Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 29 de xuño de 1999 Páx. 8.293

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Serphos, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Serphos, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-5-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 11-2-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio,

sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de maio de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio 1999-2000

Serphos, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as condicións ás que se axustarán as relacións laborais e económicas entre a empresa Serphos, S.A. e o persoal dependente da mesma; no non previsto nel haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores e á lexislación laboral vixente.

O centro de traballo atópase actualmente no Porriño.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Con independencia da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o presente convenio terá efectos económicos desde o 1 de xaneiro do 1999, establecéndose a súa duración ata o 31 de decembro do 2000.

Serán respectadas na súa totalidade aquelas condicións económicas máis beneficiosas que teña o traballador ou traballadora, concedidas pola empresa por pacto ou costume.

Artigo 3º.-Compensacións e absorcións.

As condicións económicas establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto, poderán compensa-las existentes na data de entrada en vigor, calquera que sexa a orixe ou causa delas. Así mesmo, poderá absorberse calquera outra condición superior que, fixada por disposición legal, convenio colectivo, etc., puidese aplicarse no futuro.

Artigo 4º.-Representación dos traballadores.

Tódalas condicións económicas, sociais, de traballo, horarios, quendas, etc., non recollidas no presente convenio, serán de obrigada negociación entre a dirección e os representantes do persoal.

Artigo 5º.-Remuneracións.

O persoal afectado por este convenio rexerase pola táboa de salarios anexa.

Establécese un complemento de actividade para tódalas categorías, os importes do cal se especifican na táboa anexa.

Para o segundo ano de vixencia, 2000, procederase a acrecenta-los conceptos económicos nunha contía equivalente ó IPC do ano 99 máis 0,5.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O presente convenio non inclúe dentro da súa estructura salarial complemento de antigüidade. Os traballadores que veñen percibindo este dereito verán consolidadas as ditas cantidades, que se seguirán percibindo en concepto de complemento convenio, que se establecerá para todo o persoal fixo en dous quinquenios.

As devanditas contías cobraranse mediante o aboamento en nómina, rateado en 14 pagas. Para os anos sucesivos a 1999, acrecentarase o dito complemento no IPC do ano anterior, aínda que os convenios colectivos futuros non prevexan ningún acrecentamento por ningún concepto. Para o ano 2000 acrecentarase na mesma proporción que a revisión salarial, é dicir, o IPC do ano 1999 máis 0,5%.

O devandito complemento convenio non será absorvible de ningún xeito, nin no presente convenio nin en convenios posteriores.

Os traballadores e traballadoras de nova contratación non terán dereito a este complemento.

O persoal fixo descontinuo contratado con anterioridade ó 1999 verá acrecentado o valor da hora nun 4,2% en concepto de complemento convenio.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as pagas extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro, na contía cada unha de 30 días do salario base máis complemento convenio, complemento transporte e complemento actividade.

As pagas extraordinarias serán concedidas en proporción ó tempo traballado; ratearase cada unha por semestres naturais do ano no que se aboen. A paga correspondente ó primeiro semestre aboarase entre os días 15 e 20 de xullo. No que respecta á do segundo semestre, aboarase entre o 15 e o 20 de decembro.

As pagas extras non se verán afectadas por incapacidades temporais debidas a accidente de traballo ou enfermidade profesional, percibíndose nestes casos integramente.

Artigo 8º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade na contía do 30% sobre o salario base de cada traballador, que se percibirá sobre as horas efectivas traballadas, entendéndose ó respecto como xornada nocturna a comprendida entre as 22 de as 6 horas.

En caso de que as horas nocturnas se realizasen en sábado, domingo ou festivo, o complemento de nocturnidade será do 40%. Este acrecentamento non implica que as ditas xornadas sexan consideradas como especiais, para os efectos do disposto no artigo 11º que regula a xornada de traballo.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

Aboaranse na contía que se sinala na táboa de salarios anexa ó texto do convenio.

