Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 24 de xuño de 1999 Páx. 8.068

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 17 de xuño de 1999 pola que se modifica a do 5 de febreiro de 1999 pola que se regulan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios durante o ano 1999.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas produccións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como a climatoloxía, enfermidades, etc.

Así mesmo, a Orde do 5 de febreiro de 1999 pola que se regulan as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios neste ano, especifica as porcentaxes de subvención que a Xunta de Galicia outorga ás diferentes liñas agrícolas do plan 99 e as liñas pecuarias do plan 98 sobre a porcentaxe de subvención achegada por Enesa.

Asemade, na Orde do 23 de decembro de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións da Administración xeral do Estado por medio de Enesa á suscrición dos seguros agrarios combinados incluídos no plan 1999, especifícanse tódalas liñas subvencionables entre as que se citan as de nova contratación durante este ano. A partir do 1 de xullo ábrese o período de subscrición para o seguro de explotacións de gando vacún de reproductores e recría, que esixe un novo axuste por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en canto ás condicións reflectidas na devandita Orde do 5 de febreiro de 1999.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 1º e 3º da Orde do 5 de febreiro de 1999 e quedan redactados como segue:

Artigo 1º

Durante o ano 1999 poderán beneficiarse das axudas establecidas polo Decreto 332/1995, do 27 de decembro, os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autó

noma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan anual de seguros agrarios combinados 1999, ou pólizas gandeiras do plan anual de seguros agrarios combinados 1998, así como o seguro de explotacións de gando vacún de reproductores e recría do plan anual de seguros agrarios 1999, e cumpran co establecido no devandito decreto e nesta orde.

Artigo 3º

A axuda que concederá a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria consistirá nunha porcentaxe da outorgada para o mesmo fin pola Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), que xa dá un tratamento diferenciado positivamente a determinadas explotacións agrarias. Para o ano 1999 fíxase nun 18% da axuda á contratación que ó solicitante lle corresponde de Enesa, agás para as liñas de uva de vinificación, a liña de froiteiras (mazá de mesa, pera, pexego, albaricoque e ameixa), cereixa e kiwi nas súas diferentes modalidades de contratación, nas que este porcentaxe se eleva ó 55%, así como na liña de seguro de explotacións de gando vacún de reproductores e recría na que esta porcentaxe se fixa no 22%.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria