Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 11 de xuño de 1999 Páx. 7.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de xuño de 1999 pola que se regula a concesión de axudas para o fomento e desenvolvemento do cooperativismo agrario en Galicia.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais na busca do cambio e mellora das estructuras productivas do campo galego, xa que a producción, normalización, transformación e comercialización das produccións agrarias mediante fórmulas asociativas permite lograr unha maior competitividade nos mercados actuais.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considera de máximo interese incentiva-las accións que teñen como obxectivos a divulgación e promoción do asociacionismo, a educación e formación cooperativa, o fortalecemento das súas estructuras productivas e comerciais, o redimensionamento, a integración e a modernización das entidades asociativas agrarias.

Para logra-la consecución dos obxectivos citados establécense e regúlanse nesta orde as seguintes liñas de axuda:

I. Axudas para a incorporación de novos socios ás cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (en adiante SAT).

II. Axudas para gastos de constitución e establecemento de novas cooperativas en sectores ou comarcas con escaso desenvolvemento do cooperativismo agrario.

III. Axudas para o fomento da fusión, absorción e integración das entidades asociativas agrarias.

IV. Axudas para mellora-la formación cooperativa.

V. Axudas para a adquisición de novos equipos informáticos e material de oficina.

VI. Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado.

VII. Axudas para a contratación de persoal.

VIII. Axudas para as actividades desenvolvidas polas organizacións representativas das entidades asociativas agrarias.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

I. Axudas para a incorporación de novos socios ás cooperativas agrarias e SAT.

Artigo 1º.-Obxecto.

Fomentar e promove-lo asociacionismo agrario na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a integración de novos socios.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT xa constituídas, que teñan o seu domicilio social en Galicia e que incorporen novos socios, cumprindo as condicións que se detallan a continuación.

Artigo 3º.-Condicionantes.

1. Os novos socios deben ser maiores de idade e non ter máis de 50 anos na data de ingreso na entidade.

2. Deberán integrarse formalmente antes do 15 de setembro do ano en que estamos.

3. Deben estar vinculados co sector agrario por algunha das seguintes causas:

a) Ser empresario directo e persoal do referido sector.

b) Ser socio dunha entidade asociativa de carácter agrario.

c) Ser asalariado do sector agrario.

d) Ter dependencia familiar deste sector.

4. Acreditarán ter suficiente capacitación profesional na actividade que lle corresponda desenvolver en relación coa entidade na que se integra ou, no caso de non posuíla, comprometerse a adquirila no prazo de 2 anos.

5. Permanecer na cooperativa ou SAT alomenos durante 5 anos, e cumpri-las obrigas que como socio lle corresponden, fundamentalmente participar nas actividades cooperativizadas.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Serán subvencionables as achegas económicas que os agricultores e gandeiros beneficiarios estean obrigados a satisfacer para adquiri-la condición de socios, sempre que sexan reintegrables unicamente en caso de disolución da entidade ou da perda da condición de socio por causa obrigatoria e xustificada allea a el.

2. Contía da subvención e limitacións:

a) No caso dos agricultores e gandeiros que se integren con menos de 40 anos de idade, a contía da subvención poderá acadar ata o 50% das achegas económicas ás que se refire o punto 1 deste artigo, co límite máximo de 300.000 ptas. por cada novo socio.

b) No caso dos agricultores e gandeiros que se integren tendo entre 40 e 50 anos inclusives, a contía da subvención non superará o 40% das achegas económicas realizadas, co límite máximo de 250.000 ptas.

c) Excepcionalmente, cando a integración de novos socios leve consigo un programa de investimentos específico e relacionado coa devandita integración, que previamente debe ser informado favorablemente polo Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, o límite máximo será de 600.000 ptas.

d) A subvención total por entidade beneficiaria non poderá supera-lo importe de 12.000.000 de ptas.

3. As achegas económicas ás que se refire este artigo poderán efectuarse baixo calquera das modalidades seguintes:

a) Entregas en efectivo.

b) Entregas en capital mobiliario, valoradas por técnico competente, de acordo cos prezos de referencia na comarca.

Artigo 5º.-Documentación específica.

A solicitude de subvención debe presentala a entidade asociativa, xunto coa documentación de carác

ter xeral que se cita no artigo 59º desta orde, e da documentación específica que se detalla a continuación:

a) Certificación do secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente, na que consten as achegas económicas que é necesario realizar para adquiri-la condición de socio e o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas á entidade.

b) Cando a integración de novos socios leve consigo un programa de investimentos concreto, breve memoria explicativa e certificación del.

c) Copia das solicitudes de admisión como socios.

d) Copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

e) Documentación que acredite a vinculación co sector agrario dos interesados en integrarse, así como a súa capacitación profesional suficiente ou, en caso de non tela, compromiso de adquirila no prazo de 2 anos contados desde o seu ingreso.

f) Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT durante alomenos 5 anos, asinado por cada interesado. Se nese período causase baixa, voluntariamente ou por circunstancias imputables ó socio, a entidade debe comunicalo á antedita dirección xeral no prazo máximo de tres meses, así como reintegra-la subvención percibida.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Para a concesión desta axuda valoraranse preferentemente as solicitudes presentadas polas cooperativas agrarias.

