As parroquias de Oza, Teo, Bamonde e Vilariño, que pertencen ó concello de Teo, están situadas ó sur da provincia da Coruña, e resultan afectadas pola concentración parcelaria aproximadamente 630 ha.
A dispersión parcelaria que presentan os terreos das ditas parroquias, posta de manifesto polos agricultores destas mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei galega 10/1985 do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declarar de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Oza, Teo, Bamonde e Vilariño (Teo-A Coruña).
Artigo 2º
O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos das parroquias de Oza, Teo, Bamonde e Vilariño. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden, ó abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 3º
A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias, e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 4º
Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior ós 6 meses a partir da publicación do presente decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facultarase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias que requiran a execución do presente decreto.
Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Cástor Gago Álvarez
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política
Agroalimentaria