Alternativamente, o traballador ou traballadora poderá escolle-la compensación en descanso. De escoller esta opción, o tempo de descanso desfrutarase coa maior brevidade, limitándose o número de persoas a 2 por quenda.

Tamén poderá opta-lo traballador ou traballadora por acumula-lo tempo compensatorio de descanso ata completa-las horas dunha xornada, con aplicación igualmente da limitación disposta no parágrafo anterior.

Exclúense os meses de xullo e agosto, para os efectos de desfrute de horas ou xornadas acumuladas pola realización de horas extras.

O valor das horas extras queda como segue:

Tipo de hora extraValor ptas.Valor descanso

Normal (luns a sábado)1,50%1,75%

Domingo ou festivo1,70%1,75%+0,20% (Comp.)

Nocturna (luns a sábado)1,80%1,75%+0,30% (Comp.)

Nocturna (domingo ou festivo)1,90%1,75%+0,40% (Comp.)

As porcentaxes que se relacionan refírense ó valor dunha hora normal de traballo. A porcentaxe do 0,20, 0,30 e 0,40% establecido en concepto de complemento engadido ó valor da hora de descanso, compensarase sempre economicamente.

En ningún caso a aplicación das porcentaxes referidas a valor ptas. pode resultar unha contía inferior á existente durante 1995, polo que de darse esta circunstancia, manterase como mínimo o valor xa existente.

As porcentaxes que determinan o valor ptas. da hora extra calcularanse sempre o salario base vixente para cada categoría.

Artigo 10º.-Pagamento de nóminas.

O pagamento das nóminas farase mensualmente. Non embargante, o persoal poderá solicitar coa debida anticipación cantidades a conta dos seus haberes devengados.

En canto ó xeito de pagamento, haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Para todo o persoal, tanto de producción como de oficinas, considéranse as mensualidades de 30 días.

Artigo 11º.-Complemento de transporte.

Serphos, S.A. aboaralle a todo o persoal contratado con anterioridade ó 31-12-1998 un complemento de 12.000 ptas.

O persoal de nova contratación non terá dereito á percepción do devandito complemento.

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

Sendo Serphos, S.A. unha empresa de servicios, establécese unha xornada laboral anual de 1.801 horas efectivas de traballo para o ano 1999, distribuídas de luns a domingo, cos descansos que establece a lei e de acordo co horario e quendas indicados pola empresa, coas limitacións que sinale a lei, respectándose horarios e quendas do anterior convenio.

Para o ano 2000, a xornada anual será de 1.800 horas. Para ese ano, negociarase a inclusión, total ou en parte, como tempo de traballo efectivo, do tempo de descanso de bocadillo.

Como compensación pola non inclusión no ano 1999 do tempo de bocadillo como tempo efectivo de traballo, o persoal terá dereito a 2 días máis de descanso neste ano, así como 1 día máis por reducción da xornada laboral. Estes 3 días desfrutaranse a petición individual do traballador ou traballadora.

Para o ano 2000, establécese 1 día máis de descanso, que se engadirá ós recollidos no parágrafo anterior, por ser ano bisesto.

Ó realizarse a xornada laboral por equipos en réxime de quendas, e cando así o requira a organización do traballo, poderanse computar por períodos de ata 4 semanas os descansos de 12 horas entre xornadas e de 36 horas semanais. Non se computa como xornada para tódolos efectos o período destinado a bocadillo.

Durante o ano 1999 establécense dúas quendas cos seguintes horarios:

Mañás (de luns a sábados), de 7 a 14, con 20 minutos de descanso, equivalente a 6,67 horas de traballo efectivo.

Tardes (de luns a venres), de 14 a 22.05, con 15 minutos de descanso, equivalente a 7.83 horas de traballo efectivo.

De mutuo acordo poderán variarse as horas de entrada e saída dalgúns días, co fin de facer máis operativo o horario de traballo, adecuándose ás necesidades da producción. Todo o anterior sen prexuízo da ordenación do calendario e do cómputo da xornada anual pactada.