Tamén se poderá ter en conta con carácter preferencial que os interesados en integrarse teñan menos de 40 anos de idade, así como a maior dimensión social e económica da entidade onde se integran.

Artigo 7º.-Xustificación da axuda.

1. Unha vez aprobado o ingreso dos novos socios, a entidade debe xustificar que efectuaron as achegas económicas establecidas para adquirir tal condición, mediante certificacións individuais ó respecto, expedidas polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

Na devandita certificación figurará a data de integración, o importe total que se debe satisfacer para ser socio, o importe efectivamente desembolsado unha vez restada a subvención concedida, a data na que se realizou e o seu destino.

2. Nos casos en que a integración dos novos socios levase consigo un programa de investimentos específico relacionado con ela, a entidade beneficiaria deberá xustificar debidamente a súa realización. Presentará unha memoria descritiva e as facturas orixinais ou as súas copias compulsadas dos gastos efectuados.

II. Axudas para gastos de constitución e establecemento de novas cooperativas en sectores ou comarcas con escaso desenvolvemento do cooperativismo agrario.

Artigo 8º.-Obxecto.

Fomentar e promove-lo asociacionismo agrario na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a constitución de novas cooperativas.

Artigo 9º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas as cooperativas agrarias e as cooperativas de explotación comunitaria da terra, recentemente constituídas, que cumpran as condicións que se detallan no seguinte artigo.

Artigo 10º.-Condicionantes.

1. Só se subvencionarán as cooperativas que se constitúan en sectores e/ou bisbarras onde o cooperativismo sexa inexistente ou estea escasamente desenvolvido, non existindo a posibilidade de que os agricultores se asocien a outra xa establecida na mesma zona ou limítrofes.

2. O interese e a necesidade da súa constitución debe estar avalado polo correspondente estudio de viabilidade, realizado por técnico competente.

3. Deberán estar formalmente constituídas antes de remata-lo prazo para solicitar esta liña de axudas.

4. O número mínimo de socios será de 20 para as cooperativas agrarias, e de 6 para as de explotación comunitaria da terra. Excepcionalmente, poderase admitir un número inferior se existe unha causa xustificada que así o motive.

Artigo 11º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderán subvencionarse:

a) A realización de estudios de viabilidade previos que avalen a creación de novas cooperativas.

b) Os gastos de constitución e primeiro establecemento, fundamentalmente gastos de asesoramento, elaboración da documentación e tramitación, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados.

2. Contía da subvención e limitacións:

a) No caso dos estudios de viabilidade, a subvención non superará o 70% do seu custo, ata un máximo de 350.000 ptas. por estudio.

b) Os gastos de constitución poderanse subvencionar na súa totalidade, ata un máximo de 400.000 ptas. por cooperativa subvencionable.

Artigo 12º.-Documentación específica.

Ademais da documentación xeral que se detalla no artigo 59º desta orde, tamén se presentará:

a) Memoria xustificativa sobre o interese e a necesidade da súa constitución.

b) Copia do estudio de viabilidade.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

d) Copia compulsada da escritura de constitución, dos estatutos e da inscrición rexistral.

e) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e capital social.

f) Relación das actividades e dos gastos realizados.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

A concesión das subvencións solicitadas farase con base no estudio de viabilidade presentado, tendo en conta tamén o número de socios que a conforman, o sector de actividade e a comarca de implantación.

Artigo 14º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento da axuda concedida, a nova entidade debe xustifica-los gastos efectuados, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

2. En calquera caso, será condición necesaria que previamente informe con carácter favorable o Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e a necesidade de constitución da nova cooperativa.

III. Axudas para o fomento da fusión, absorción e integración das entidades asociativas agrarias.

Artigo 15º.-Obxecto.

Fomentar e favorece-los procesos de fusión, absorción e integración cooperativa, encamiñados a lograr un redimensionamento sectorial e un fortalecemento das estructuras productivas e comerciais das entidades asociativas agrarias, que redunden nun incremento e mellora dos servicios prestados ós seus socios e nunha maior viabilidade e estabilidade económica que as faga máis competitivas.

Artigo 16º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT, con domicilio social en Galicia, que:

a) Estean inmersas ou dispostas a iniciar un proceso de fusión ou de absorción.

b) Estean dispostas a integrarse nunha sociedade cooperativa de segundo ou ulterior grao ou nunha agrupación de sociedades agrarias de transformación.

Se o proceso está rematado, o beneficiario xa será a entidade resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso.

Artigo 17º.-Condicionantes.

1. Compromiso de que tódolos socios teñen que participar, de forma total e obrigatoria, alomenos na actividade económica principal realizada pola entidade resultante.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante a resolución de concesión desta axuda, establecerá para cada caso unha facturación mínima, que a entidade resultante quedará obrigada a acadar no prazo de 2 anos, contados desde a finalización do proceso de integración, fusión ou absorción.

