Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 02 de xullo de 1999 Páx. 8.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 187/1999, do 25 de xuño, polo que se aproba a elaboración dunha estatística sobre as necesidades de servicios sociais e persoais nos maiores de 65 anos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 8 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, establece que a Xunta de Galicia con carácter excepcional poderá dispoñer por decreto a elaboración de estatísticas non incluídas no Plan Galego de Estatística se apreciase a súa conveniencia e despois de transcorrido un ano desde a aprobación do Plan Galego de Estatística.

Para lles dar resposta ás novas demandas sociais que están producindo os cambios demográficos co progresivo avellentamento da poboación, considérase conveniente a elaboración dunha estatística sobre as necesidades de servicios sociais e persoais nos maiores de 65 anos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A información que se obterá desta estatística axudará a cumpri-lo obxectivo central do Plan Galego de Estatística 1998-2001, aprobado pola Lei 6/1997, do 31 de xullo, de conseguir un conxunto coherente, fiable e actualizado de datos estatísticos que permita o coñecemento da realidade económica, demográfica e social de Galicia. Así mesmo, axudará a cumpri-lo obxectivo operativo de información na área de estatísticas sociolaborais, culturais e ambientais do artigo 8 do citado plan, no punto de indicadores sociais e condicións de vida.

En virtude de todo o anterior, de acordo co disposto no artigo 8 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, oído o Consello Galego de Estatística e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo lº

Apróbase a elaboración dunha estatística sobre as necesidades de servicios sociais e persoais nos maiores de 65 anos da Comunidade Autónoma de Galicia, coas características recollidas no anexo deste decreto.

Artigo 2º

A estatística que aproba este decreto estará sometida ás regras xerais e específicas establecidas no Decreto 358/1998, do 27 de novembro, polo que se aproba o Programa Estatístico Anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e axustarase á legalidade e á normativa técnica vixente en materia de estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Obxectivo operativo de información.

Área de estatísticas sociolaborais, culturais e ambientais-indicadores sociais e condicións de vida.

Nome: estatística sobre as necesidades de servicios sociais e persoais nos maiores de 65 anos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Organismo responsable: Conllería de Sanidade e Servicios Sociais, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o Instituto Nacional de Emprego.

Obxectivo: coñecemento das necesidades de servicios sociais e persoais nos maiores de 65 anos na Comunidade Autónoma de Galicia e das posibilidades de creación de emprego neste sector.

Grao de dificultade: complexo.

Custo estimado: moi baixo.

Dispoñibilidade: prazo curto.