Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 24 de xuño de 1999 Páx. 8.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de xuño de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal facultativo do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo durante a folga que se levará a efecto desde as 8 horas do día 24 de xuño ata as 8 horas do día 26 de xuño de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal facultativo do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo que se levará a efecto desde as 8 do día 24 de xuño

ata as 8 horas do día 26 de xuño de 1999, oído o comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 8 horas do día 24 de xuño ata as 8 horas do día 26 de xuño de 1999 que afecta o persoal facultativo do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, para evitar de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de determinación destes que se corresponden cos asinados coas centrais sindicais con motivo das folgas anteriores.

Estes criterios rectores explicítanse do seguinte xeito:

* Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun dobre ámbito.

-Servicios de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que, ó ingresaren, requiran intervención cirúrxica inaprazable.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida destes ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-la atención indefectible dos pacientes hospitalizados.

IV. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiren ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

V. Atenderanse tamén as consultas urxentes ou preferentes.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Hospital Xeral-Cíes

Persoal facultativo:

Facultativos de urxencias o 100%.

Facultativos de garda o 100%.

Xornada ordinaria das 8 horas ás 15 horas dos días 24 e 25 de xuño.

ServiciosS. mínimos

Admisión1

Alergoloxía1

Análises clínicas5

Anatomía patolóxica1

Anestesia e reanimación6

Ansioloxía cardiovascular2

Cardioloxía2

Cirurxía xeral5

Cirurxía maxilofacial1

Cirurxía torácica2

Dermatoloxía1

Dixestivo2

ServiciosS. mínimos

Endocrinoloxía2

Farmacia hospitalaria1

Hematoloxía3

HADO1

Medicina intensiva3

Medicina interna4

Medicina preventiva 1

Nefroloxía 1

Pneumoloxía2

Neurocirurxía2

Neurofisioloxía clínica1

Neuroloxía2

Obstetricia e xinecoloxía7

Oftalmoloxía2

Oncoloxía1

ORL2

Pediatría8

Psiquiatría7

Radiodiagnóstico5

Rehabilitación1

Reumatoloxía1

Traumatoloxía5

Uroloxía2

Urxencias H. Xeral4

Urxencias H. Cies1

-Atención continuada: desde as 15 horas do día 24 ata as 8 horas do día 26.

-Urxencias Hospital Xeral: 2 efectivos desde as 15 horas ata as 22 horas do 24 ó 26 de xuño.

1 efectivo desde as 22 horas do día 24 ata as 8 horas do día 26 de xuño.

-Urxencias Cíes: 1 efectivo desde as 8 horas do día 24 ás 8 horas do día 26 de xuño.

-Resto das áreas asistenciais: os equipos completos de facultativos especialistas xa previstos na programación previa do cadro de gardas médicas.