Ademais establécese, mentres as condicións do servicio que presta a empresa así o esixan, unha quenda de 7 a 14 horas os domingos e festivos.

Artigo 13º.-Vacacións.

As vacacións serán de 32 días naturais, dos que 28 serán hábiles, entendéndose dentro destes os sábados non festivos. Desfrutaranse preferentemente entre o 21 de marzo e o 21 de setembro. O calendario das vacacións fixarase con 2 meses de anticipación. Para tal efecto, durante o primeiro trimestre de cada ano, a dirección da empresa e os delegados de persoal acordarán o calendario vacacional, que recollerá o desfrute de cada traballador ou traballadora.

Dentro o dito calendario, poderán establecerse quendas partidas de vacacións, non máis de 2, de xeito que parte delas se desfruten fóra do período sinalado como preferencial.

O persoal fixo-descontinuo desfrutará en cada ano, dentro do período preferente establecido anteriormente, 15 días das súas vacacións, correspondentes a ese mesmo período do ano natural. O resto das vacacións que poidan corresponderlles, pola proporción do tempo traballado nese mesmo período do ano natural, desfrutaranse a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte.

Na aplicación do disposto no parágrafo anterior, se a fin de ano a proporción de vacacións que corresponda desfrutar é inferior ós 15 días xa desfrutados, os días de exceso descontaranse nas vacacións do ano seguinte.

No caso de que calquera traballador ou traballadora, chegada a súa quenda vacacional, se atopara en situación de incapacidade temporal por accidente de traballo ou enfermidade profesional, terá dereito ó desfrute en período distinto, unha vez que remate a súa situación de incapacidade temporal, sempre e cando haxa tempo material para o desfrute dentro do mesmo ano natural.

Se por causas conxunturais (avarías, falta de subministracións de enerxía, auga, ou calquera outra circunstancia de forza maior), a empresa se vira obrigada a parar ou disminuír sensiblemente a súa producción, poderanse determinar outras datas de vacacións, logo de acordo cos representantes dos traballadores. No caso de desacordo insalvable, aplicaranse as condicións legais vixentes nesa altura.

As datas do 1º de maio e 25 de xullo serán inhábiles na empresa, salvo que esta considere que o servicio que presta ós seus clientes resulte gravemente prexudicado por tal motivo. En tal caso, este extremo seralles comunicado ós representantes do persoal cunha participación de 48 horas.

Artigo 14º.-Bolsa de vacacións.

Os traballadores e traballadoras pertencentes ó grupo de persoal fixo (agás o descontinuo), que soliciten o desfrute vacacional fóra do tempo preferente establecido no artigo anterior, pero nos meses que neste artigo se sinalan, terán dereito a cobrar en concepto de bolsa de vacacións as seguintes contías:

Vacacións que se desfruten nos meses de decembro e xaneiro: 25.000 ptas.

Vacacións que se desfruten no mes de febreiro: 20.000 ptas.

As contías anteriores refírense ó período completo de vacacións. Para o caso de desfrute parcial delas dentro dos meses afectos á bolsa, a contía que se perciba será proporcional ó tempo desfrutado.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

A) 20 días naturais no caso de casamento.

B.1) Nacemento de fillos: 3 días naturais.

B.2) Enfermidade grave de cónxuxe, fillos ou pais: 3 días naturais.

B.3) Enfermidade grave de demais parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

B.4) Morte de cónxuxe ou fillos: 5 días naturais.

B.5) Morte de pais: 4 días naturais.

B.6) Morte de irmáns, irmáns políticos, avós, avós políticos, xenros, noras, netos ou sogros: 2 días naturais.

B.7) Morte de demais parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

B.8) Morte de parentes de 3º grao de consanguinidade ou afinidade: 1/2 xornada no día do enterro, sempre que este cadre coa xornada do traballador ou traballadora.