3. A entidade asociativa resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso, deberá presentar balance, conta de resultados e memoria técnica explicativa ante esta consellería, durante os 5 exercicios seguintes á concesión desta axuda.

4. O incumprimento dalgunha das tres condicións anteriores levará consigo a devolución da subvención recibida máis os xuros legais que correspondan, nos 6 meses seguintes ó seu requirimento por parte da Administración.

5. Compromiso de mante-la integración por un período mínimo de 5 anos.

6. Deberase presentar estudio de viabilidade e memoria técnica, realizados por técnico competente, que xustifiquen e avalen o interese e a necesidade de levar a cabo a fusión, absorción ou integración prevista.

7. O prazo para remata-los procesos citados será de 6 meses, contados a partir da data de finalización da presentación de solicitudes de subvención.

Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá prorrogar este prazo por instancia das entidades interesadas, sempre que exista unha causa xustificada que así o motive.

Artigo 18º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderán subvencionarse:

a) Os estudios económicos e de viabilidade, a confección de balances de fusión, as memorias técnicas e as auditorías que se realicen previamente e que avalen os procesos previstos.

b) Os gastos orixinados polos procesos de fusión, absorción ou integración, fundamentalmente gastos de asesoramento, elaboración da documentación e tramitación, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados.

c) As achegas ó capital social e as cotas de ingreso que deban satisfacer á entidade resultante, absorbente ou integradora, cada unha das cooperativas e SAT que participan no proceso.

2. Contía da subvención e limitacións:

a) No caso dos estudios económicos relacionados, a subvención non superará o 70% do seu custo, ata un máximo de 2.000.000 de ptas. por proceso.

b) Os gastos recollidos no punto 1 b) anterior poderanse subvencionar na súa totalidade, ata un máximo de 500.000 ptas.

c) En canto ás achegas ó capital social e cotas de ingreso, a subvención pode chegar:

-Nos casos de fusión e absorción, ata o 75%. Límites máximos:

15.000.000 de ptas. por cada cooperativa.

60.000.000 de ptas. por cada proceso.

-Nos casos de integración, ata o 50%. Límites máximos:

10.000.000 de ptas. por cada cooperativa que se integre.

2.000.000 de ptas. por cada SAT que se integre.

40.000.000 de ptas. para o conxunto de cada integración.

Artigo 19º.-Documentación específica.

Ás solicitudes xuntaráselle-la documentación de carácter xeral que corresponda segundo o artigo 59º, e da seguinte documentación específica:

a) Copia do estudio de viabilidade e da memoria técnica que avalen a conveniencia do proceso de fusión, absorción ou integración que se pretende levar a cabo, así como dos balances e informes de auditoría.

b) Identificación e cualificación dos equipos técnicos realizadores.

c) Relación das entidades asociativas participantes, composición e membros dos respectivos consellos rectores, copia dos seus estatutos e das inscricións rexistrais.

d) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e capital social.

e) Copia compulsada da acta da asemblea xeral de cada unha das cooperativas e SAT participantes, onde conste o acordo de fusión, absorción ou integración, segundo cada caso.

Ademais, na dita asemblea xeral débense adoptar unha serie de compromisos ou faculta-lo consello rector para adoptalos no seu nome. Os ditos compromisos son:

-Obriga de asumi-las achegas ó capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

-Permanecer integrada como mínimo durante 5 anos.

-Que tódolos socios participen, de forma total e obrigatoria, alomenos na actividade económica principal realizada pola entidade resultante, absorbente ou integradora.

f) Relación das actividades e dos gastos previstos.

g) Cando o proceso desenvolvido leve consigo modificacións ou a constitución dunha nova entidade, deberase presentar copia compulsada da escritura pública, da inscrición rexistral, do CIF e dos estatutos sociais.

Se no momento de presenta-la solicitude de axuda, a fusión, absorción ou integración non están rematadas, será necesario alomenos achega-la documentación que probe que o proceso está formalmente en tramitación ante a Administración competente.

Artigo 20º.-Criterios de valoración.

Para a concesión das subvencións solicitadas teranse en conta o estudio de viabilidade e a memoria técnica presentados, o número e dimensión das entidades participantes, a relación de actividades e gastos previstos e as achegas ó capital social e cotas de ingreso que se establezan.

Artigo 21º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das axudas concedidas para sufraga-los gastos recollidos nos puntos 1 a) e 1 b) do artigo 18º, será necesario que os devanditos gastos se xustifiquen mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

2. No caso das achegas ó capital social e cotas de ingreso (punto 1 c) do citado artigo 18º), para efectua-lo pagamento da axuda deberanse presentar certificacións individuais expedidas polo secretario da entidade resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso, co visto e prace do seu presidente, conforme as entidades participantes efectuaron as achegas económicas establecidas.

Na devandita certificación figurará a data da fusión, absorción ou integración, o importe total que vai satisfacer cada entidade participante, o importe efectivamente desembolsado unha vez restada a subvención concedida, a data na que se realizou e o seu destino.

