrarse nun grupo de investigación realizando dentro del actividades de formación, cunha dedicación mínima de 10 horas semanais e máxima de 15 horas semanais.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

Os bolseiros están obrigados a comunicar á Secretaría Xeral de Investigación ou Dirección Xeral de Universidades, se é o caso, a renuncia á bolsa tan pronto como se produza a causa que determine a dita renuncia.

Ó finaliza-lo período de desfrute da bolsa e antes do 20 de outubro do ano 2000 o bolseiro deberá presentar certificación do director do grupo de investigación no que se integrou, na que se fagan consta-las acti

vidades de formación realizadas durante o desfrute da bolsa.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades cobradas conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

B.-Prórrogas.

1.-Solicitantes

Poderán solicita-la prórroga aqueles alumnos que desfrutaron durante o curso 1998/1999 dunha bolsa de terceiro ciclo, modalidade nova adxudicación, financiada con cargo ós convenios de colaboración asinados pola Consellería da Presidencia e Administración Pública a Consellería de Educación e Ordenación Universistaria, e cada unha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia, sempre que poidan xustificar un adecuado aproveitamento académico nese período, e estean matriculados durante o curso 1999/2000 no segundo ano do programa de estudios do terceiro ciclo impartido nas universidades de Galicia.

2.-Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 12 (que se publica como anexo III a esta presente orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Dirección Xeral de Universidades e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia e en Internet nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, http://www.cesga.es/sxid ou http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm), presentaranse no rexistro xeral da Consellería Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa da seguinte documentación:

-Informe realizado polo titor sobre o cumprimento académico do solicitante no curso 1998/1999.

-Certificación académica de ter superados os créditos do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de setembro de 1999.

3.-Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 1999 e setembro do ano 2000.

4.-Tramitación.

Os servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemeto e da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nestas bases; no caso de que a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias observadas, con advertencia de que, de non o facerselle, considerará desistido da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

5.-Outras condicións da convocatoria.

Análogas ás indicadas nos puntos 2, 6.1, 7, 8, 9 e 10 da alínea A.