C) Por traslado de domicilio habitual: 2 días naturais.

Nos casos recollidos nos puntos B.5 e B.6, se o parente falecido convive co traballador, a licencia será de 1 día máis.

Nos casos de licencia por calquera das causas recollidas nos puntos B.1, B.4 e B.5, B.6 e B.7, un dos días de licencia será hábil para os efectos do rexistro civil.

As licencias recollidas nos puntos B.1, B.2, B.3 e C poderanse usar por medias xornadas, sen que esta opción poida supor en ningún caso supera-la licencia establecida en cada punto.

Nos casos de morte de cónxuxe, pais ou fillos do traballador, os tres días naturais de permiso entenderanse como adicionais do día do feito causante.

Nos casos de necesidade por circunstancias da enfermidade familiar que orixina o dereito a licencia, o traballador poderá solicita-lo uso da licencia en días alternos, sempre que sigan concorrendo as mesmas circunstancias que orixinaron a licencia.

D) Por casamento de fillo ou filla, pais ou irmáns: 1 día natural, referido exclusivamente á data do casamento.

E) Para realización de funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

F) Licencias sen soldo: o traballador que leve máis de 1 ano de prestación de servicios terá dereito, cun aviso previo mínimo de 15 días, a solicitar unha licencia sen soldo. Esta licencia terá unha duración mínima de 15 días e máxima de 2 meses. Soamente poderá solicitarse unha vez cada 2 anos. A concesión outorgarase sempre que medie necesidade grave e quede debidamente xustificada. En calquera outra circunstancia, a licencia non poderá exceder de 15 días.

Por este concepto, non poderán concederse licencias a máis dun 3% do cadro de persoal simultaneamente.

Esta licencia ocasionará a baixa na Seguridade Social polo tempo da súa duración.

O traballador ou traballadora que solicite este tipo de licencia non verá afectadas as súas pagas extraordinarias, tendo dereito a cobralas na súa totalidade.

Os representantes do persoal, pertencentes a unha mesma central sindical poderán crear unha bolsa de horas sindicais, por períodos de 1 ano, sen que en ningún caso poida supera-lo número de horas adxudicado a cada representante incluído na bolsa. O control das horas acumuladas na bolsa será trimestral, limitándose o uso do crédito horario ó trimestre que corresponda; é dicir, impedíndose o traslado dese crédito a outro trimestre.

Nas unións de feito, a compañeira ou compañeiro aseméllanse ós cónxuxes, para exerceren o dereito ó uso das licencias establecidas no presente artigo.

Por solicitude da totalidade dos delegados do persoal, a empresa poderá estudia-la concesión de permiso retribuído nos casos especiais que se saen das normas establecidas nos puntos anteriores e que puideran asemellarse a eles, despois de comprobar e acreditar especialmente os devanditos delegados a certeza do feito causante.

Artigo 16º.-Excedencias.

As excedencias serán aplibadas de acordo co artigo 46 do Estatuto do traballadores.

Para a reincorporación automática ó posto de traballo, agás o contido no devandito ET será preciso que legalmente se poida substituí-lo dito posto cun traballador con contrato interino polo mesmo período da excedencia concedida.

Artigo 17.-Aviso previo de cesamento.

todo o persoal afectado por este convenio, se pretendese cesar ó servizo da empresa, avisará por medio de escrito sinxelo, cunha anticipación mínima de 15 días, agás o persoal titulado, técnico ou administrativo, que o frán cun 1 mes. O incumprimento da obriga de avisar coa devandita anticipación dará diereito á empresa a descontar da liquidación do traballador unha contía equivalente ó importe da súa retribución total diaria por cada día de atraso no aviso.

Así mesmo, a empresa comunicaralle ó persoal, nos casos de contratos de duración superior a 3 meses, o seu cesamento por escrito cun prazo mínimo de 15 días. Os avisos cun prazo inferior suporán para o traballador o dereito a cobrar como indemnización o salario dos días de menos con respecto ó aviso previo aquí establecido.