3. En calquera caso, é necesario o informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e conveniencia da fusión, absorción ou integración que se pretende realizar.

4. A documentación e xustificación dos gastos, segundo se require para esta liña de axudas, débese presentar durante os 15 días naturais seguintes ó da data de culminación dos devanditos procesos.

5. O pago da axuda poderá realizarse á entidade que a solicitou ou tamén á entidade resultante cando por imperativos formais así fose necesario, logo de solicitude e autorización ó respecto.

6. Os procesos de fusión, absorción ou integración de cooperativas e SAT, debido á súa complexidade e duración, poden culminar máis alá do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente poderá ter carácter plurianual.

IV. Axudas para mellora-la formación cooperativa.

Artigo 22º.-Obxecto.

Mellora-la capacitación profesional e a formación empresarial do persoal e dos socios das cooperativas e SAT, así como divulga-lo asociacionismo agrario nesta Comunidade Autónoma, mediante a realización de actividades formativas, fundamentalmente asistencia e organización de cursos, seminarios, xornadas técnicas e viaxes agrarias.

Artigo 23º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas as cooperativas agrarias, as de explotación comunitaria da terra e as SAT domiciliadas en Galicia.

Artigo 24º.-Condicionantes.

1. As solicitudes de subvención para actividades de formación realizadas durante este ano, antes de publicarse esta orde, que cumpran as condicións esixidas nela, poderanse subvencionar. Excepcionalmente, admitiranse solicitudes para accións formativas iniciadas durante o último cuadrimestre de 1998 e que terminen durante 1999, sempre que o período de inicio e realización da actividade estean debidamente xustificados.

En calquera caso, as actividades de formación subvencionadas deberán realizarse e rematar antes do 15 de outubro do ano en que estamos.

2. Os cursos que organicen as entidades asociativas, destinados ós seus socios e familiares, deberán ter unha duración mínima de 20 horas lectivas, dedi

cándolle alomenos un 20% da súa duración a temas relacionados directamente co asociacionismo agrario.

Artigo 25º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-los gastos derivados da:

a) Asistencia dos xerentes, técnicos e outros traballadores cualificados ó servicio das cooperativas e SAT a cursos especializados, seminarios, xornadas técnicas e viaxes agrarias formativas.

b) Organización e realización de cursos, seminarios, xornadas técnicas ou viaxes agrarias formativas por parte das cooperativas e SAT, destinados ó seu persoal, e sobre todo ós socios e demais membros da unidade familiar que teñan relación coas actuacións destas entidades.

c) Calquera outra actividade semellante que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considere de interese.

2. Para as anteditas actividades formativas establécense as seguintes subvencións:

a) A asistencia dos traballadores das cooperativas e SAT a cursos, seminarios e xornadas poderá apoiarse ata o 50% dos gastos que se ocasionen por desprazamento, aloxamento e cotas de inscrición, cun máximo de 300.000 ptas. por persoa e curso.

b) A organización e realización de cursos, seminarios e xornadas poderase subvencionar ata o 80% dos custos efectivos do profesorado e do material didáctico necesario, cun máximo de 600.000 ptas. por curso.

c) Cando as entidades organicen viaxes agrarias formativas, o importe da subvención poderá cubrir ata o 50% dos gastos derivados, fundamentalmente desprazamento e aloxamento, coas seguintes limitacións máximas:

-10.000 ptas. por persoa e día de viaxe.

-75.000 ptas. por persoa que efectivamente realice a viaxe.

-2.000.000 de ptas. por viaxe subvencionada.

3. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, se o considera oportuno e en función das características e do programa dos cursos e das viaxes subvencionables, poderá establecer uns importes máximos auxiliables para cada capítulo de gastos, sen supera-los límites citados anteriormente.

Artigo 26º.-Documentación específica.

Ademais da documentación de carácter xeral requirida no artigo 59º, as solicitudes virán acompañadas, como documentación específica, por unha memoria explicativa das actividades formativas que está previsto realizar, na que se faga referencia alomenos ós seguintes aspectos:

a) Motivación e obxectivos.

b) Persoal a quen van dirixidas.

c) Duración, datas e lugares de celebración.

d) Programa, debidamente xustificado.

e) Número e relación de participantes.

f) Coordinador-responsable das actividades.

g) Profesorado.

h) Orzamento desagregado por partidas ou facturas pro forma.

i) Financiamento previsto.

Artigo 27º.-Criterios de valoración.

Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-O interese das accións formativas que se vaian realizar.

-A relación existente entre o programa e a actividade desenvolvida pola entidade solicitante.

-O número de participantes.

-As garantías de cumprimento do programa previsto.

-O menor número de solicitudes de subvención, para os mesmos conceptos que se lle concederon nos últimos 3 anos.

Artigo 28º.-Xustificación da axuda.

