Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 02 de xullo de 1999 Páx. 8.473

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 15 de xuño de 1999 pola que se regula o procedemento para a transmisión da titularidade das concesións das bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia.

No Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, establécense tanto as condicións de outorgamento das concesións de bateas coma as modificacións dos correspondentes títulos habilitantes.

Así, no artigo 10 sinálanse as circunstancias nas que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autoriza-la transmisión das concesións inter vivos, e indícase que no caso de falecemento do concesionario, os seus habentes causa poderán subrogarse nos dereitos e obrigas daquel.

Por iso, procede agora desenvolve-lo procedemento para a tramitación dos expedientes administrativos de transmisión da titularidade das bateas.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitude de transmisión mortis causa.

1. No caso de falecemento do titular da batea, os seus habentes causa comunicaranllo á Administración no prazo de tres meses a partir do feito causante da sucesión, indicando expresamente a data de defunción, e deberán manifestar ante a Administración o seu propósito de subrogarse nos dereitos e obrigas daquel, no prazo máximo dun ano contabilizado desde a data do falecemento.

2. As solicitudes de transmisión mortis causa (anexo I desta orde) presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais, ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Ás solicitudes xuntaráselle-lo orixinal, ou fotocopia cotexada, da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación e do DNI do representante, para efectos das relacións entre a comunidade herdeira e a consellería.

b) DNI dos herdeiros.

c) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

d) Certificado de defunción.

e) Certificado do rexistro de últimas vontades.

f) Copia autenticada do testamento ou declaración de herdeiros.

g) Caderno particional da herdanza, de se-lo caso.

h) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de sucesións e doazóns ou do imposto de transmisións patrimoniais, de se-lo caso.

Artigo 2º.-Solicitude de transmisión inter vivos.

1. A solicitude da autorización para a transmisión inter vivos de bateas faraa o concesionario da batea, ou o seu representante, de acordo co modelo que figura no anexo II desta orde, e presentarase en calquera dos lugares previstos no punto 2º do artigo 1º.

2. As solicitudes irán xunto co orixinal ou fotocopia cotexada, da seguinte documentación:

a) Documentos nacionais de identidade do solicitante e do adquirente, se é persoa física, ou da escritura acreditativa da constitución da sociedade, inscrita no Rexistro Mercantil, e dos estatutos polos que se rexe, así como da acreditación da representación e do documento nacional de identidade do seu representante, se é persoa xurídica. No caso de propiedade compartida, pro indiviso ou gananciais, achegaranse copias cotexadas do DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ámbolos dous cónxuxes.

b) Xustificante de ter realizada a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

c) Se non transcorreron cinco anos desde a publicación da orde de outorgamento, certificación que acredite a imposibilidade do titular de continuar coa explotación, por razóns de enfermidade, xubilación ou outras semellantes.

d) Acreditación de que o adquirente se dedica profesionalmente á acuicultura ou que posúe medios axeitados e suficientes para a explotación da batea.

e) Acreditación de que o adquirente se encontra integrado nunha asociación do sector.

Artigo 3º.-Tramitación.

1. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, a delegación correspondente á situación da batea requirirá o interesado para que

no prazo de dez días repare a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se así non o fixese se lle considerará desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 citada.

2. Completada a documentación, a delegación procederá a solicita-los correspondentes informes e, recibidos estes, á avaliación do expediente e elaboración da correspondente resolución.

Artigo 4º.-Resolución.

1. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses. Aínda que o vencemento do prazo sen notifica-la resolución expresa non exime a Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo, poderase entender desestimada, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Na resolución indicarase expresamente que contra ela se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da notificación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 46 e seguintes da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998.

Artigo 5º.-Publicación.

O outorgamento da autorización do cambio de titularidade publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que conterá como mínimo os seguintes puntos:

a) Tipo de transmisión.

b) Tipo da batea e identificación.

c) Especie ou especies autorizadas.

d) Data da orde de outorgamento inicial da concesión e da súa publicación.

e) Vixencia do título habilitante, con indicación da data da súa finalización.

f) Nome, apelidos e DNI/CIF do antigo titular.

g) Nome, apelidos e DNI/CIF do novo titular.

h) Indicación de que o novo titular se subroga no prazo, dereitos e obrigas do anterior.

i) Condicións particulares, se as houbese, baixo as que se autoriza a levar a cabo o cambio da titularidade.

Artigo 6º.-Efectos da transmisión.

1. Nos cambios de titularidade mortis causa, o novo titular queda subrogado nos dereitos e obrigas do anterior no momento da publicación no Diario Oficial de Galicia da orde de autorización.

2. Nos cambios de titularidade inter vivos, o titular da batea deberá presentar, no prazo máximo dun mes contado desde ó día seguinte o da publicación da correspondente orde no Diario Oficial de Galicia, orixinal ou copia cotexada da seguinte documentación:

a) Documento notarial da transmisión ou doazón.

b) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de transmisións patrimoniais ou do imposto de sucesións e doazóns.

Trasncorrido o prazo indicado sen ter presentada a documentación requirida, a autorización quedará sen efecto, logo da comunicación por parte da conselllería.

O novo titular queda subrogado nos dereitos e obrigas do anterior desde o momento da formalización da compra-venda en escritura pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias a que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura