Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 15 de xullo de 1999 Páx. 9.178

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 204/1999, do 2 de xullo, polo que se regulan os requisitos mínimos esixibles para a apertura dos establecementos de perruquería e estética.

A Directiva do Consello das Comunidades Europeas 82/489/CEE, do 19 de xullo, pola que se adoptan medidas destinadas a facilita-lo exercicio efectivo do dereito de establecemento e libre prestación dos servicios dos perruqueiros, establece medidas para o recoñecemento das condicións de cualificación para o acceso ás actividades de perruqueiro e para o exercicio destas nos estados membros de acollida, que teñan regulada a dita actividade.

Mediante o Real decreto 390/1992, do 15 de abril, de liberdade de establecementos e libre prestación de actividades artesá, aplicable segundo dispón o artigo 1º, ás actividades de perruqueiros, os contidos da devandita directiva traspóñense ó noso ordenamento xurídico outorgándolle a competencia para certifica-lo exercicio das actividades en España e para autoriza-lo exercicio ós nacionais dos demais países membros da CE, conforme establece a disposición adicional, ó órgano competente da correspondente Comunidade Autónoma.

O exercicio da actividade de perruquería e estética, como actividade de prestación de servicios de carácter persoal, ten unha dobre vertente que, dentro do máximo respecto á liberdade de establecemento e libre prestación de servicios, é conveniente regular. Por unha parte, neste sector económico debe esixirse un nivel axeitado de cualificación nos profesionais, que será certificado a través da obtención do correspondente carné profesional, co fin de evita-lo exercicio da profesión a persoas que carezan da experiencia profesional ou a titulación necesaria, evitando así o intrusismo profesional. A outra vertente vén dada pola necesaria protección dos consumidores e usuarios destes servicios, preocupación hoxe en día constante dos poderes públicos, recoñecida expresamente no artigo 51 da Constitución española, sobre a que a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu competencias exclusivas, recoñecidas expresamente no artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, que supón o exercicio

de funcións lexislativas e executivas na materia, que se foron desenvolvendo principalmente, a través da Lei do 28 de decembro de 1984, que aproba o Estatuto galego de consumidores e usuarios e a normativa sectorial na materia.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a regulación dos requisitos mínimos que deben reuni-los profesionais dos servicios de perruquería e estética para o seu establecemento e o exercicio da profesión, así como o establecemento das axeitadas medidas para a defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de audiencia ás asociacións de consumidores e usuarios, os sectores afec

tados, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto ten como finalidade regular, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a prestación de servicios profesionais de perruquería e estética e a protección dos dereitos dos usuarios destes servicios.

Enténdese por establecementos de perruquería e estética os establecementos abertos ó público nos que se presten servicios consistentes en actividades de lavado, corte, peiteado, tinguido, ondulación e actuacións similares no cabelo das persoas, así tamén os servicios complementarios como masaxes faciais, manicura, pedicura, maquillaxe e outros tratamentos semellantes.

Artigo 2º.-Liberdade de establecemento.

As persoas físicas e xurídicas nacionais e as dos estados membros da Unión Europea gozarán da liberdade de establecemento e libre prestación de servicios de perruquería e estética nos termos establecidos no presente decreto, consonte coa normativa comunitaria e o real decreto de trasposición referidos.

Artigo 3º.-Requisitos para a apertura de establecemento de perruquería e estética.

Para a apertura de establecementos de prestación de servicios de perruquería e estética, ademais da obtención das licencias e autorizacións que estableza a lexislación de aplicación, o titular desta ou a persoa vinculada a ela por relación xurídica de carácter laboral, e con contrato a xornada completa, deberá estar en posesión do carné profesional de perruquería e estética.

Capítulo segundo

Requisitos para a obtención do carné profesional

Artigo 4º.-Carné profesional.

1. A posesión dun título ou certificado de formación profesional na rama de perruquería e estética, emitido ou homologado polos órganos competentes das administracións públicas, habilita o seu titular para solicitar e obte-lo carné profesional de perruquería e estética.

No caso de persoas físicas ou xurídicas nacionais de países membros da Unión Europea, o título ou certificado profesional estará homologado polo seu Estado de orixe.

2. No caso de carecer da titulación á que se refire o parágrafo anterior, admitirase para a obtención do carné profesional de perruquería e estética, o exercicio efectivo da actividade durante alomenos seis anos por conta propia ou allea, sempre que a actividade non rematara máis de dez anos antes da data de presentación da solicitude do carné profesional.

3. Para a obtención do carné profesional, presentarase ante a delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de industria e comercio a solicitude que figura como anexo I, á que se achegarán os documentos acreditativos de titulación establecidos no parágrafo 1 deste artigo, ou se é o caso, os acreditativos da experiencia profesional por algúns dos medios citados no seguinte artigo.

Artigo 5º.-Acreditación do exercicio da profesión.

O exercicio da actividade profesional de perruquería e estética ó que se refire o artigo anterior acreditarase por algún dos seguientes medios:

a) Xustificante de alta no réxime xeral ou autónomo da Seguridade Social e certificado de estar ó día das súas obrigas con este organismo.

b) Contrato de traballo dependente en establecemento de perruquería e estética.

c) Alta do imposto de actividades económicas no epígrafe correspondente e xustificante do pagamento do recibo correspondente ó último exercicio.

Artigo 6º.-Concesión e renovación.

1. O carné profesional de perruquería e estética concederase, trala comprobación da documentación acreditativa dos requisitos establecidos nos artigos 4º e 5º, mediante resolución da delegación provincial correspondente da Consellería de Industria e Comercio e de acordo co formato establecido no anexo II deste decreto.

A validez deste será de dez anos contados a partir da data da resolución, debendo o interesado solicita-la súa renovación cun mes de antelación á súa caducidade. A renovación concederáselle por un período de igual duración ó do seu outorgamento.

A resolución de concesión e renovación do carné profesional deberá dictarse no prazo máximo dun mes contado desde a súa entrada no rexistro do órgano competente.

2. A expedición e renovación do carné profesional de perruquería e estética, derivará a correspondente taxa por servicios administrativos, de conformidade coa Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Recursos.

Contra a resolución da delegación provincial, o interesado poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, que se substanciará polos trámites establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Capítulo terceiro

Información ó usuario

Artigo 8º.-Carteis informativos.

Os establecementos de perruquería e estética están obrigados a exhibir ó público de forma perfectamente

visible, un cartel no que conste, en caracteres de tamaño non inferiores a sete milímetros:

a) Prezos aplicables a cada servicio, que incluirá tódolos impostos, cargas ou gravames, coa mención explícita e diferenciada da parte do prezo correspondente a cada un deses conceptos.

b) Cartel informativo do horario de prestación de servicios ó público, de forma que sexa visible desde o exterior.

c) Lenda que especifique o seguinte: «Este establecemento dispón de follas de reclamacións á disposición dos usuarios. As reclamacións deberán efectuarse ante as autoridades competentes en materia de consumo».

Os establecementos terán á disposición dos clientes follas de reclamacións conforme o modelo oficial establecido no Decreto 375/1998, do 23 de decembro, polo que se regulan as follas de reclamacións dos consumidores e usuarios.

Artigo 9º.-Dereito de admisión.

Os usuarios dos establecementos de perruquería e estética teñen o dereito a seren atendidos dentro do horario establecido no cartel informativo.

Capítulo cuarto

Infraccións e sancións

Artigo 10º.-Infraccións.

1. Son infraccións leves, de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xullo, de infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria e a Lei 12/1984, do 28 de decembro, pola que se aproba o Estatuto galego do consumidor, as seguintes:

a) O incumprimento das disposicións sobre publicidade de servicios e os seus prezos.

b) O incumprimento das disposicións referentes á información ós consumidores e usuarios.

c) Non posuír ou non poñer á disposición dos usuarios as follas de reclamacións.

2. Son infraccións graves o incumprimento das disposicións sobre os requisitos da apertura de establecementos de perruquería e estética regulados neste decreto.

As infraccións citadas no parágrafo anterior cualificaranse como graves no caso de reincidencia nos últimos tres anos.

3. Son infraccións moi graves a reincidencia en infraccións graves nos últimos cinco anos que non sexan ó mesmo tempo consecuencia da reincidencia en infraccións leves.

Artigo 11º.-Sancións.

1. As infraccións establecidas no artigo anterior sancionaranse mediante da aplicación das seguintes medidas:

a) Infraccións leves, multa de ata 500.000 ptas.

b) Infraccións graves, multa de ata 2.500.000 ptas.

c) Infraccións moi graves, multa de ata 100.000.000 ptas.

2. A sanción graduarase segundo os seguintes criterios:

-O efecto prexudicial que a infracción puidese ter sobre os consumidores e usuarios.

-O dolo, culpa ou a reincidencia.

Artigo 12º.-Órganos competentes.

1. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas reguladas no presente decreto, corresponderalles ós delegados provinciais territorialmente competentes da consellería con autoridade na materia de industria e comercio.

2. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores corresponderá:

a) Nas infraccións leves, ós delegados provinciais da consellería.

b) Nas infraccións graves, ó conselleiro.

c) Nas infraccións moi graves, ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 13º.-Procedemento.

O procedemento sancionador axustarase ó establecido no artigo 17 do Real decreto, 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e a producción agroalimentaria, e no non disposto nel, polo disposto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, que establece o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante o prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor do presente decreto, os profesionais que estean exercendo a actividade profesional de perruquería e estética obterán, mediante a presentación da documentación á que se refire o artigo 5º, o correspondente carné profesional de perruquería e estética.

Segunda.-A obriga citada no artigo 3º deste decreto esixirase unha vez transcorrido o prazo establecido no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente na materia de industria e comercio para dictar, no ámbito da súa competencia, as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria y Comercio