A empresa entregaralle a calquera traballador cesante con 48 horas de anticipación, copia do recibo de liquidación. O traballador terá dereito á presentacia dun representante do persoal na sinatura do finiquito.

Artigo 18.-Póliza de vida.

Contrátase unha póliza de seguro colectivo de vida, para todo o persoal da empresa, coa cobertura dos seguintes riscos:

Morte por causa común: 1.000.000 de ptas.

Morte por accidente laboral: 3.000.000 de ptas.

Invalidez permanente total por causa común: 2.000.000 de ptas.

Invalidez permanente total por accidente laboral: 5.000.000 de ptas.

Invalidez permanente absoluta por causa común: 3.000.000 de ptas.

Invalidez permanente absoluta por accidente laboral: 6.000.000 de ptas.

O importe da dita póliza será aboado integramente pola empresa. No suposto de rexeitamento da proposta de seguro pola compañía aseguradora para algún traballador, queda sen efecto a obriga empresarial aquí pactada, incluíndose nos seus haberes o importe da achega empresarial que suporía a inclusión o dito traballador na devandita póliza.

A empresa entregaralle a cada traballador fotocopia da póliza contratada.

Artigo 19.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal da correspondente roupa de traballo.

O persoal recibirá 3 uniformes de traballo cada 2 anos e, se fose preciso, logo de xustificación, seralle proporcionado un 4º.

A empresa facilitará anualmente un equipo de calzado axeitado para as tarefas que vaia desempeñar.

O uso do uniforme entenderase como obrigatorio.

Artigo 20.-Recoñecementos médicos.

A empresa está obrigada a solicitar do Gabinete Técnico de Seguridade e Hixiene da provincia, ou da mutua patronal coa que teña concertadas as continxencias de accidentes de traballo, un recoñecemento médico anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado, así como os gastos do desprazamento serán a cargo da empresa.

Ó persoal fixo descontinuo, se o día do recoñecemento médico non está dentro da súa xornada de traballo, a empresa aboaralle 2 horas de xornada ordinaria.

Artigo 21.-Incapacidade temporal (IT).

O traballador ou traballadora afectados por incapacidade temporal, debido a causas de accidente de traballo ou enfermidade profesional, recibirá unha contía de 1.000 ptas/día mentres permaneza en situación de incapacidade, por un período máximo de 1 ano.

O traballador ou traballadora afectados por incapacidade temporal, debido a causas de accidente non laboral ou enfermidade común, transcorridos os primeiros 15 días, recibirá unha contía de 1.000 ptas/día mentres permaneza en situación de incapacidade, por un período máximo de 1 ano.

Artigo 22.-Préstamo ó persoal.

A empresa constituirá un fondo por un valor máximo de 1.500.000 ptas. (un millón cincocentas mil ptas.) duratne a vixencia deste convenio, para distribuír como préstamo entre o persoal.

A concesión dos ditos préstamos e as condicións de devolución serán estudiadas polos representantes legais dos traballadores e por un representante designado pola empresa, en función das necesidades concretas expostas en cada caso.

O límite dos préstamos fíxase en 500.000 ptas. (agás casos excepcionais).

A cota mínima de devolución mensula será do 5% do importe do préstamo.

Artigo 23.-Categorías.

Peón.

En xeral, é o traballador que, sen posuír coñecementos de calquera especialidade, limita as súas funcións á achega do seu esforzo físico e á execución de traballos non especializados.

Considérase peón todo aquel traballador que desempeñe a súa función xeralmente baixo a supervisión dalgún especialista, principalmente nas funcións de descarga de roupa sucia, selección, pesaxe e introducción da roupa nalgunha das lavadoras ou túnel de lavado, definíndose as súas funcións principais nas seguintes:

-Desprazar roupa lavada ás máquinas de tratamento posterior.