Unha vez realizada a actividade de formación e comprobada a súa correcta execución, procederase ó pagamento da subvención. Para tal efecto, previamente as entidades beneficiarias deberán presentar:

a) Memoria-informe das accións formativas desenvolvidas, describindo aquelas incidencias e aspectos técnicos máis relevantes. Debe asinala o coordinador-responsable das actividades e o presidente da entidade.

b) Relación definitiva de tódolos participantes, cos seus correspondentes datos persoais, así como do profesorado.

c) Xustificación dos gastos efectuados, perfectamente detallados e clasificados por capítulos, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

d) Copia compulsada da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento similar que acredite o seu pagamento.

V. Axudas para a adquisición de novos equipos informáticos e material de oficina.

Artigo 29º.-Obxecto.

Lograr que a xestión empresarial das entidades asociativas agrarias sexa máis eficaz, moderniza-los procedementos de xestión técnico-administrativa e incrementa-la prestación de servicios ós seus socios, mediante a adquisición de medios informáticos e material de oficina.

Artigo 30º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT con sede social propia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 31º.-Condicionantes.

1. Só se subvencionarán as entidades que soliciten por primeira vez ou as que poñan en marcha novas iniciativas, actividades ou servicios que permitan xustifica-los investimentos que se van realizar.

2. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 25.000.000 de ptas. No caso das entidades de nova creación non se esixirán estes límites.

3. A adquisición de equipos deberá realizarse antes do 15 de setembro deste ano.

Artigo 32º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderase subvenciona-la adquisición de equipos e programas informáticos, fotocopiadoras e fax.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, sen supera-los seguintes límites máximos:

-Equipos e programas informáticos: 2.000.000 de ptas.

-Fotocopiadoras: 300.000 ptas.

-Fax: 100.000 ptas.

Artigo 33º.-Documentación específica.

Para solicitar esta axuda é necesario presenta-la documentación xeral establecida no artigo 59º desta orde, así como a documentación específica seguinte:

a) Relación e características dos equipos informáticos que posúe a entidade.

b) Memoria xustificativa da necesidade e aplicación do equipo e programas informáticos, fotocopiadora ou fax que se pretenden adquirir, en resposta ó esixido no punto 1 do artigo 31º.

c) Especificación das características técnicas dos novos equipos.

d) Orzamento ou facturas pro forma.

Artigo 34º.-Criterios de valoración.

Para a concesión desta axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

-O menor número de solicitudes de subvención e o seu importe, para os mesmos conceptos, que se lle concederon nos últimos 3 anos.

Artigo 35º.-Xustificación da axuda.

Para efectua-lo pagamento da axuda concedida será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se deberá presentar copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida pola empresa subministradora ou calquera outro documento similar que acredite o pagamento das referidas facturas.

VI. Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado.

Artigo 36º.-Obxecto.

O obxecto desta liña de axudas é dobre:

-Que as entidades asociativas agrarias regularicen a súa contabilidade e coñezan o mellor posible a súa situación económica real, mellorando a xestión empresarial e facéndoa máis transparente ante os socios, mediante a realización de auditorías e análises de xestión.

-Que as entidades asociativas agrarias analicen as súas posibilidades e perspectivas de futuro, a conveniencia de pór en marcha novos servicios e actividades, o coñecemento do mercado e do seu contorno e a mellora da comercialización das súas produccións, mediante a elaboración de estudios de viabilidade e de estudios de mercado.

Artigo 37º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas agrarias, as de explotación comunitaria da terra e as SAT con domicilio social en Galicia.

Artigo 38º.-Condicionantes.

1. As auditorías e análises de xestión deben ser realizadas por censores xurados de contas ou auditores rexistrados oficialmente. No caso dos estudios de viabilidade e de mercado, serán realizados por técnicos competentes na materia, colexiados e con experiencia suficiente.

2. Os informes das auditorías e análises de xestión e as conclusións dos estudios, conxuntamente cos dictames efectuados, deberanse explicar con claridade ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que teña lugar con posterioridade á súa realización. Esta exposición detallada ante o socio recollerase expresamente na acta da devandita sesión plenaria.

3. O prazo para face-las auditorías e os estudios remata o 15 de outubro deste ano.

4. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 25.000.000 de ptas.

Artigo 39º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Son subvencionables as auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado que se realicen de acordo co establecido nesta orde.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 70% do seu custo, cun máximo de 1.500.000 ptas. por auditoría, análise ou estudio realizado.

Artigo 40º.-Documentación específica.

Presentarase a documentación xeral que establece o artigo 59º, e a documentación específica que se detalla seguidamente:

a) Memoria xustificativa.

b) Orzamento ou facturas pro forma.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

Artigo 41º.-Criterios de valoración.

Para a aprobación desta axuda teranse en conta preferencialmente:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-Que as entidades solicitantes teñan como actividade principal a transformación e comercialización dos productos dos seus socios.

-Que as entidades inicien novas actividades ou servicios.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

Artigo 42º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Achegarase copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida polo equipo técnico realizador ou calquera outro documento similar que acredite o pagamento das devanditas facturas.

2. Ademais, para a xustificación dos gastos será necesario presenta-la seguinte documentación:

-Copia e informes de auditoría e análises de xestión e copia dos estudios de viabilidade e de mercado que se subvencionaron, así como das conclusións e dictames resultantes.

-Copia compulsada ou certificación da acta da sesión plenaria, na cal se lles explicase ós socios con claridade os estudios, auditoría e informes realizados.

3. O Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, á vista da documentación xustificativa que segundo este artigo é necesario presentar, valorará se as análises de xestión, auditorías, estudios de viabilidade e estudios de mercado realizados se axustan ó inicialmente solicitado, con base no que se describe na memoria e demais documentación que se xunta á solicitude. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que poderá considerarse condicionante para a determinación do importe final da axuda concedida.

VII. Axudas para a contratación de persoal.

Artigo 43º.-Obxecto.

Mellorar e profesionaliza-la xestión empresarial, fortalece-las estructuras productivas e comerciais tanto técnica como funcionalmente, realizar novas actividades e ofrecer máis servicios, mediante a contratación de persoal para cubrir novos postos de traballo que sexa necesario crear.

Artigo 44º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda:

1. As cooperativas agrarias e SAT, con domicilio social en Galicia, que contraten persoal para xerencia, traballos técnicos, especialistas e outros tra

balladores, sempre que a duración do novo posto de traballo creado sexa como mínimo de 2 anos.

2. As cooperativas agrarias, domiciliadas en Galicia, que contraten os servicios compartidos dun coordinador de actividades formativas.

Neste caso deberán ser un mínimo de 3 cooperativas, que teñan establecidos entre si vínculos legais de índole asociativa. De non ser así, deberán designar para estes efectos a unha delas como representante das demais, obrigándose solidariamente a cumpri-los compromisos contraídos.

Artigo 45º.-Condicionantes.

1. A contratación de persoal entenderase subvencionable cando se dean alomenos algunha das seguintes circunstancias:

-Que sexa o primeiro posto de traballo.

-Que a entidade poña en marcha novas actividades ou servicios que impliquen a creación de novos postos de traballo.

-Que signifique un incremento neto do seu cadro de persoal, como consecuencia do seu crecemento productivo.

2. A entidade solicitante deberá ter alomenos 50 socios ou facturar como mínimo 25.000.000 de ptas. No caso das entidades de nova creación non se esixirán estes límites.

3. As contratacións de persoal subvencionable deberanse realizar durante 1999, antes do 30 de setembro próximo, como data límite para a formalización do contrato.

4. Pola súa tipoloxía, os contratos subvencionables deberán ser de carácter indefinido ou de duración determinada por obra ou servicio determinado.

5. En todo caso, o posto de traballo creado deberá manterse durante un mínimo de 2 anos para ter dereito á subvención, que se lle concede unicamente para o primeiro ano.

6. No caso dos postos de coordinación de actividades formativas, a duración mínima será de 1 ano, prorrogable ata 3 anos, se as entidades beneficiarias así o desexan. A solicitude e concesión de prórroga farase cada ano ó abeiro da orde de axudas correspondente.

7. Cando se produza a rescisión dun contrato para o que se concedeu subvención, procederase á substitución do traballador no prazo máximo de 1 mes, en similares condicións ás inicialmente aprobadas, para seguir tendo dereito á axuda concedida.

Os datos do substituto e a copia compulsada do novo contrato remitiranse no prazo máis breve posible á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

Artigo 46º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-las retribucións económicas dos traballadores contratados ó abeiro desta liña de axudas, segundo o establecido no contrato e nas súas nóminas, durante o primeiro ano de duración da contratación.

A subvención aprobada non comprenderá en ningún caso as cotizacións á Seguridade Social que lle correspondan á entidade contratante.

2. Contía económica e limitacións:

a) O importe da subvención poderá chegar ata o 70% das devanditas retribucións económicas.

No caso dos coordinadores de actividades formativas poderá chegar ata o 90%.

b) As retribucións económicas subvencionables deberán estar en consonancia cos cometidos e co nivel do posto de traballo desenvolvido. En todo caso, as subvencións concedidas non poderán supera-los seguintes límites:

-Xerentes e técnicos: 3.500.000 ptas.

-Persoal especializado: 2.500.000 ptas.

-Outro persoal: 1.500.000 ptas.

-Coordinadores de actividades formativas:

3.500.000 ptas.

Artigo 47º.-Documentación específica.

Ademais da documentación de carácter xeral que se detalla no artigo 59º desta orde, é necesario presenta-la documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos, características e viabilidade das contratacións que se pretenden realizar.

b) Orzamento anual de contratación.

c) Data prevista de contratación.

Se posteriormente non fose posible a contratación na data preestablecida, solicitarase á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación autorización para pospoñela, indicando as circunstancias que motivan o atraso e sinalando a nova data de formalización do contrato.

d) Compromiso formal de mante-lo posto de traballo que se crea durante o tempo mínimo que se fixa nesta orde.

e) Compromiso formal sobre as condicións de substitución, en caso de rescisión do contrato de traballo antes de finaliza-lo período de duración establecido.

f) Copia compulsada do TC2 do mes de decembro de 1998.

Artigo 48º.-Criterios de valoración.

1. Para a concesión desta axuda terán preferencia as solicitudes presentadas polas cooperativas agrarias e SAT que:

-Soliciten por primeira vez.

-Poñan en marcha novas actividades ou servicios.

-Incrementen significativamente o seu cadro de persoal.

2. En canto ós postos de traballo que se crean, consideraranse preferenciais os postos de xerentes, técnicos, administración, especialistas e outros traballadores, por esta orde.

3. Tamén se terán en conta os seguintes criterios de preferencia:

-As razóns expostas na memoria xustificativa e a viabilidade da contratación.

-A dimensión social e económica da entidade solicitante.

-O coñecemento do cooperativismo que acredite o persoal contratado.

Artigo 49º.-Xustificación da axuda.

1. Para poder realiza-lo pagamento das subvencións concedidas será necesario xustificar debidamente os gastos efectuados, mediante:

-Copia compulsada das nóminas pagadas pola entidade ó novo persoal contratado.

-Copia compulsada dos TC1 e TC2 correspondentes ó período xustificado.

2. Coa primeira liquidación, tamén se achegará a documentación seguinte:

-Copia do DNI ou NIF do novo persoal contratado.

-Copia compulsada do contrato ou contratos, nos que deben figura-los datos persoais e profesionais dos traballadores.

-Copia compulsada do título académico ou, se non, certificación da entidade conforme ten cualificación suficiente para desempeña-lo posto de traballo creado para o cal se contrata.

3. A partir do primeiro pagamento iranse facendo sucesivas liquidacións da axuda, por trimestres naturais, para as que é necesario previamente presenta-las nóminas, TC1 e TC2 correspondentes.

4. As contratacións de persoal, por razón da súa duración, adoitan culminar máis alá do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente terá carácter plurianual.

VIII. Axudas para as actividades desenvolvidas polas organizacións representativas das entidades asociativas agrarias.

Artigo 50º.-Obxecto.

Regula-las subvencións ás organizacións representativas das entidades asociativas agrarias, para a realización de actividades de asesoramento e representación dos seus asociados e para o fomento e impulso do asociacionismo no sector agrario galego, tal como se detalla no artigo 53º.

Artigo 51º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar esta liña de axudas as organizacións representativas das cooperativas agrarias e SAT, que teñan a súa sede social e ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 52º.-Condicionantes.

1. Na aplicación desta axuda, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria vixente, poderá establecer convenios de colaboración coas organizacións representativas das cooperativas agrarias e SAT, para a realización de acti

vidades específicas consideradas de interese, segundo o establecido no seguinte artigo.

2. Teranse en conta tódalas actividades realizadas e os servicios prestados ós seus socios antes do 30 de outubro deste ano, data na que tamén deberán, como máximo, finaliza-los convenios que se asinen.

Artigo 53º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Serán subvencionables tódolos gastos relacionados coas actuacións que se detallan a continuación:

a) Elaboración de estudios, análises e informes técnicos sobre o sector agrario, tanto sectoriais coma de alcance xeral.

b) Representación sectorial ante as institucións económicas, nacionais e comunitarias, e participación en comisións, mesas e grupos de traballo ou outros órganos colexiados que se constitúan para o efecto.

c) Fomento e impulso do asociacionismo agrario en Galicia.

d) Realización de actividades formativas para o persoal e os socios das cooperativas agrarias e SAT.

e) Asesoramento e prestación de asistencia técnica e de xestión económica ás cooperativas, ás SAT e ós seus socios.

2. A contía das axudas regularase segundo o fixado nesta orde e o que se estableza ó respecto no marco dos convenios de colaboración que se asinen entre esta consellería e as organizacións representativas das cooperativas agrarias e SAT. En todo caso, a contía da axuda non poderá supera-lo 70% dos gastos subvencionables.

Artigo 54º.-Documentación específica.

As solicitudes presentaranse xunto coa documentación de carácter xeral que corresponda, segundo o artigo 59º desta orde, e coa documentación específica seguinte:

a) Memoria explicativa da configuración da organización representativa solicitante, composición e membros do seu consello rector, número e relación das cooperativas agrarias e SAT socias, subsectores nos que está implantada, datos do seu persoal e cometidos, infraestructura e medios, orzamento anual de gastos e financiamento.

b) Memoria xustificativa das actividades realizadas ou que se prevén realizar durante 1999, antes do 30 de outubro, e dos servicios prestados ós socios.

c) Orzamento ou facturas pro forma dos gastos previstos.

d) Calquera outra que se estableza nos convenios de colaboración que se asinen.

Artigo 55º.-Criterios de valoración.

A concesión das subvencións dependerá do interese, da naturaleza e do alcance das accións que se pretenden levar a cabo por parte das organizacións representativas solicitantes.

Terán preferencia as organizacións que teñan carácter xeral e que acrediten un maior grao de implantación no sector agrario galego.

Artigo 56º.-Xustificación da axuda.

Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas e das actividades realizadas no marco dos convenios de colaboración que se asinen, será necesario xustifica-las accións e os gastos efectuados, mediante a presentación de:

a) Memoria-resumo, na que se detallen con precisión as actividades efectivamente desenvolvidas e os servicios prestados.

b) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas dos gastos subvencionados.

c) Orixinais ou copias compulsadas das nóminas e dos TC1 e TC2 do persoal da organización representativa beneficiaria. A suma do seu importe, que se considerará para xustifica-la subvención concedida, non poderá ser superior ó conxunto dos demais gastos presentados.

Disposicións xerais

Artigo 57º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se xunta.

2. As solicitudes deben vir asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria, e os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Xuntaráselle-la documentación que se detalla nesta orde, tanto de carácter xeral coma específica, para cada liña de axudas. A documentación que sexa coincidente para varias liñas de axuda só se presentará unha vez.

3. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 58º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes de subvención rematará o 20 de xullo deste ano.

No caso da liña de axudas III (Axudas para o fomento da fusión, absorción e integración das entidades asociativas agrarias), este prazo prorrogarase ata o 30 de outubro deste ano, cando a dimensión e o interese do proceso en marcha así o aconsellen.

2. En xeral, pódense solicita-las subvencións que se establecen nesta orde para as accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 1999, coa excepción prevista no artigo 24º.1, previamente á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen.

Artigo 59º.-Documentación xeral.

As solicitudes deben presentarse xunto coa documentación específica que se detalla nesta orde para cada liña de axudas, e coa documentación de carácter xeral que a continuación se cita:

a) Certificación ou copia compulsada da acta da reunión do consello rector na que se:

-Aproba realiza-las accións para as que se vai pedi-la axuda.

-Acorda solicita-la axuda.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

b) Informe xeral sobre a entidade solicitante (segundo o modelo anexo IV, debidamente cuberto).

c) Copia compulsada do CIF.

d) Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último exercicio económico. No caso das cooperativas de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no Imposto de Actividades Económicas.

e) Certificacións (segundo o modelo anexo V), sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requerir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

-Non solicitar nin obter ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

f) Certificación bancaria do número de conta.

Artigo 60º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de 10 días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará por desistido da súa petición logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Non se concederán subvencións ó abeiro desta orde a aquelas cooperativas agrarias e SAT constituídas nos dous últimos anos naturais, salvo que sexan informadas favorablemente polo Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, en canto ó interese e á necesidade da súa constitución, por non existir ou estar escasamente desenvolvido o cooperativismo agrario na comarca ou sector en cuestión e por concorreren circunstancias excepcionais que así o aconsellen.

Artigo 61º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e feito o trámite anterior se fose necesario, elaborarase a proposta de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizada, elevará a proposta de resolución ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas agrarias beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, de acordo cos criterios de preferencia establecidos para cada liña de axudas e en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente.

3. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude debidamente cuberta no rexistro correspondente. A solicitude entenderase desestimada unha vez transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

Artigo 62º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 63º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.770.0 Promoción cooperativa agraria. Constitución e primeiro establecemento, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotada cun importe inicial de douscentos corenta e dous millóns cincocentas trinta e tres mil cincocentas setenta e tres pesetas (242.533.573 ptas.), así coma con outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación.

Artigo 64º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

Como norma xeral, este prazo será de 15 días naturais, contados a partir da data de finalización das accións e actividades subvencionadas.

O incumprimento deste prazo implicará a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá conceder prórrogas cando así o soliciten ás entidades interesadas e sempre que o motiven debidamente.

2. A xustificación do gasto efectuarase directamente ante o Servicio de Fomento Asociativo (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades e os gastos realizados, de acordo co que se especifica para cada liña de axudas no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

En todo caso, as facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE desagregado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite que xa están pagadas.

4. Para proceder ó pagamento da subvención concedida, é imprescindible que previamente a entidade beneficiaria presente a seguinte documentación de carácter xeral:

a) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

c) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

d) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

5. Non obstante o anterior, esta documentación esixida para a fase de pagamento poderá presentarse inicialmente xunto coa solicitude, segundo desexe o interesado.

6. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderá solicitarse documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, o seguimento e control destas axudas.

6. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ó respecto. Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Para os efectos da xustificación dos gastos, o IVE non se terá en conta.

Artigo 65º.-Obrigas e compromisos.

1. Ante a complexidade e diversidade desta orde de axudas, será obrigatorio que as entidades beneficiarias comuniquen á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar significativamente ó destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

Así mesmo, deberán permitir que a devandita Dirección Xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada e o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán calquera outra información complementaria que se puidese solicitar ó respecto, durante os cinco anos seguintes á concesión destas subvencións.

2. O incumprimento dos requisitos e fins establecidos nesta orde implicará a obriga por parte das entidades beneficiarias de reintegra-las subvencións recibidas ó Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia, incrementado o seu importe no xuro legal que proceda. A Xunta de Galicia poderá interpoñe-las correspondentes accións legais para esixi-las responsabilidades a que houbese lugar en dereito. As cantidades que van reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria