Co fin de promocionar todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, esta consellería, a través da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, convoca os Premios Galicia de Comunicación 1999. Para tal efecto
DISPOÑO:
Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 1999 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo a esta orde. Os gastos que se deriven serán sufragados con cargo á partida 04.08.361.A 480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1999.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública
ANEXO I
Bases que rexen a convocatoria dos Premios
Galicia de Comunicación 1999
Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 1999 realizaran un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse ó afondamento e difusión da realidade galega.
Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 1999, dotados cada un deles coa contía dun millón de pesetas, excluída a retención regulamentaria, serán seis:
1) Premio ó mellor labor de comunicación no ámbito nacional e internacional, referido á Comunidade Autónoma de Galicia.
2) Premio ó mellor labor de comunicación en medios impresos galegos, e referido a esta Comunidade Autónoma.
3) Premio ó mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos galegos, e referido a esta Comunidade Autónoma.
4) Premio ó mellor labor de comunicación en medios radiofónicos galegos, e referido a esta comunidade.
5) Premio ó mellor labor de comunicación en televisión, referido a Galicia.
6) Premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.
Terceira.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 15 de outubro de 1999.
Cuarta.-A presentación farase en sobre cerrado e a solicitude virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos (edificio administrativo de Presidencia, San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:
a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista no que aparece, indicando cál é o traballo e a qué premios opta, así como o nome e enderezo do autor.
Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa periodística correspondente que acredite quén é o autor.
b) Se o traballo se emitiu por radio ou pola televisión, presentará dúas cintas co programa ou programas, indicando a qué premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.
c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no nº 6 da base segunda, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos extremos contidos na memoria de referencia.
Quinta.-O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios serán nomeados polo secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos. Constituiranos persoas escollidas polos seus coñecementos nas materias obxecto dos premios.
Sexta.-Á marxe do exposto no punto cuarto destas bases, os membros do xurado ou xurados poderán presentar libremente a cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optar a estes premios.
Sétima.-O veredicto do xurado ou xurados farase público nun acto que terá lugar nun prazo non inferior ós 15 días seguintes á data de recepción dos traballos.
Oitava.-Os traballos recibidos non se lles devolverán ós autores. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos reserva para si o dereito a publicar ou emiti-los traballos premiados, sen fin de lucro.
Novena.-As decisións do xurado ou xurados serán inapelables e o premio ou premios que este considere oportunos poderán ser declarados desertos.
Décima.-A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases.