Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 17 de xuño de 1999 Páx. 7.689

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 1999 pola que se convoca, polo sistema de libre designación, un posto vacante do cadro de persoal de funcionarios de administración e servicios desta universidade.

Vacante na Universidade de Santiago de Compostela o posto de traballo que se indica no anexo a esta resolución e sendo necesaria a súa provisión con carácter urxente,

Este rectorado, en uso das atribucións que ten conferidas e de conformidade co previsto no artigo 6 da Lei 3/1995, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, resolve convoca-lo antedito posto, polo sistema de libre designación, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Requisitos dos candidatos.

Poderán concursa-los funcionarios que pertenzan ós grupos de titulación esixidos para o posto convocado.

2. Solicitudes.

2.1. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, sendo o prazo de presentación de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.2. A presentación de solicitudes poderá facerse no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, no Rexistro do Campus de Lugo, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.3. Os erros de feito poderán emendarse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado.

3. Méritos.

Os aspirantes deberán xuntarlle á petición un currículum vitae, e xustificar debidamente os méritos que alegue.

4. Adxudicación de postos.

No caso de resultar seleccionado algún funcionario con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento ó que figure adscrito.

5. Norma derradeira.

A presente convocatoria e as súas bases, así como cantos actos administrativos se deriven desta, poderán ser recorridos polos interesados, de conformidade co establecido na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1999.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Denominación do posto: secretaria/o do rector.

Quenda: tarde.

Nivel: 18.

Grupo: C/D.

Complemento específico: 545.160 ptas.