-Recoller roupa tratada e levala á zona de empaquetamento ou á carga en furgoneta de saída.

-Limpeza xeral da nave e instalacións.

O traballador ou traballadora encadrada nesta categoría nunca realizará traballos con ningún tipo de máquina. As súas funcións no excederán das exclusivamente consideradas como auxiliares do proceso productivo.

Cubrirá os seus correspondentes partes de traballo, nos que reflectirá a actividade realizada nas súas horas de traballo. Realizarase, ademais, todas aquelas funcións semellantes que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

Axudante especialista.

En xeral é o traballador ou traballadora que, cuns coñecementos xerais do oficio correspondente, auxilia o persoal especializado da súa categoría na execución dos traballos propios, ou efectúa outros de menor importancia.

Ademais de tódolas funcións do peón, desempeñará con maior autonomía as seguintes tarefas:

-Manexo de máquinas habituais de lavandería, tales como calandra, pregadora, túnel de batas, ferros de pasar, robots.

-Colaborar coas tarefas de mantemento das diversas máquinas e postos de traballo nos que desempeñe a súa función, vixiando o seu bo funcionamento.

Cando un axudante realice traballos de superior categoría durante máis de seis meses, consolidará a categoría superior, sempre que exista quenda de acceso a este de libre designación da empresa e posúa os coñecementos necesarios, debidamente acreditados por probas de suficiencia.

Especialista.

Considerarase especialista aquel traballador ou traballadora con capacidade para desempeñar funcións en calquera dos variados postos que compoñen o proceso de producción da lavandería.

Ademais de tódolas funcións do axudante especialista encargarase de:

-Tarefas de mantemento habituais de calquera máquina, que non supoñan o uso de ferramenta especializada.

-Vixiar, con nivel de usuario, o perfecto estado e funcionamento da máquina na que desempeña o seu traballo.

-Colaborar co persoal reponsable de mantemento nas tarefas para as que sexa requirido.

-Así mesmo, realizará tódolas funcións que pola súa semellanza coas ditas anteriormente, sexan inherentes á súa categoría.

-Todo o que se lle encomende por parte do encargado de producción, encargado de quenda ou os xefes de equipo.

Oficial lavandeiro.

É o traballador ou traballadora que, en posesión dos coñecementos precisos, a xuízo da empresa, ademais de tódolas funcións descritas para a categoría de especialista, se diferenciará desta en:

-Maior coñecemento de labores de mantemento máis complexos sobre as máquinas da lavandería, coa utilización da ferramenta ou maquinaria auxiliar que para iso sexa preciso.

-Responsabilizarase da calidade final do traballo naquela máquina na que estea desenvolvemento o seu traballo, así como do perfecto funcionamento das máquinas de proceso.

Deberá coñece-lo funcionamento tódalas máquinas do proceso productivo. O traballador ou traballadora encadrados nesta categoría deberá asistir a calquera curso que a empresa considere oportuno, para unha mellora dos seus coñecementos e da súa propia formación profesional, e neste caso terá cubertos tódolos gastos que tal circunstancia lle puidera ocasionar.

Xefe de equipo.

É o traballador ou traballadora procedente da categoría de profesionais ou de oficio que, efectuando traballo manual, asume o control do traballo dun equipo.

O xefe de equipo non poderá ter baixo as súas ordes a persoal de superior categoría á súa. Cando un xefe de equipo cesa na súa función perderá a súa retribución específica de xeito gradual. Para estes efectos, anualmente no se lle poderá absorber, do complemento que cobrará, unha contía maior que a que supón o 50% do acrecentamento do seu salario base. A xeito de exemplo, cando se producira un

acrecentamento no salario base mensual de 4.000 ptas., só poderá absorberse como compensación a contía de 2.000 ptas.

Suprirá o encargado cando as circunstancias que o requiran.

O complemento de posto de traballo que percibirá o xefe de equipo consistirá en 17.285 ptas., mensuais, en tanto realice as ditas funcións.

Encargado de quenda.

É a persoa responsabilizada de todo o relativo ó proceso productivo, en cada quenda, establecido na empresa, especialmente do seguinte:

-Da distribución por seccións do persoal que ten ó seu mando, para un maior aproveitamento dos recursos, trasladando ó axudante técnico de dirección as necesidades de persoal, en función do traballo que haxa que realizar.

-De calidade final do producto procesado.

-Da correcta utilización e aproveitamento da maquinaria.

-Do control dos consumibles no proceso productivo, seguindo as instruccións técnicas dos provedores.

-Do cumprimento das funciósn por el encomendadas a cada operario ou operaria.

-De garanti-la producción, segundo as prioridades establecidas co axudante técnico de dirección.

-De comunicar calquera incidencia que se produza, en referencia a producción ou persoal, ó director-xerente ou persoa por esta nomeada.

O encargado de quenda cobrará pola realización das súas funcións, un complemento por importe do 25% do salario base da categoría do oficial lavandeiro, quedando para o presente ano 1999 en 21.379 ptas.

O complemento de encargado de quenda deixarase de percibir cando deixe de realizarse as funcións da devandita categoría.

Axundante técnico de dirección.

É a persoa responsabilizada da coordenación entre clientes e producción. Terá ademais os seguintes cometidos.

-Dar conta ós encargados de quenda e/ou trasladar calquera circunstancia especial en relación coa roupa que se vaia tratar, establecendo con aqueles as prioridades do traballo que se vaia realizar, así como de dota-las quendas de persoal, segundo as necesidades que estableza o encargado.

-De lle trasladar ó director- xerente calquera incidencia que se produza nas áreas de producción, comercialización ou persoal, así como de calquera outra que lle sexa trasladada polos encargados de quenda mesmo observacións ou suxestións destes.

-De coordina-los transportes e horarios de entrega e/ou recollida da roupa ós clientes.

-Do control do cumprimento dos horarios de traballo.

-De contactar cos provedores para dotacións dos consumibles necesarios á área de producción.

Artigo 24.-Contratación de novo persoal.

A empresa comunicaralles ós representantes dos traballadores, con anticipación dabondo, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou non, para os efectos de que, en igualdade de condicións, poida darse trato preferente ós familiares do persoal empregado.

No caso de novas contratacións a tempo parcial e para quendas de producción distintos dos actuais ofreceráselle en primeiro lugar a cobertura dos postos que se necesiten ó persoal que nese intre preste servicios na empresa.

En ningún caso este ofrecemento pode supo-la realización dunha xornada maior da ordinaria.

No caso de novos contratos para cubrir postos de traballo alleos á producción, a dirección da empresa informará previamente os representantes do persoal.

O persoal contratado para producción serao coa categoría mínima de axudante.

Artigo 25.-Denuncia e prórroga.

O presente convenio quedará denunciado automaticamente 30 días antes da data de remate da súa vixencia. Nese prazo de 30 días, cada parte deberalle comunicar á outra as materias que desexa que se negocien novamente. As materias sobre as que ningunha das partes se manifeste, entenderanse prorrogadas como mínimo ata o seguinte período de denuncia.

Artigo 26.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido na lexislación vixente, créase unha comisión paritaria, composta por 3 representantes dos traballadores e 1 representante da empresa.

Artigo 27.-Determinación das partes que o concertan.

O presente convenio foi subscrito, en representación dos traballadores, polos representantes do persoal, e en representación da empresa, polo director xerente.

ANEXO I

Convenio de Serphos, S.A.

Salarios 1999

Categoría

S. base

Complem. Act.

Total

Axte. técnico dirección138.73226.132164.864
Encargado mantemento138.73226.132164.864
Encargado de quenda107.52032.031139.551
Oficial lavandeiro/a 98.04815.300113.348
Especialista 87.219 4.467 91.686
Axte. especialista 77.520 2.946 80.466